Fiz Vergara Vilariño
Angustia e Rebeldía
Naceu en Lóuzara, fermoso e fondo val do Concello de Samos, en 1953. Afectado por unha grave doenza, estudiou o Bacharelato en Lugo para de seguida voltar á súa aldea natal, onde residiu na casa paterna, adicado unicamente á literatura. Mais a pesar da súa invalidez non estivo recluído, e foron frecuentes as súas saídas na amorosa compañía de seus pais ou de súa irmá Irene, que con frecuencia lle serviu de rapsoda para os seus poemas, moitas veces premiados e de cotío presentes en recitais.
O seu primeiro libro, prologado por Xesús Alonso Montero, foi Pra vós (1971). Logo saíron Encontro cos tiburós (1973), Orfo de ti en terra adentro (1976), Poeta muiñeiro á deriva (1983), Nos eidos da bremanza (1990, Premio Galicia da Crítica) e Pastora de sorrisos (1993).
Na poesía de Fiz Vergara hai que distinguir dúas etapas, articuladas ó redor do libro "Orfo de ti en terra adentro". Na primeira, Vergara é un poeta inmaduro, cheo eso si de forza, pero bastante inexperto na técnica literaria, de xeito que moitos dos seus poemas quedan falidos. Pero xa "Poeta muiñeiro á deriva" mostra claramente o que se podía esperar del, o cal queda perfectamente confirmado nese grande, fermoso, terrible libro que é "Nos eidos da bremanza". A poesía de Fiz Vergara é áspera e docísima, xentil e sobrecolledora, e nela brillan as palabras máis gastadas coma se acabasen de ser inventadas para a ocasión. Con razón se ten afirmado que Fiz Vergara Vilariño foi un dos mellores poetas do que se deu en chamar, indebidamente ó noso xuízo porque en realidade non hai tal, o grupo dos novísimos.
Fiz Vergara Vilariño morreu en Lóuzara o 18 de xullo de 1997.
ANGURIA
Ún xa non sabe que facer
nesta vida

Xa non sabe si será
mellor deixarse caír
na lama como un peixe morto
ou seguir carrexando
o seu noxo polas congostras.

Ún está desesperado.
Ó fin i ó cabo quixera vivir,
quixera ser luz, quixera ser home
e non cederlle a ninguén
o seu posto na loita.

Ún quixera vencer a canseira,
arrombar a delor,
crebar as cadeas
e cantar libremente
unha cántiga moza nos solpores.