|
|
|
|
Naceu en Cangas do Morrazo en 1932. Fixo o Bacharelato en Ribadavia e Vigo, e iniciou os estudios de Filosofia e Letras en Santiago, onde colaborou en "La Noche" e gañou algún premio das Festas Minervais, ainda convocados só en castelán. Despois dunha interrupción, acabou a carreira en Salamanca e Madrid, cidade esta na que se integrou no grupo Brais Pinto.
De seguido, exerceu a ensinanza media en diversas cidades, gañou cátedra e estivo bastantes anos fora de Galicia. Volto á Terra, estivo en Padrón e en Cangas, logo botou uns anos no Brasil, e hoxe, xubilado, reside en Cangas, pero moi vencellado tamén a Lugo. Ademais de poesia, Bernardino publicou obras dramáticas e narrativas, e nestes últimos tempos, talvez aguillondo por ter un fillo pequeno, intensificou o seu labor como autor de literatura infantil, con espléndidos resultados. |
|
|
A súa obra poética contense nos seguintes libros: Poema do home que quixo vivir (1958), Profecia do mar (1966); Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes,Sar arriba anda sen (1980), Sima-cima do voar do tolo (1984) e Himno verde (1992)...
Desde a despreocupación formal e a anguria existencial do seu primeiro libro, Bernardino pasa na Profecia... a unha poesia de nobilísimo empaque sonoro que canta o mar e as súas xentes como ninguén soubo. Este libro enteiro é unha das obras liricas máis grandes da literatura galega. Despois dunha certa caída no terceiro, recupera en todos os seguintes a súa alta estatura poética, e en, Himno verde, algunhas cousas parecen ecoar o Poema do home que quixo vivir. Bernardino é un poeta materialista e profético, modelo de lingua, conmovedor e cósmico. |
|
|
|
|
Polo escuro do mar que vos contruba
ainda hai peixes de lus nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas, meus amigos,
meus irmáns de salitre e sol e chuva.
Solte a ría un exército de naves,
mariñeiros de Cangas, traede as liñas,
que, anunciando o fumazo das sardiñas
polos cons e cabezos cantan aves.
Polas ondas sin muros e sin diques,
polo lombo do Atlántico azulado,
brinca e bufa o arruás todo apurado
perseguindo os banitos i os alcriques.
Máis alá de Sobrido ti me guíes,
mariñeiro de Cangas, ti me leves
pra ver os espumallos i os percebos
e mirar dende a popa as illas Cies. |
|
Máis alá do Cabalo e Cabo de Home
da Negra e deses baixos de Biduído,
mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te come.
Coma horribles fantasmas aparecen
dende o fondo, xurdindo, nos sorríos,
estranas ardentias e navios
e tristes afogados que amolecen.
Pero rompe, que podes, contra o medo,
dalle avante con forza, anque che doa,
contra noites e néboas, pon a proa,
mariñeiro de Cangas, e ven cedo.
Ven loguiño a vender o peixe a Vigo
e trae unha canción do son dos mares
pra beber e cantar xuntos nos bares
mariñeiro de Cangas, meu amigo. |
|