Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios Peña Novo 2013

miércoles, 26 de junio de 2013
Conta Luís Tobio nas súas memorias, como chegada a II República, e xa profesor na Facultade de Dereito compostelá, como impartira aulas da asignatura de historia do dereito en lingua galega “porque non había pexas para o emprego dela, porque estábamos na República. Tan contentos e satisfeitos quedaran os meus discípulos que, rematado o curso, entregáronme como homenaxe e para lembranza un pergamino”. E iso que naquel tempo aínda non se aprobara o Estatuto de Autonomía de Galicia, nin tampouco estaba en vigor unha lei semellante á vixente de normalización lingüística.

A diferenza entre os que manifestan ser galeguistas/nacionalistas, que son moitos, e os que predican co exemplo, que son poucos, radica no compromiso consciente e circio destes ali onde desenvolven a súa actividade profesional. Por iso non comprendemos como aínda hai profesores das facultades de dereito que non se deciden a impartir docencia na nosa lingua; son moi poucos os que o fan.

A Lois Peña Novo, coetáneo de Tobio, un tribunal negáralle unha praza de profesor daquela facultade de dereito “por tener un excesivo acento gallego”. Esa anécdota académica reflicte moi ben os prexuízos lingüísticos dos claustrais da universidade compostelá daqueles anos.

Moi pouco ten cambiado a ideoloxía do claustro de profesores de dereito para que un dos Premios Lois Peña Novo deste ano sexa para o Colexio Oficial de Avogados de Santiago de Compostela , que recoñece así o esforzo maxisterio galeguizador da Xunta de Goberno presida polo seu decano, don Evaristo Nogueira. O normal sería que os licenciados que se incorporasen á actividade profesional saísen xa formados e motivados para empregaren o noso idioma nos procedementos procesuais.

Ben distinto é o caso dos concellos, que foron as primeiras institucións públicas en utilizaren maioritariamente o galego na actividade administrativa. Para maior información deste proceso galeguizador cómpre sinalar que fora decisiva a Asemblea de Alcaldes celebrada en Compostela en maio de 1984 auspiciada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. En poucos anos regaleguizouse a vida municipal.

O Concello de Valga, outro dos galardoados con outro Premio Peña Novo, sumárase á aquela Declaración do Alcaldes pola normalización lingüística. Desde entón o seu empeño galeguizador foi incensante grazas ó seu alcalde José María Bello Maneiro, e tamén á eficaz funcionaria municipal María Xosé Fernández Devesa. Un museo municipal e o premio de investigación Ferro Couselo, en lembranza do intelectual nado en Cordeiro, constitúen o exemplo de imaxinación e constancia na regaleguización.

Curiosamente, foi Xesús Ferro Couselo o investigador que se preocupara no século pasado polo estudo da nosa tradición xurídico-administrativa recollida na obra “A vida e a fala dos devanceiros”. Décadas despois, outros investigadores,seguindo o seu exemplo, habían interesarse por esa tradición; un deles foi Clodio González Pérez, a quen se lle concedeu o terceiro Premio Peña Novo deste ano. A obra deste etnógrafo ribeirao é prolífica e ten servido para que os seus traballos de investigación teñan servido para que os concellos afectados polo seus estudos dictasen normas de protección para os respectivos patrimonios cultural e artístico.

O próximo día 28 celebrase no Castelo de Soutomaior a XIX edición da entrega dos Premios Peña Novo á que quedan convidados cantos sintan admiración polos galardoados deste ano.

(Xosé González Martínez é Presidente da Fundación Lois Peña Novo).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES