Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Corpo Santo de Santa Cruz de Viana

Viana, Xavier - jueves, 04 de abril de 2013
Existe na parroquia chantadesa de Santa Cruz de Viana unha veneración ao pai dominico Fr. Miguel González, coñecido entre os viciños como o “Corpo Santo”, dende, cando menos, o século XVII. Era orixinario das Mariñas (Betanzos) e compañeiro de S. Pedro González Telmo, San Telmo.

A referencia popular ao concepto de “Corpo Santo”, como corpos incorruptos unha vez mortos, con capacidade de curación de diferentes doenzas, non é exclusivo deste lugar. O santuario do Corpiño en Losón (Lalín) ou os sartegos da colexiata de Iria Flavia (Padrón) e do Conde Santo en Valdeflores (Lourenzá) evidencian que existe esta crenza mais alá das parroquias do val do Asma (en tempos os devotos acudían tamén dende o val de Camba, Carballedo, Monterroso, Taboada ou Antas), que estamos ante un elemento explicativo da relixiosidade tradicional galega, fundamentalmente católica.

Sen embargo, no caso do Corpo Santo de Santa Cruz de Viana, encontramos algunha diferencia de especial valor etnográfico. O documento escrito polo cura-abade da parroquia viciña de Santa Uxía D. Miguel Sarmiento (a parroquia de Santa Cruz de Viana era anexo de Santa Uxía por aquel entón) para solicitar a súa beatificación no 1720 recolle a orixe do mito, a morte (entre o 1240 e 1246) e os “favores e prodixios” atribuidos ao Corpo Santo durante aqueles anos dos séculos XVII e XVIII, todos eles vencellados á sanación de diferentes males entre as persoas. Pero non estamos só ante unha crenza con capacidade curativa. Existen rituais no seu culto que trascenden a expresión propia do dogma relixioso.

Celébrase na Pascua. A pascua cristián (pascha), a resurrección de Cristo, a reaparición da vida no domingo posterior á primeira lúa chea da primavera, utiliza a auga como elemento purificador (o bautismo, ou a bendición das fontes no seu defecto, son para a igrexa católica un rito esencial durante a vixilia pascual) e o lume como luz que guía o renacer (o cristianismo celébrao a través do Lumen Christi propagador de saúde).

A fonte do santo está a escasos 200 metros da capela onde, segundo a lenda, xace o corpo de Fr. Miguel González. A ela acodían os devotos a recoller garrafas de auga. As fontes sacralizadas están tamén presentes en centros de peregrinación ou culto próximos: fonte da virxe no monte Faro (Requeixo-Chantada) ou Fonte do Ermo (Carlín-Friol). Os cirios son a chama que espanta o mal. Sitúanos os fieis e ofrecidos baixo a imaxe do Corpo Santo no tempo que este pasa na igrexa de Santa Uxía. Do mesmo xeito que en Santa Mariña de Augas Santas (Allariz) a terra adquire capacidade curativa. Os doentes tamén apañan unha pouca do sepulcro do Corpo Santo (hai unha lousa aberta no chan, xusto debaixo do baldaquino barroco que exibe a súa imaxe) cunha culler e deposítana nunha bolsiña que penduran do seu pescozo. Calquera destes rituais que acabamos de citar son de pouca elaboración.

O domingo de Pascua a imaxe do Corpo Santo é transportada aos ombros por homes e mulleres dende a súa capela (anexa á igrexa parroquial) en Santa Cruz de Viana ata a igrexa de Santa Uxía. O ritual de saída está acompañado polo repenique das campás e o camiñar polas bombas de palenque. Antigamente os porteadores íanse sucedendo por medio dunha singular poxa, que tamén podemos observar noutras parroquias rurais galegas. Se alguén quería ter o dereito a levar o santo debía depositar unhas moedas na bandexa que pasaba un dos ramistas e nomear algún dos catro que o estaban a cargar nese momento. Se este non aumentaba a cantidade depositada debía ceder o seu posto. Na actualidade, mantense a bandexa recolectora, nos últimos anos encárgase o García (Casa García – Outeiro), pero non existe a poxa. Os cambios sucédense polo interese ou devoción que amosan os participantes en cada momento, que se van incorporando ao paso polos diferentes lugares. O Corpo Santo vai nunha posición intermedia, entre o ceo e a terra, xa que pertencendo ao sagrado non se debe reagregar ao mundo profano. Esta é unha característica idéntica a todas as procesións.

