Benxamín Casal, vella entrevista
miércoles, 04 de septiembre de 2013
En 1987, o escritor paradelense Manuel Rodríguez López entrevistou ao entón Presidente do Círculo das Artes, Benxamín Casal Vila, para a publicación "Praza Maior", do concello de Lugo, entrevista que ademais forma parte do libro inédito "Lugueses".
Vinteseis anos despois, publicamos esta entrevista como homenaxe póstumo aos dous destacados galegos que se fisicamente non están connosco, si o están na nosa lembranza.
Galicia Digital.
BENXAMÍN CASAL VILA, PRESIDENTE DO «CÍRCULO DAS ARTES»
Vinculado ó grupo de estudiantes galegos que creou «Brais Pinto». Benxamín Casal foi conselleiro da Xunta preautonómica, da que elaborou os seus primeiros presupostos. Agora preside o «Círculo das Artes».
O noso biografiado (Lugo, 12-1-35) autocalifícase nacionalista formado por «Galaxia», pero as raíces galeguistas e de home progresista véñenlle do berce. Fillo de Benxamín Casal Trincado, un comerciante con tenda de ultramarinos na rúa de San Pedro e que fora emigrante en Cuba, dende neno viviu nun ambiente liberal. «O meu primeiro mestre dinos foi Xesús Yáñez, escolante durante a República, e represaliado despois que, coma algúns outros, impartía clases particulares. O exemplo de meu pai, que morreu cando eu tiña doce anos, foi tamén decisivo. No noso fogar escoitábanse emisoras estranxeiras, sobre todo, a BBC de Londres. Lembro que, por exemplo, a través da súa sintonía, soubemos da morte de Falla e, naquel programa, escoitei por primeira vez «El sombrero de tres picos», que me impresionou moito e, sen lugar a dúbida, influíu na miña paixón pola música».
Home de preparación matemática, lembra con agarimo ó profesor de Latín, don Froilán López, coma o máis influínte na súa formación.porque lle ensinou a razona-lo latín, o cal lle serviu para desenvolve-las súas condicións extraordinarias para as Matemáticas. Outro profesor do Instituto de quen garda inolvidables recordos é don Antonio Fraguas «cheo de humildade e cunhas condicións especiais para o ensino».
En Madrid, o xove lugués, ademais de cursa-los estudios de enxeñeiro agrónomo, cultivou e desenvolveu as afeccións artísticas e literarias asistindo a cotío a concertos e representacións teatrais. No Centro Galego, fóra da canle institucional, mantiña xuntanzas con outros estudiantes galegos que máis tarde formarían o grupo «Brais Pinto»; «pero en Lugo afirma con certa fachendade xa era un inquedo galeguista debido ó ambiente que me rodeaba. Un parente meu, o mestre Xulio Simón Casal, publicara unha escolma de cantigas populares e un herbolario que eu lía con emoción. Tamén tiña noticias das clases de Avelino Pousa Antelo nas cátedras de don Antonio Fernández e, a través del, coñecín «Sempre en Galiza», de Castelao».
Na súa época de estudiante na capital do Estado, Benxamín Casal aproveitaba os períodos estivais para viaxar por Europa cos amigos. «Por veces cóntanos ata pasabamos fame, pero aqueles sacrificios permitíronme coñece-la cultura europea e servíronme para perfecciona-lo francés e o inglés».
As primeiras experiencias como enxeñeiro agrónomo adquiriunas en Hita (Guadalajara) onde traballou dous anos como director dun equipo de Concentración Parcelaria, e aproveitando a proximidade de Madrid matriculouse en Económicas, pero ó ser trasladado a Mallorca para traballar no control das pragas das patacas, abandonou temporalmente os estudios que remataría en Santiago o ano 1970.
Residenciado definitivamente en Lugo o ano 1965, casou con M.ª do Pilar Valiño Campos, coa que tivo tres fillas e, ó longo de vinte anos, ocupou diferentes cargos como técnico ó servicio da Administración. Na actualidade é director provincial do Ministerio de Agricultura.
