5 As primeiras manifestacións políticas do feito diferencial galego:

O PROVINCIALISMO
Sabela López Expósito


Medio rematadas as guerras (guerrillas) carlistas en Galicia, xérase en Santiago –en torno a Sociedade Patriótica e a Acción Literaria- un grupo de xoves fidalgos apaixonados pola literatura (1ª xeración galeguista)que a través dela descobren a súa terra galega, o atraso no que está sumida e o desprezo a que se somete á súa xente. Esta percepción non soamente lles serve para inspirarse, senón tamén para “berrar” pola redención de Galicia e actuar politicamente en contra dos que creen causante do atraso galego: a tiranía do centralismo.

Como escritores que son a súa voz déixase oír nos xornais controlados (máis ou menos) por eles: El Iris de Galicia, El Centinela de Galicia, El Idólatra de Galicia, El Emancipador Gallego, La Situación de Galicia, La Aurora de Galicia, etc... Na escolleita destes títulos xa se percibe cal é o centro das súas preocupacións: Galicia, e tamén cales son os seus idearios. Nestes periódicos intentan formar á xente para conseguir un desenvolvemento da unidade galega e para levantar moi alta a bandeira do entusiasmo e do patriotismo.

Queren que a unidade organizativa se centre nas provincias, de aí o nome: provincialismo. Os ideais concretos poderiamos sintetizalos en tres grandes ideas:

  • Ocupa-lo poder político e exercelo a prol dos intereses galegos.
  • Facer política autónoma, respecto a Madrid, na tarefa lexislativa e no sistema tributario propio.
  • Reforma-lo sistema universitario.

Estes ideais están suficientemente documentados, porque así se manifestaron nas sucesivas proclamas das xuntas durante os días que tiveron un certo poder (abril de 1846). O que nunca estivo tan claro era a finalidade última das súas iniciativas. Parece que se barallaban tres opcións:1) Acadar unha certa autonomía respecto ó poder central. 2) Un cambio de réxime ou 3) O federalismo. Todas estas posibilidades se tiñan dado no “conglomerado provincialista”, pero –tendo en conta as derivas históricas posteriores- é lóxico pensar que as ideas dominantes eran as do federalismo.
A eclosión dos provincialismo foi no mes de abril de 1846. Efectivamente, o día dous, en Lugo, sublévase o 2º batallón do Rexemento Zamora que, procedente da súa antiga base na Coruña, estaba de paso na cidade das murallas, con destino cara a Valladolid. Cando o batallón estaba no barrio de San Roque (xa fora de murallas). Mandóuselle a tropa “cargar armas” e dar media volta para dirixirse á Praza Maior. Neste momento (15,20 horas), incorporouse as forzas e tomou o mando o coronel comandante de Estado Mayor da Capitanía Xeral de Galicia D. Miguel Solís y Cuetos quen aquela mesma mañá chegara a Lugo con un permiso por enfermidade. Seguindo consignas preestablecidas, tamén sublevaron ó batallón de Lugo que, con moita orde e sixilo, toma os puntos estratéxicos da cidade, que controlan desde a muralla. Desarman á Garda Civil, arrestan ó comandante xeral (D. Benito Menacho) e desarman ós militares e autoridades que recusaron unirse ó “pronunciamento” militar.
Cando a situación xa estaba baixo o control dos insurrectos, Solís dirixiulle unha arenga os seus soldados. Nesta alocución fai unha moi breve referencia á situación do pobo, e a intención do alzamento atópase claramente expresada no final do discurso:

“Gallegos: españoles todos: ¡Viva la Reina libre!, ¡Viva la Constitución!, ¡Fuera extranjeros!, ¡Abajo el Dictador Narváez, ¡Abajo el sistema tributario!”

Conta a historia que, unha hora despois de terminado o discurso de Solís (que xa se facía chamar, comandante general), constituíuse a Xunta de Armamento e defensa de Lugo, que máis tarde pasou a chamarse Xunta de Goberno. A ideoloxía deste organismo xa vai variando respecto as ideas de Solís –aínda que manteña o fundamental-, tal e como se pode comprobar no 1º manifesto dirixido ó pobo ugués, nel faise un memorando dos sufrimentos do pobo, e o remate xa é significativamente diferente do de Solís:

“Lugueses: mientras la Junta medita planes de economía y organiza y arma fuerzas para contrarrestar, si fuera preciso las de los enemigos de la patria, entregaros a vuestros afanes; y vivir seguros que los individuos que la componen no dejarán perecer la libertad sin que su sangre riegue el suelop español,- ¡Viva la libertad! ¡Viva la independencia nacional! ¡Abajo el sistema tributario y la camarilla de Narváez!”

As noticias do ocorrido en Lugo difúndense rapidamente. Os militares liberais ven nilo unha oportunidade; pero as mesmas noticias chegan á Coruña por boca do destituído Capitán Xeneral , D. Francisco Puig Samper (xa se ía para Madrid, informouse dos acontecementos antes de chegar a Lugo, e tivo que voltar para A Coruña); tamén se reciben as noticias ese mesmo día no Ministerio da Gobernación e na Capitanía de Castela e León. Algúns non adeptos “ó pronunciamento”, fuxidos de Lugo, sabía que viña cara alí o novo responsable político da provincia, D. Juan Ferreira, a quen atoparon no pobo de As Nogais e desde alí transmitiron as noticias do sucedido aquela mesma tarde.
Os provincialistas préstanlle inmediatamente o seu apoio político e mobilízanse a prol da insurrección, en especial o apoio vén da Universidade onde se forma un batallón o que lle puxeron o significativo nome de “Batallón Literario”. Santiago convértese na capital deste movemento, e alí funcionan as dúas “Xuntas” máis importantes: a Xunta local e a Xunta Suprema (constituída o día 15 dese mes de abril), nunha actúa Romero Ortiz e noutra Antolín Faraldo (un dos tres irmáns activistas). En coherencia coa vocación periodística dos Faraldo, Antolín funda o periódico La Revolución para que sexa o voceiro da Xunta Suprema.

Ó mesmo tempo que se producen diferentes pronunciamentos dalgunhas “xuntas locais”, prodúcese a reacción das forzas militares que non se tiñan sublevado. O xa mencionado Xeneral Puig Samper entra en combate coas tropas de Solís en Sigüeiro (13 de abril). Puig ten que retirarse cara á Coruña. Sen entrar polo miúdo na historia da “campaña militar”, compre dicir que, fracasado o intento de sublevar Astorga, con un corpo de exército –mandado polo xeneral Concha- entrando desde Castela en Galicia, con Solís intentando (¡sen conseguilo! ) que os liberais lle facilitaran a entrada en A Coruña primeiro, e en Ferrol despois; chegamos ó día 15. Este é o día da constitución da Xunta Suprema en Santiago; pero podemos dicir que este histórico día é o comezo da fin. O día 22 de abril Solís está en Santiago, pero a Xunta non lle autoriza organizar alí a defensa para loitar en contra do exército de Concha que parecía que se acercaba. Por mala estratexia ou por mala información Solís é derrotado por Concha na chamada Batalla de Cacheiras (deuse no lugar de Montouto –hoxe zona residencial- case nas portas de Compostela) e o exército vencedor, perseguindo ó de Solís, entra en Santiago. Un mozo historiador, Manuel Murguía, conta como entraron na súa casa e como, saíndo de San Martiño Pinario, ás 19,30 do 23 de abril, nunha tarde de tormenta, rendíase D. Miguel Solís que foi encarcerado con 60 oficiais do seu exército. O que despois sucedeu é ben coñecido, xa que moito se ten escrito e falado dos “mártires de Carral”.

A derrota militar non foi a derrota das ideas, pero si da actividade política. Os que lograron sobrevivir reiniciaron “outro tipo de vida”. As ideas provincialistas mantéñense –máis ou menos- con moitas dificultades e algunha vez maniféstanse –en transición cara ó federalismo ou ó rexionalismo- tal e como aconteceu no Banquete de Conxo (1856), ¿canto do cisne deste movemento provincial!


Joven