O extraordinario da celebración acontece coa chegada a Santa Uxía. Un arco floral, feito neste ano con uces, mimosas e camelias, fai de pórtico. A imaxe da Santa, traída polos viciños desta parroquia, agarda pola imaxe do Corpo Santo. Cada unha no seu lado fan un saúdo que consiste en tres venias. A Santa atravesa o arco para, despois, pasar de novo, acompañada xa do Corpo Santo, e percorrer os 300m. que hai ata a igrexa parroquial de Santa Uxía. A Santa sempre vai diante. Non é este un rito de alianza, é un rito de preparación para a alianza que acontecerá pouco tempo despois. Os dous dan unha volta inteira ao templo e entran, primeiro a Santa, a continuación o Corpo Santo. Fican situados á par, entre os bancos e o altar, dándolle as costas a este e mirando cara a porta exterior, dirección oeste.

O valor sagrado da entrada no arco está presente nesta ceremonia de paso que acompaña ao cambio de estación. E as estacións teñen interese para os viciños pola súa importancia económica. Os ritos que ollamos en Santa Cruz de Viana teñen os seus idénticos nos ritos que aseguran o renacemento da vexetación, tan necesaria para a vida agrícola e gandeira, e a reactivación da vida sexual dos animais. Hai rito de paso no arco floral, paso dun albor que nos agrega a un mundo novo cada ano, no comezo da primavera, na resurrección da vida, auga e lume, e hai rito de fecundidade na cohabitación da Santa e o Corpo Santo durante unha semana. As misas son diarias ante a presenza das dúas imaxes, acoden os fregueses “que poden” e o crego non fai referencia algunha ao Corpo Santo durante nengunha das celebracións.

O domingo seguinte, segundo domingo de Pascua, o proceso repítese á inversa. As dúas imaxes saen da igrexa, despídense no arco floral, e o Corpo Santo regresa á súa capela. O arco está no mesmo lugar durante os sete días, protexido con varios cordóns para que as vacas, que pasan por alí a diario, non dean boa conta del. Porque as vacas non teñen entedemento para as cousas da relixión. O luns inmediato festexábase nas casas e nos campos de Santa Cruz de Viana unha romaría familiar e multitudinaria, que nos tempos de agora ten lugar, en case que todas as casas, o domingo.

Os viciños que acoden ás celebracións son a cada vez menos (o descenso demográfico é notable nestas parroquias), o seu recoñecemento xa non sobrepasa as fronteiras do val do Asma e os labregos, que incorporaron definitivamente a visión científica do mundo ás súas conviccións, non acreditan coma antes nas capacidades curativas do Corpo Santo. De feito, a participación neste culto está relacionada coa fe cristiana individual durante o resto do ano. Continúan a representar os rituais “porque sempre se fixo así. Fomos aprendidos desta maneira, os novos seguro que farán diferente”. O acceso á fonte do santo está abandonado, pero os cirios, un dia coma hoxe, alumean a imaxe do Corpo Santo na súa residencia temporal da igrexa de Santa Uxía.

Curiosamente, nun outeiro, a 300m. da igrexa de Santa Uxía, está o lugar do Castro. O emprazamento castrexo é evidente no terreo. Aínda se pode sentir o conto “das dúas vigas de ouro e unha de bronce” que están alí soterradas. “Paréceme a min que non hai nada deso”, di un viciño que tampouco participa das celebracións do Corpo Santo que vimos de relatar.

Os símbolos, os ritos, as ceremonias, os cultos, son, dun tempo a esta parte, diferentes. Só algunhas tradicións familiares, algunhas outras excepcións de persoas con grande convencemento no carácter máxico dos obxectos do mundo que o rodea e o número de cristiáns practicantes nas áreas rurais fan que a crenza no Corpo Santo non esmoreza definitivamente, do mesmo xeito que aconteceu cos tesouros agochados en covas e pasadizos. “Un dia traballando na eira do castro, a terra tragou un pau-ferro e nunca mais se atopou”, din na Casa do Rolle. En todo caso, mentras haxa vacas e ovellas nas casas de Santa Cruz de Viana e Santa Uxía necesitarase a chegada da primavera como auga de maio. E continuarase a celebrar, sexa cal sexa a relixión. Porque é o saber práctico do pobo, que durante séculos respetou os ciclos da natureza e da terra como fontes de benestar humano.
Viana, Xavier
Viana, Xavier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES