Antón Tovar
1921
Íntimo, evocador, poeta de acotío
Antón Tovar Bobillo naceu na Pereira

Empezou a publicar, xa maduro, poesía en castelán, e pouco a pouco foi derivando cara ó monolingüismo en galego. O seu primeiro libro na lingua nacional é Arredores, de 1962, pero xa no 1960 foi galardoado co primeiro e o terceiro premio nos Xogos Florais de Guimaraes por dous poemas en galego que despois incluíu naquel libro. A este seguíronlle Non (1967), 0 vento no teu colo en Poesía galega completa (1974), e Calados esconxuros (1980). No 1981 foi Premio da Crítica polo seu último libro.

Se nos seus primeiros libros era Antón Tovar un poeta auténtico pero de escasa precisión expresiva, nos dous últimos, sen perder nada da súa radical autenticidade, acada un brillo verbal, unha sabedoría da lingua e un poder evocador que o converten nun excelso poeta. Partindo de pequenas cousas cotiás e íntimas, Tovar canta o home na súa tristeza e na súa esperanza. Calados esconxuros sobre todo, é un dos máis nobres e mellores libros da poesía galega moderna.
O CAN
No, como ter,
nunca tiven un can,
e aquil que tiven non foi meu,
o dono era meu pai.
Era un can de coellos.
Era no val
de Celanova.
Entón era eu un neno; xa fará
trinta anos disto.
Lémbrome dos seus ollos verde mar,
da pél soave e do seu rabo
movéndose no ar.
Chamabámoslle Sil;
lémbrome dil, deítado nugallán
ó pé dun neno
cos ollos no miragre do animal.
Batíalle eu na testa, das orellas turráballe
rubíame ó seu lombo... e o Sil tiña un ollar
manso e adurmiñado,
Iba con nós ó monte e no toxal
ventaba a lebre cos fuciños
e o rabo a abanear.
Xogaba eu cos bugallos
redondos coma mundos polo chan,
e o Sil deixaba os coellos
e viña ó pé de min e do meu pai.
Tiña unha vista adurmiñada,
misteriosa e xangual!...
Eramos tres en Celanova:
eu, o Sil e meu pai
como un deus outo
levándome da mán...
Meu pai morreu hai anos.
Eramos tres no val.

Principal