|
Naceu en Tui, no seo dunha familia da burguesía ilustrada e progresista, a máis ilustre dentro das Letras Galegas. A partir do ano 30 publica poemas soltos e funda a revista literaria "Cristal". Ingresa nas Mocidades Galeguistas e posteriormente no Partido. A rebelión militar mata a seu pai e toma represalias contra el, desterrándoo a Zamora, de onde regresou a Galicia no 42, exercendo moi diversos traballos de subsistencia. Empeza a adicarse ás investigacións arqueolóxicas, en 1950 co-funda a Editorial Monterrey, en 1964 as Edicións Castrelos. Leva unha vida economicamente difícil que non logra impedirlle desenvolver un inmenso labor de polígrafo e editor. É importantísimo o seu tomo II da Escolma de poesía galega (da que tamén preparará o primeiro], adicado á poesía dos séculos escuros (XIV-XIX). Publica novelas, narracións, teatro, estudios sobre temas literarios, históricos e etnográficos deica a fin da súa fecunda vida.
Os seus libros poéticos en galego son: Poemas de ti e de min (1949), en colaboración con seu irmán Emilio, Roseira do tau mencer (1950), Romance do pescador peleriño (1954), Cancioneiro de Monfero (1953), e Canle segredo (publicado no 1976, pero que en 1953 xa acadara o premio Eduardo Pondal). No 1987 saíu a súa Poesía galega completa, fermosísimos dispersos e inéditos.
Se os seus primeiros e perfectos libros se manteñen dentro do popularismo e o netrobadorismo, Canle segredo é un libro que, de ser publicado no seu tempo, tería iniciado na poesía galega a renovación que se deu ben anos máis tarde. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Non é certo que os nenos teñan fame.
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza
E ben vos vexo andar nos vosos coches
ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas -¡viva, beba, baba, buba!
sin reparar naquil esferrapado
que coa moura mauciña está petando
nunha porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así, petando pola vida
-¡Non, home, non!
A xente pasa leda... ¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes! |
|