Outra das actividades de Benxamín Casal é o seu labor cultural. A primeira sociedade onde destacou polo seu quefacer galeguizador nuns momentos difíciles con prohibicións, vetos e detencións, foi o Clube Valle-lnclán. Dende 1979 está a dirixi-lo «Círculo de las Artes», entidade creada en 1855, conservadora e ó mesmo tempo aberta, con 5.800 socios de tódalas ideoloxías e clases sociais.
Reelixido en 1984 pola maioría absoluta dos socios, que viron nel o presidente capaz de compaxina-las innovacións co talante conservador da institución, o noso interlocutor recréase informándonos polo miúdo das actividades do «Círculo de las Artes», do seu pasado e dos proxectos para o futuro inmediato. Amósano-lo Libro de Ouro, que abre Emilia Pardo Bazán cun autógrafo asinado en 1906, seguida por outros ilustres políticos, literatos, pintores, militares, músicos, artistas ou eclesiásticos que escribiron laudatorias frases, fixeron debuxos ou pentagramas que ollamos devagariño, unha longa lista que seguirá ó longo dos anos.
Algún día escribirase a historia do «Círculo de las Artes», obra importantísima que encherá moitos folios. A centenaria sociedade ten un fondo pictórico de 100 cadros de gran valor, hemeroteca e biblioteca con 10.000 libros. Está suscrita a 80 xornais e revistas, ten dúas salas de vídeo, salón para conferencias, concertos e festas, editorial propia que o ano 85 publicou, por primeira vez, a «Memoria da Sociedade» en galego, clubes recreativos de billar, xadrez e filatelia e imparte clases gratuitas para socios, de inglés, pintura e música.
O seu futuro é esperanzador. «Xa ampliamos maniféstanos con satisfacción o seu presidente- a biblioteca e, polo antroido, inaugurarémo-la adecuación do edificio ás normas de seguridade vixentes. Os atrancos que os nosos consocios teñen que soportar por mor das obras, veranse compensados con maiores comodidades e cunhas instalacións modernas sen que por iso a nosa sede social perda o recendo tradicional».
A investigación técnica no eido da Agricultura, Benxamín Casal espúxoa en numerosos xornais e revistas, na súa tese doutoral (1964), que trata da reestructuración agrícola na parroquia de Santa María de Salto - A Baña (A Coruña) e nos libros «Incidencia en Galicia do plan enerxético nacional», «A Terra Cha luguesa - Estudo dunha realidade agraria galega» e «A Galicia Campesina», indispensables obras de consulta para o estudio da problemática do hábitat galego.
Arestora, está a preparar unha biografía de Alexandre Bóveda. Témo-la
seguridade de que será un estudio definitivo porque, mentres nos fala da obra, observamos que a súa faciana se transforma e as verbas lle flúen con afervoado respeto e admiración polo esgrevio galeguista inspirador do Estatuto Galego.
A carreira política de Benxamín Casal arrinca das eleccións de 1974 ó ser elixido deputado provincial polo Tercio de Entidades, que comportou que Antonio Rosón o nomeara conselleiro de Industria, Enerxía e Comercio do Goberno pre-autonómico. El foi quen re-dactou o primeiro presuposto da Xunta e conseguiu as primeiras transferencias de Turismo, dependente do seu departamento.
O ano 79, tras quince meses de pre-autonomía, cesou na Xunta pero seguiu participando activamente en política e apoiou o «Manifesto dos Vintecinco». En 1981, presentouse ás eleccións como galeguista independente. «Unha das razóns de nos presentar nas listas do PSOE puntualiza foi porque, de non facelo, posiblemente non houbera habido galeguistas no Parlamento. Pensamos tamén que podiamos servir de confluencia de tódolos partidos e conseguir leis consensuadas na Cámara para afortala-lo futuro. E así foi. A posición galeguizadora dos catro galeguistas independentes engade foi importantísima. O necesario non era monopoliza-lo galeguismo, senón que este impregnase tódolos partidos».
Nas eleccións de 1985 o PSOE propúxolle que se presentase de novo conservando a independencia para colaborar nun programa que cimentara "as bases da autonomía". «Non me presentei dinos porque considerei rematado o noso programa de traballo na primeira lexislatura. Sen embargo sigo dispoñible, pois gústame a xestión pública, pero só aceptaría por razóns políticas que non se confundan con razóns persoais»
Lugo, 1 de febreiro de 1987
Rodríguez López, Manuel