Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.
O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrará do 6 ao 20 de outubro a súa oitava edición cun programa articulado arredor da música antiga, os instrumentos históricos, a divulgación e o encontro co público. O certame compostelá ofrecerá seis concertos en diferentes espazos da capital de Galicia, ademais de cinema documental, unha conferencia, unha acción de improvisación, un club de lectura e varios encontros cos artistas. A programación principal de Ateneo Barroco desenvolverase en espazos como a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Paraninfo da Universidade. O calendario de recitais abrirase con Lina Tur Bonet e Bach, partita, sonata, e continuará con Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta e Bertrand Cuiller, antes do peche con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai en In dulci jubilo.
A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Íñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.
A artesá especializada en cestería e téxtil Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) foi recoñecida como mellor artesá de vangarda na quinta edición dos Premios Maestro Artesano do Círculo Fortuny, nun acto celebrado en Madrid. O galardón foille concedido pola súa cestería 'aberta a todas as posibilidades pola súa formación de bióloga, a súa inmensa creatividade e a súa mestría cesteira', tal e como sinalou a presidenta do Círculo Fortuny, Xandra Falcó, durante a cerimonia. 'Calquera téxtil, coiro ou material vexetal tecido con mil combinacións e de mil novas formas é posible neste taller impregnado de maxia e do campo galego', engadiu.
Grandes expertos en viaxes en longa distancia, os habitantes do Pacífico levaron vidas cosmopolitas moito antes de que os europeos chegasen á rexión. Son considerados ademais uns artistas excepcionais que crean fermosos obxectos para a súa vida cotiá con elementos naturais como pedra, madeira, fibras ou cunchas. Abanos, anzois, tecidos, armas, canoas... cada obxecto está belamente traballado, con decoracións impregnadas dun significado espiritual e profundo: a arte forma parte de todos os aspectos da vida. Voces do Pacífico estrutúrase así en sete ámbitos temáticos que se achegan a diferentes aspectos da arte e as tradicións de Oceanía e que inclúen o tecido, a danza, a talla ou as tecnoloxías de navegación.
A Filmoteca de Galicia abre mañá a programación de xuño cunha serie de filmes sobre eclipses agrupados baixo o título O obturador cósmico, no marco da xornada inaugural da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, e pechará o mes o día 30 cunha cita especial arredor do filme Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín, última proxección da temporada 2025-2026 na sala José Sellier. A carteleira mensual da cinemateca da Xunta inclúe o remate da primeira edición do ciclo Territorios mutantes coa dobre sesión Imaxinarios queer, ademais doutros títulos recentes que abordan esta temática desde perspectivas diversas. Completan o calendario unha proposta destacada en Fóra de serie co pase de Kill Bill: The Whole Bloody Affair en 35 mm e con subtítulos en galego e dúas sesións de Off Galicia con presentación e entrada de balde.
Foi presentada a programación do Festival Outono Lírico 2026, unha iniciativa impulsada pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo que permitirá gozar na cidade olívica da ópera Don Giovanni, de Mozart, e da actuación de grandes voces internacionais actuais. Entre as citas destacadas que programará este festival, cabe salientar a representación, o día 1 de novembro, de Don Giovanni, unha das obras máis influíntes e complexas da historia da ópera, que se ofrecerá na versión orixinal estreada en Praga, e coa participación da orquestra e coro GAOS. Tamén destaca o recital do 12 de setembro do tenor Jorge de León e o barítono Juan Jesús Rodríguez.
Tivo lugar a presentación do libro 'Manuel Curros Enríquez. Cartas a José Ojea (1904-1908)', no que se recollen 30 misivas manuscritas que o escritor de Celanova dirixiu ao seu amigo José Ojea e que supón a oportunidade de achegarnos a ao autor desde outra perspectiva, redescubrindo outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto. Esta publicación reproduce o contido das cartas orixinais enviadas entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, tres meses antes de que Curros Enríquez falecera na Habana, o que permite coñecer mellor o gran poeta do Rexurdimento no final da súa vida. O destinatario desta correspondencia foi, ademais de boticario de Cortegada, escritor, político e un dos fundadores da Real Academia Galega.
Víctor Ruppen (A Coruña, 1940-2018) é unha figura clave para entender unha etapa decisiva na procura dun cinema galego con continuidade, ambición profesional e vontade de diálogo co público. Arquitecto técnico de formación, produciu en total sete películas e foi socio das cadeas de exhibición Valle-Inclán, en Santiago de Compostela, Alphaville, en Madrid, e das distribuidoras Musidora e Videogram. Tras apoiar proxectos en súper 8, Víctor Ruppen impulsou a partir de 1975 o salto cara a formatos profesionais, con traballos en 16 mm e 35 mm.
« Anterior | 1  de  286 | Siguiente »

Notas cultura

'A idea tomou corpo nun rato de charla espontánea, pero porque xa nos roldaba', recoñece Fernando Romo Feito, editor e tradutor da Eneida en verso ao castelán, publicada por La Oficina de Arte y Ediciones. Precisamente foi cos editores da obra cos que o docente e investigador xubilado da UVigo Fernando Romo mantivo hai tres anos esa conversa e da que xurdiu unha obra sobre a que asegura 'de non gustarlles o resultado, sei que non a sacarían'.
'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Arquivo Histórico Universitario da USC celebra do 8 ao 14 de xuño a Semana Internacional dos Arquivos cunha exposición temporal e unha xornada científica o martes 9 en colaboración co Grupo de Investigación do Departamento de Historia Moderna da USC que leva por título 'Galicia e Portugal: vínculos históricos e fontes documentais para o seu estudo'.
Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, investigadores e investigadoras do grupo GEAAT da UVigo desenvolveron nas últimas semanas unha nova campaña arqueolóxica en Ons, que permitiu obter novos datos respecto da ocupación do castro do Castelo dos Mouros na época romana.
Do 9 e 13 de xuño celebrarase en Ourense a VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH). Baixo o título 'Produción, distribución e consumo de cerámicas nos territorios atlánticos da península ibérica', a cita reunirá especialistas de España e Portugal para dar a coñecer as últimas investigación feitas neste tipo cerámica. O groso do evento terá lugar en Ourense, pero un dos días trasladarase a Lugo.
O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. O resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, Aérokorda e Leni Pérez & Sekadra como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Baixo o título ...miña prenda, desde este xoves e ata o 24 de xullo, a Sala Alterarte acolle unha exposición do artista Xosé Poldras comisariada por Marta García. Con ela pecharase a programación deste curso académico do espazo expositivo do campus de Ourense. A mostra recolle principalmente gravados deste creador pero tamén dá entrada a outro tipo de pezas súas.
Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un equipo de investigadores e investigadoras da UVigo inicia estes días en Ons unha nova campaña arqueolóxica no castro do Castelo dos Mouros. As escavacións, que se desenvolverán ao longo de catro semanas, céntranse en dúas áreas que foron obxecto de sondaxes arqueolóxicas na campaña realizada o pasado ano, co propósito de obter novos datos.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES