|
Naceu nos Vilares, no concello actualmente chamado de Guitiriz. Estudiou no seminario de Mondoñedo, pero non chegou a ordenarse. Traballou logo no Colexio León Xlll de Vilagarcía, licenciouse en Filosofía e Letras e exerceu o ensino en Madrid desde o 1948. Logo entrou no Instituto de Cultura Hispánica e no Consello Superior de Investigacións Científicas, no que foi encargado dun servicio de traduccións.
Diaz Castro dominaba tódalas linguas europeas (incluído o vasco), a excepción das eslavas e do finés e o húngaro. Os últimos anos da súa vida reparteu o seu tempo entre Madrid e Guitiriz. .
En 1946, D.C. gañou os primeiros premios de poesía galega e castelá da Cidade de Betanzos, e editou en Vilagarcía os poemas premiados. Por eses anos, publica poomas na revista "Alba", e en 1955 Francisco Fernández del Riego, sempre tan fino catador, inclúe unha privilexiada selección de sete poemas seus na Escolma de poesía galega. O seu único libro publicado, Nimbos, que recolle tamén estes poemas dispersos, non sairía ata 1961.
Cadramos con Méndez Ferrín na súa valoración de D.C. como un dos maiores poetas galegos contemporáneos e como o maior e máis fondo poeta relixioso das nosas letras. É un poeta dono dunha lingua severa, e tanto neses temas coma nos máis da súa breve poesía, logra un ritmo baril e nobilísimo. Poemas seus coma o titulado Penélope cóntanse entre esas xoias de rara perfección que terá que enrestrar quen queira unha grinalda de vintecinco flores (coma tal) da lírica galega. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoítar a chuva.
Traquerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús Maria!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaíse enterrando, suco a suco, o outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza! |
|