Antón Tovar
Nostalxía e desacougo
Naceu na Pereira, Rairiz da Veiga, no 1921. De neno viviu algún tempo en Celanova, e despois trasladouse coa súa familia a Ourense. Iniciou a carreira de Filosofía e Letras no 1940, pero plantouna para entrar de novicio cos xesuítas en Salamanca, noviciado que tamén deixou no 42. Nese mesmo ano ganou unhas oposicións a funcionario de Facenda, e nos anos sesenta entraría no Partido Comunista. Obrigado a demitir do seu posto de funcionario en 1967, rexeu despois unha librería ourensá.

Empezou a publicar, xa home maduro, poesía en castelán, e pouco a pouco foi derivando cara ó monolingüísmo galego. O seu primeiro libro na lingua nacional foi Arredores, no ano 1962. Despois entregounos Non (1967), 0 vento no teu colo (dentro de Poesía galega completa 1974), Calados esconxuros (1980) Berros en voz baixa (1990)
A nada destemída (1991). De Calados esconxuros dicia Méndez Ferrín (e o eloxioso ton pode valer tamén para os seguintes): "Supón ocumio, polo de agora, do seu traballo. Hai neste libro un complexo labor de renovación radical: na fondura, control e identificación dos contidos sentimentais (que seguen a ser os mesmos), na práctica denotativa na que fulguran raras luces surrealistas que asasinan o pasado verismo, no léxico galego que se fai rico, variado e agurgullante de matices na man do poeta. O poeta nostálxico, realista, desacougado existencial, denunciador da miseria do presente e agoirador da esperanza vermella e haraute ardido do idioma, afonda as súas raíces nos libros anteriores. Pero é agora cando se libera do miserabilismo que o abafaba e loce sen despreciar a pompa da linguaxe non prevista".
LINGUA QUE REXEITARON OS MEUS PAIS
Borraran os letreiros dos camiños
cos ben amados nomes das antergas vilas,
dos silabarios das escolas algareiras
borraran o cantar humilde e puro
da língua popular.

Sóio no escuro das lareiras
no apartado silencio dos labregos labios,
esquecida das espadas poderosas,
borboriñaba a nosa lingua triste.

Aferrollada fora coma unha delincuente.
As maos sen calos do traballo,
requintadas e doces, relixiosas,
enfeitadas co ouro dos aneis
roubados ó suor dos pobres
empurraran a lingua nobre e pura
a un cadafalso de vergoñas.
Meus pais, tamén, amados ignorantes,
obedecerán as ordes que o espadón
deborcara na poza de Galicia.
E, agora, veleiquí a xenreira xusta
dos mozos nobres e libertadores
tirando do pescozo da aforcada
o barazo inxusto, o odio do canalla.
Inda folguexas noiva bela,
inda tes verbas na túa gorxa magoada,
foguetes de carraxe pra cuspirlles
ós donos madrileños do billete,
da espada e maila cruz.

Inda tes folgos lingua enxebre
nos teus labios de moza asoballada,
lingua dos meus limiaos, dos meus antergos,
inda tes folgo pra bica

Estás agora viva nos meus beizos fondos,
estás agora viva nos meus dedos de home
e acariñando vou teu corpo rebrincante
que ten ás de volvoreta nas palabras.