Eduardo Moreiras
Silenciosa Emoción
Naceu en Quiroga no 1914, e viviu na Coruña e en Santiago, onde estudiou Filosofia e Letras, na súa primeira xuventude, ata que se radicou en Vigo, onde morreu en 1991.

Entre 1948 e 1952, sendo poeta de expresión española, dirixiu a revista "Mensajes de Poesia", e máis tarde, cambiando radicalmente a súa lingua literaria, 'Nordés", esta canda a súa muller Luz Pozo. Pero a pesar desto foi sempre moi pouco amigo de figurar publicamente, e se-guramente o poema que aqui damos e mais o que forma parte de Poetas da guerra e da posguerra son os únicos que fican gravados coa súa propia voz.

O seu primeiro libro en galego é A realidade esencial (1955). Logo virían Paisaxe en rocha viva, Os nobres carreiros, O libro dos mortos.

Tamén cultivou o ensaio, principalmente en forma de diario, e a narrativa curta, e traduciu poetas franceses e italianos.

Da súa obra poética di Méndez Ferrin: «...sitúase entre a mellor da súa xeración. Liquida completamente o restroballo imaxinista. Vai, libro a libro, alzando un edificio cheo de ecos, de misterios, de evanescencias: como Pimentel. A súa dicción é grave, sinxela, delicada. Polos seus versos libres—posuidores dunha sutil plasticidade e dun lene requintamento—ondean emocións trascendentes, reflexións cordiais, algunha cousa de abatido e oriental e, nos seus mellores intres, unha identificación lirica e emocionada co pobo galego e a súa sorte».

AS LINDES
Ista terra linda en rochas e xacintos
é exacta
ás na brisa polo Leste
de serra en serra
un salouco encolle ainda o corazón.

Linda tamén coas ondas da chuvia
é xusta
ao sur toda saudade
do Portugal en soños
coma ollos que pregan con amor.

Branca e azul a bandeira zoa no vento
é fermosa
sobor das trenzas rubias
e do corgo despenado:
o ceo centilea co misterioso son

Baixan as montañas deica á ribeira
é forte
unha pomba que arrula
o vento na mámoa
onde o principe soña toda a vida.