Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Entroido Ribeirao (II)

viernes, 08 de febrero de 2013
O Entroido Ribeirao (II) O Entroido Ribeirao (II) O ENTROIDO RIBEIRAO: SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA, LUGO).

Autores: José Manuel Blanco Prado e Carme Pernas Bermúdez.

Adicado a Asociación do Entroido Ribeirao, presidida por Juan Carlos González e Marisé Rei.

Publicado en “Croa”, Revista da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga.



VI. O ENTROIDO EN SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA)
O termo municipal de Chantada ocupa unha extensión de 176,7 km2 e posue unha poboación de 8897 habitantes, que está distribuída en trinta e seis parroquias. Limita polo Norte con Taboada, polo Sur con Carballedo, polo Leste con O Saviñao e Pantón e polo Oeste coa provincia de Pontevedra.
Este municipio amosa na súa paisaxe tres unidades morfolóxicas diferenciadas: ao Oeste a Serra do Faro; ao Leste a ribeira do Miño e no centro unha penillanura, que abrangue unha gran parte do termo municipal. A Serra do Faro (1187 m.), cunha disposición Norte-Sur, fai de límite provincial e de línea divisoria de augas. Pola súa banda, o río Miño, tamén cunha disposición Norte-Sur, forma valles encaixados de fortes pendentes e grandes desniveis, nos que se escalonan bancais dedicados ao cultivo de videiras, que producen unha parte dos viños da Ribeira Sacra.
A ribeira miñota chantadina agrupa a unha serie de comunidades parroquiais: A Sariña, Camporramiro, Líncora, Santiago de Arriba e Nogueira. Nesta ribeira o Entroido iniciouse en Santiago de Arriba nun tempo xa esquecido para os portavoces da tradición oral. Logo foronse incorporando as demais comunidades ribeirás, incluíndo ademais Vilaúxe. Esta festa deixou de celebrarse na maior parte das comunidades devanditas a comezos do século actual debido, entre outras razóns, a falta de mozos para seguir co evento.
No ano 1987 celebrouse o Entroido nas parroquias de Líncora e Santiago de Arriba. Do 1991 ó 1993 foi Vilaúxe quen celebrou a festa, tomando o listón Nogueira de Miño nos anos 1994-1995, logo de doce anos sin celebración. No ano 1998, Vilaúxe comezou de novo coa festa ata o ano 2003.
Unicamente dúas comunidades da Ribeira chantadina, Nogueira e Santiago de Arriba, decidiron formar no ano 2000 a Asociación do Entroido Ribeirao contando coa axuda e impulso do concello para conservar esta antiga tradición. Sen embargo esta asociación durou pouco tempo debido a motivos de índole interna, o que deu lugar a que cada comunidade sega celebrando o Entroido como o estime máis axeitado.
A comunidade de Santiago de Arriba é unha freguesía rural, pertencente ao arciprestado de Chantada e a diócese de Lugo. A efectos civís forma parte do concello de Chantada e da provincia de Lugo. Esta parroquia ocupa unha superficie de 2,96 km2 e posue unha poboación de 81 habitantes, distribuída nas entidades de Artilleiros, Arriba, Bacelares, Guxeba, Iglesia, Pedroso, Proba, Reguengo, Verdelledo, Vilar do Mato, Vilar do Outeiro y Viñas.

I. AS MÁSCARAS EN SANTIAGO DE ARRIBA.
Desde a antigüidade a máscara foi para o ser humano un instrumento básico para
levar a cabo rituais de diferente índole: funerarios, belicosos, de protección da comunidade e do ámbito familiar, de fecundidad, de arredar os malos espíritos. Segundo Caro Baroja as mascaradas de inverno supoñen unha representación de carácter festivo de feitos propios do universo social coa finalidade de garantir a boa marcha do grupo ao longo dun ano, que comeza agora unha vez superada a gran noite invernal.
No intre actual este instrumento ritualista quedou únicamente relegado a expresións de carácter festivo como a do Entroido. Nesta festa a máscara é un medio relevante de transformación e de cambio da propia identidade. Malia as influencias da globalización, do turismo, dos cambios sociais…aínda se conservan no ámbito rural algunhas máscaras, que seguen posuíndo os seus trazos singulares e vistosos.
Así temos, as pantallas de Xinzo de Limia (Ourense), os xenerais do Ulla (A Coruña-Pontevedra), os peliqueiros de Laza (Ourense), os cigarróns de Verín (Ourense), os felos de Maceda (Ourense), as madamas e os galáns de Cobres (Pontevedra), os volantes e maragatos de Santiago de Arriba e de Nogueira (Chantada), os troiteiros de Bande (Ourense), os curruvellos de Moaña (Pontevedra), os boteiros de Viana do Bolo (Ourense), os foleiros e bonitas de Sande (Ourense).
Na provincia de Lugo ademais dos volantes e maragatos da Ribeira de Chantada, temos que distinguir os foliqueiros do Val de Francos (Castro de Rei), as madamas e os galáns de Salcedo (A Pobra de Brollón), o Oso de Salcedo (A Pobra de Brollón), as choronas (Enterros da Sardiña: Lugo, Monforte, Burela, Viveiro, Vilalba…).
Nesta comunidade parroquial seguen usándose desde os seus inicios as seguintes mascaradas:

1ª. OS VOLANTES
Trátase de persoeiros que nos seus inicios ían de branco coa ropa interior. Logo, xa no século XX, comezaron a levar unha camisa branca por riba da cal poñían sendos “panos marinos”, procedentes de Ultramar, que ían cruzados en cada hombro. Na actualidade por mor da súa carencia foron suplidos por panos dunha gran variedade de cor denominados “portugueses”. A súa indumentaria inferior está formada por un pantalón, que nos seus inicios –como dixemos-foi de cor branco a xeito de pixama, mais no século pasado cambiouse polo vermello e gualda. Dos nocelos aos xeonllos levan unhas vendas cruzadas que, ás veces, facían dos capotes dos militares ou da garda civil. Estas semellan as fitas duns zapatos de baile. O volante leva na cintura dous cintos de coiro de marrán ou xabarín dos que penden vintecinco campaíñas se é o cinto grande, levado únicamente por veteranos, e vinte campaíñas se é o cinto pequeño, portado polos que comezan e por algún pequeño. No intre actual, debido a que saen varios volantes fanse cintos de 24, 23, 22, 20,18, 16, campaíñas, segundo a idade do volante.
Noutras parroquias da Ribeira como Nogueira, adoitan empregar vintecatro campaíñas, que levaban hai anos as xugadas do gando vacún. Éstas son como “as esquilas” de Manzaneda e Viana do Bolo (X.M.Vázquez Rodríguez, 1995, páx.250). Estes instrumentos producen sons diferentes, de aí que haxa que distinguir dous tipos: os machos, que producen un son grave, e as femias , un son agudo.
Un mes denantes da chegada do Entroido Juan Carlos, presidente da Asociación do
Entroido Ribeirao, vai na procura de campaíñas a diferentes parroquias dos concellos de
Carballedo (Lugo), Oseira (Ourense), Carballiño (Ourense), Cea (Ourense), Lalín (Pontevedra)
e Rodeiro (Pontevedra). Logo, ao rematar a festividade devolveas o máis axiña posible. Deste xeito pode garantir que nos anos vindeiros llas sigan deixando. Antano nos días previos ao Entroido as campaíñas, xa colocadas nos correóns, soaban todas as noites pola parroquia, xa que conviña que collesen sitio no cinto para que nos días do festexo soasen ben. Grandes coñecedores destes sons foron os Pataco de A Proba (Santiago de Arriba). Ata hai uns meses un descendente deles, chamado Pepe do Pataco, encargouse deste labor, e abofé que sempre dun xeito positivo. As campaíñas boas colocanse no cinto grande, que vai portar o volante maior. O resto vai para outros cintos en función da idade, veteranía, capacidade física …

1.1. OS PUCHOS.
Antano, cando no existía o papel pinocho, facíanse os puchos con follas de berza seca rizada.
As flores do pucho realizábanse coas ramas do millo previamente rizadas e as colonias eran feitas de palla.
Co paso do tempo, os volantes levaban por riba da cabeza unha estructura interna de madeira, realizada con paos de vimbio, que asemella a forma do camarín da Virxe do Perpetuo Socorro. Recibe o nome de pucho. Hoxe esta estructura interna ou artiluxio e de arume e vimbio cuberta de cintas dun cromatismo variado e dunhas cento dez a cento vinte flores da mesma especie, realizadas con papel pinocho de diferentes cores. No cume do pucho colocanse dúas bonetas de xoguete.
Unha na parte anterior e a outra na posterior. Tamén se poñen cinco penachos de diferente cor.
Catro en cada lado do pucho e un no centro.
O portador do pucho ten que ser unha persoa de gran vigor e resistencia física, xa que ademaís de soportar os trinta kgs. do pucho e das campaíñas, ten que estar danzando case sempre a un ritmo uniforme tanto pola mañá como pola tarde. “O volante adoita ser un mozo forte, pois ten que mover as pernas durante moito tempo a un ritmo especial que faga soar as campaíñas, soportando á vez o peso do conxunto da vestimenta, que pode chegar a ser superior aos trinta quilos” .
Antano nesta parroquia ao igoal que nas demais da Ribeira chantadina saía un pucho por parroquia de trazos moi singulares, que o diferenciaban dos demais. Na actualidade en Santiago de Arriba sae un “pucho grande”, que adoitan usalo tres volantes veteranos. Un “pucho mediano”, que o utilizan varios rapaces e, finalmente, un “pucho pequeño” para os cativos.
Os volantes levan unha caraúta artesanal ou a cara tinguida de negro por mor a que a caraúta dificultaba a respiración. Ás veces, lévana na cabeza sen poñela. Tamén portan na man un caxato, que soe ir ornamentado con fitas de diferentes cores.
Esta máscara estivo sempre representada polo sexo masculino agás nos últimos anos nos que paseniño se van incorporando nenas e mulleres.
A función básica dos volantes e de ir brincando e movéndose de tal xeito que as cintas cromaticas voan polo aire, mentres que das campaíñas xorde un constante e rítmico son (Xosé M. Vázquez
Rodríguez, 1995, páx. 250). Hai a tradición de que un bo volante non debe deixar tocar no chan as colonias. As máscaras con campaíñas ao cinto usanse nalgunhas localidades de Asturias, Cantabria, León, Navarra. Tamén en Alemania, Grecia, no Paris medieval… de tal maneira que podemos consideralas como un elemento común e moi antigo do carnaval europeo (X.M. González Reboredo, 1997, páx. 48). Tamén se aprecian semellanzas desta mascarada coa dos volantes da localidade Navarra de Valcarlos e cos “volants” da comarca barcelonesa do Vallés (F. Cocho, 1992, páxs. 102-103). Polo que respecta a elementos máis concretos destas carantoñas, como poden ser “os puchos”, son habituais en Trentino (Italia) ou en Telfs (Tirol austríaco).
No ano 2002, Sabela Díaz Regueiro compuxo o seguinte poema dedicado aos volantes:
… “ Volante” rexo o abandeirado
que ó son das campaíñas
bailas e campas.
¡ As “colonias” ó vento
contigo danzan!
¡ E coas tuas reviravoltas
as cores xiran e cantan!
¡ Que espectáculo
que abraio de estampa!
Baila-las campás
e as “colonias” danzas
en retrincos de cor
os soídos estalas…

1.2. A REALIZACIÓN DAS CARAÚTAS.
Úsanse varias capas de papel de periódico superpostas, que van untadas dunha pasta elaborada con auga morna e fariña.A caraúta terá máis capas ou menos segundo a consistencia que queramos para a mesma. Na metade das capas pónse un tecido de liño para darlle certa solidez.
Por outra banda, mentres se construen as caraútas, quentanse dous moldes de madeira nun forno. Ao rematar a cocción, quítase do forno un dos moldes e colócase a súa parteanterior -a cara do molde- nas capas do periódico superpostas, que forman unha das potenciais carantoñas. Logo, poñense uns carolos de millo na parte dianteira da potencial caraúta, para que vaia collendo a forma do nariz e dos ollos. A continuación envolvese todo, átase e introdúcese no forno onde se coce. Cando a careta case está, sácase do forno e quítanse os carolos, para que acabe de secar o espazo ocupado polo papel, que estaba por baixo dos carolos. Rematado este labor, realízanselle cun ferro quente os buratos para os ollos, para a boca e para o nariz, e recortase cun coitelo o perímetro da súa parte posterior. Despois, cúbrese cunha capa de xema de ovo batido, para que a máscara vaia collendo máis consistencia na súa parte exterior.
Como remate, cada un decoraa como considera máis axeitado.
A feitura dunha caraúta pode levar de catro a cinco horas. Se o forno é grande, podes introducir dous moldes para elaborar dúas caretas. Isto estáse levando a cabo na comunidade parroquial de Santiago de Arriba, onde a asociación Entroido Ribeirao- presidida por Juan Carlos e a súa dona Marisé- posúen dous moldes antigos de madeira, propiedade de Primitiva, que llos cedeu mentres se celebre esta festividade.
Actualmente Juan Carlos construiu outros moldes de madeira máis pequenos, para realizar caraútas axeitadas para os cativos e deste xeito poder levar a cabo “talleres” con eles sobre o Entroido. Ademaís é mester dispoñer de varios repostos de caretas por mor da humidade e do suor das persoas, que poñen as caraútas, o que da lugar a súa deformación e, polo tanto, ao cambio das mesmas no transcurso do festexo.

2ª. OS PELIQUEIROS.
Tamén reciben o nome de “maragatos”, para diferencialos dos “peliqueiros” de Laza (Ourense). Visten unhas pelicas de ovella, cordeiro ou cabra sobre roupas vellas ou traxes de faena, levando ás veces penduradada do cinto unha choca ou campá. A cabeza e a cara cóbrena tamén cunha pelica ou cunha caraúta grotesca (J.M. Blanco Prado e X.M. González Reboredo, 2006, páx. 129). Portan na man un látego ou un pau xa que a súa función é protexer aos volantes e abrirlles paso tanto na súa marcha como no seu baile. Tamén utilizan como remates para a cabeza uns cráneos de becerro ou uns cornos de cabrito para darlles unha maior vistosidade. Actualmente o normal é que un maragato vaia acompañando a tres volantes. Denantes o número variaba, segundo F. Cocho, a un ou dous por cada volante (F.Cocho, 1990, páx. 101).

3ª. AS COROZAS.
Eran máscaras, feitas de palla, moi habituais no contorno de Camba (Pontevedra). Nesta parroquia adoitaba saír con outra máscara á que se lle daba o nome de Corozeiro.
Ámbas as dúas tiñan como función mollar ao público con auga procedente dunha sulfatadora e botarlle fariña coa man ou cun fol.

4ª. OS MECOS.
Trátase de persoeiros vestidos con roupas vellas, que teñen como misión escenificar sen diálogo diferentes acontecementos da vida cotiá. Polo tanto, a mímica constitue a esencia destas parodias. Noutrora os oficios tiñan como fundamento a escenificación de diferentes labores agrícolas, ligadas co liño, coa sega, coa malla, coa colleita das patacas... Logo, foise pasando paseniño a parodiar dun xeito burlesco diferentes labores e comportamentos cotiás non necesariamente relacionados ao agro.

II. A DINÁMICA DO ENTROIDO EN SANTIAGO DE ARRIBA.
2.1. O ENTROIDO NO PASADO.

Denantes da guerra civil a festividade do Entroido celebrouse nunha explanada rodeada de castiñeiros, que estaba situada no lugar de “A Pousa”, moi preto da antiga igrexa parroquial.
Neste tempo eran moi habituais as pelexas entre os veciños de Nogueira e de Santiago de Arriba.
Poucos anos despois de rematar a guerra civil o festexo foi trasladado ao “Campo de Moredo” ata o intre actual. O entroido conmemorábase durante os mesmos días que hoxe, é decir tres domingos consecutivos, que recibían os nomes de Domingo Corredoiro, Domingo Lambedoiro e Domingo de Entroido, aos que había que engadir o Martes de Entroido. Nestes días viña moita xente non só da vila de Chantada e contorna, senón tamén doutros lugares e parroquias pertencentes aos concellos de Carballedo e O Saviñao. Así adoitábase ver xente de Castro (Carballedo), Fión (O Saviñao), Escairón (O Saviñao), Diamondi (O Saviñao) etc... “Foron catro días nos que estuvo todo cheo de xente; non había camiño, nin carreiro, nin campo, nin nabeira, en todo o lugar de Arriba, dende o que se pudiera ver o Moredo, que non houbera xente” .
Para os que planificaban e intervían dun xeito directo na festa o entroido comezaba moito antes, xa que había que preparar os puchos, as campaíñas, os oficios, facer as caraútas etc. Así un entroido de finais dos cincuenta do século pasado consistía no seguinte:
“Por adiantado reunímonos un bo número de veciños na cantina da parroquia e, ás veces, diante da “Casa do Diego”. Como tivemos que estar traballando ata moi tarde cada veciño aportou algo de comida e bebida e, desta maneira, as noites fixeronse máis levadeiras. Alí rizamos o papel en varios días. Logo, puxemolo nunha caixa e levamosllo a Nina e a María do Diego, que foron as que realizaron as flores do pucho. Uns días denantes de que comezara o festexo organizamos os correóns das campaíñas en función do son. Para acadar que as campaíñas estivesen a punto para o Entroido compría que soasen pola parroquia nas noites previas á festa coa finalidade de que collesen o espazo axeitado no cinto.
Nos días do Entroido os volantes e maragatos percorreron pola mañá as casas da parroquia e tamén foron por outras parroquias limítrofes na procura de viño que, logo de probalo meteron nuns pelellos. O viño usouse para convidar á xente que acudía a ver o Entroido do Moredo.
Pouco despois de xantar, sobre as 16 horas, reuniuse unha importante mascarada na estrada, que comunica a parroquia de Santiago coa vila de Chantada e con outras comunidades limítrofes. Desde alí a mascarada, acompañada polos gaiteiros de Vilar de Mato e por un grupo numeroso de persoas, iniciou a marcha ata o “Campo do Moredo”. Ao chegar ao lugar de “O Pedroso” os volantes e os maragatos baixaron por un carreiro e atravesaron as hortas e os campos, que había ata o Moredo. O resto da mascarada asi como o público acompañante continuaron polo camiño habitual.
Xa no campo do Moredo, os volantes empezaron a danzar e a exhibir as súas vestimentas diante do público asistente, moi numeroso, ata o punto que houbo que acordoar unha parte do campo, para poder levar a cabo as diferentes representacións. No seu primeiro contacto co público, os maragatos procuraron que ninguén traspasase o acordoamento realizado.
Transcorrido certo tempo, os volantes e maragatos, acompañados dos gaiteiros, viñeron a “Casa do Quintana” a buscar aos mecos encargados do primeiro oficio. E así ía a acontecer ata o cuarto, xa que o habitual era que cada día do Entroido se representasen catro oficios. A partir do primeiro os maragatos perseguiron as persoas, que tentaban alteralos no transcurso da tardiña.
Neste ano, que nos ocupa, houbo dous oficios curiosos e ao mesmo tempo espectaculares:
O primeiro foi a escenificación dun parto, no que interviron Antonio do Manolo, que fixo o
papel dunha muller embarazada; o Viadilla, que era o médico; e Pepe do Pataco, o practicante.
Pois ben, a muller púxose de parto, mais ninguen sabía que o aumento da barriga debíase a dúas bolsas, que lle colocaran no ventre. Unha chea de sangue, que o Pepe do Pataco fora a buscar a unha carnicería de Chantada, situada a carón do concello; e a outra a un gato vivo.
Cando comezou o parto, as dúas bolsas foronse abrindo paseniño, e o resultado provocou sustos e risas, xa que o gato miando e con sangue no corpo apareceu correndo no medio do público.
O segundo oficio consistiu na escenificación de dúas parellas de bailaríns. Unha interpretada por Manuel do Viutos e a Nina; e a outra por Santiago e María. Ámbas as dúas ían nun carro de vacas, acompañadas dun gaiteiro, que era Pedro do Artilleiro. Este pequeño grupo accedeu ao “Campo do Moredo” tanxendo e bailando unha canción moi leda. Sen embargo ao apearse do carro transformouse todo de tal xeito que comezaron a tropezar uns cos outros, a reñer, e mesmo caer, o que deu lugar a que algunhas persoas do público, previa solicitud, saísen para bailar. Ao mesmo tempo, mentres acontecía isto, os persoeiros enfariñaban e encinzaban á xente.
Os veciños dunha parroquia colindante podían acudir a escenificar un oficio sempre e cando se recoñecesen diante do “volante maior” (volante rei) e dun maragato nos lindes da parroquia e, logo, no propio campo da festa.
O martes de Entroido, denantes de rematar o festexo, varias mulleres da parroquia, vestidas de negro e cunha caraúta na cara de cor branco acudiron ao “Campo do Moredo, coa finalidade de realizarlle ao Entroido unha despedida. Neste acto interviron tamén os volantes, os maragatos e algúns mecos, que se colocaron de xeonllos en torno aos puchos.
Todos sen excepción choraron ao Entroido durante un breve periodo e ao rematar elevaron as súas mans de cara ao ceo, tirando as súas caraútas. Mentres acontecía isto, un volante poñía o pucho na cabeza e saía correndo do “Campo do Canedo”, quizais simbolizando ao Entroido que se ía.
Como remate do festexo hubo baile de gaita ata que a xente paseniño comezou a marchar para os seus lugares de procedencia, levando “fachóns” para alumear os camiños e carreiros.
Noutrora houbo anos nos que unha chorona, acompañada doutras, acudía ao “Campo do Canedo” momentos denantes de rematar o festexo co Santo Entroido. Este estaba representado por un molde de madeira, envolto nun pano negro. Deste molde facíanse as caraútas da festa.
Por outra banda, o Volante Rei, denantes da despedida ao Entroido, danzaba por todo o campo e os pequenos íanlle collendo as colonias do pucho, tarefa na que tamén colaboraban os pais dos pequenos. Logo, o volante poñía “o pucho” no chan e ao seu arredor poñíanse de xeonllos os volantes, os maragatos, as choronas e os mecos. Finalmente queimábase uns boneco de palla, que simbolizaba ao Entroido . Daqueles entroidos de antano sobresaíron Pepe do Pataco, Nina, María do Diego, Pedro do Artilleiro, Arturo – que aínda saíu como volante no ano 2012- Camilo da Presa, Emilio, Benido, Antonio do Manolo, Viadilla, Manuel do Viutos, Santiago, o Larán, a “Casa do Quintana” para preparar os oficios, a “Casa de Marcos”…

2.2. O ENTROIDO HOXE (2012).
O primeiro día, chamado Domingo Lambedoiro, os volantes e maragatos foron a danzar e a exhibirse pola vila de Chantada, aproveitando que había feira. Os dous domingos seguintes, chamados Domingo Corredoiro e Domingo de Entroido, e o Martes de Entroido, a mascarada percorreu todos os carreiros da comunidade parroquial deténdose naquelas casas habitadas, cuxos donos lles ofreceron viño da ribeira e un bocado.Ata o ano 2012 o habitual era que visitasen en primeiro termo a “Casa de Pepe da Proba”, que xa tiña preparados baixo o alpendre os vasos axeitados para enchelos dun bo viño branco.
Todos os días do Entroido celebrouse un xantar a primeiras horas da tarde baixo unha carpa cuberta e adosada a antiga escola. Asistiron membros da Asociación do Entroido Ribeirao, presidida por Juan Carlos González e a súa dona Marisé Rei; os seus familiares; algúns amigos e, tamén, algunhas persoas que acudían ao festexo e eran invitadas pola Asociación dun xeito desinteresado.A comida foi elaborada no transcurso da mañá e do mediodía por mulleres pertencentes a asociación devandita, moitas delas donas e noivas dos volantes; dos maragatos; e dos mecos. Nestes días o menú consistiu en empanadas de diferente índole: patacas, liscos e chourizo; carne; bacalao con pasas. Lacón asado con cachelos. Algúns días, tamén churrasco feito nunha grella por algúns homes da asociación. Logo, diferentes doces, café, augardente e outros licores. Este xantar era algo habitual nas datas do Entroido en Santiago de Arriba. Logo do xantar reuníuse toda a mascarada na estrada, que da acceso á vila de Chantada e a outras parroquias do contorno. Desde alí iniciouse as 16 horas a marcha ata o “Campo do Canedo” segundo o arquetipo que se seguiu no “Entroido de Onte”.
Ao chegaren a mascarada ao devandito campo tanto os volantes como os maragatos cumpriron coa súa función específica. Así mentres os volantes bailaron e exhibiron os seus traxes diante do público asistente, os maragatos protexeron aos volantes no seu baile e, posteriormente aos mecos na realización dos diferentes oficios. Estes consistían en curtas representacións teatrais nas que se aludía a diferentes sucesos da realidade en xeral e da vida cotiá das persoas en particular, usando como instrumentos básicos a bulra, a sátira, a ironía…
No ano que nos ocupa -2012- podemos salientar os seguintes: A actuación estelar de Rafaela Carrá; todos os vehículos funcionan; señor cura atenda a súa iglesia; os bebés tamén xogan ao fútbol; doutor, teño lombrices; a fabada litoral galega; a barbería e a peluquería poden ir xuntas…
Ao rematar os oficios, realizouse unha churrascada baixo a carpa ata ben entrada a noitiña. E isto foi moi semellante nos catro días de celebración.

III. O “ROL” DA MULLER NO ENTROIDO
Case sempre o papel da muller nos medios rurais –menos xa nas vilas e nas cidades- é dunha gran relevancia de cara ao mantemento da “Casa familiar”. A muller leva a cabo unha dobre tarefa. Por unha banda ocupase dos labores domésticos ligados coa limpeza, coa cociña e cos nenos no suposto que os haxa. Tamén se adica a axudar ao seu cónxuxe nas tarefas agropecuarias. Pois ben, este labor constante e permanente da muller no seo da unidade familiar proxéctase tamén de cara a algúns eventos festivos como é o caso do Entroido.
Neste festexo a súa tarefa é ardua e menos visible que a do home sobre quen xira o eixo da festa. A muller permanece nun segundo plano, encuberta como espectadora máis que como actora, como elemento pasivo e non activo. E o intre no que cómpre difundir o importante “rol”, que amosa a muller neste evento festivo, no que ata hai ben pouco non podía participar co home dun xeito visible de cara ao público.
Polo que respecta ao Entroido de Santiago, a muller desde sempre é a que lava os traxes, compra o papel de pinocho, cortao e, logo, realiza as flores do pucho, tamén as cintas ou colonias de diferentes cromatismo. Se as flores e cintas se humeden ten que facelas de novo, ás veces nun curto tempo o que a obriga a empregar moitas horas de traballo. No intre actual a única persoa que sabe realizar as flores do pucho, segundo a tradición parroquial, e Marisé, que aprendeu a realizar as flores de Fina da tienda. Sen embargo as flores, que facían, non se correspondían segundo a xente de idade coas que houbera na parroquia. De aí que Marisé usando como guía as fotos antigas acadou paseniño realizar as auténticas. Polo tanto o labor do pucho recae en gran medida nesta muller. Outras, como Carmen Rei, Vanesa e Alba Quintela axudana a cortar o papel, realizar as colonias, atar as cintas e mesmo colocar as flores no pucho, aínda que nesta última tarefa axudanas os homes.
Nos días propios do Entroido, encargase tamén da tarefa gastronómica, consistente en realizar varios encargos, cociñar algúns platos, poñer a mesa… Logo, a tardiña pasa bandexas de empanada, carne e doce entre o público asistente ao festexo, que adoita acompañar co viño tinto da ribeira, que ten a súa disposición ao carón da “Cantiña do Moredo”.
Co paso do tempo a muller acadou participar neste evento festivo como unha máscara máis, e así no intre actual podemos ver como as cativas se visten de volantes ou maragatos e como as mulleres fan o mesmo. Sen logar a dúbidas unha conquista merecida.

IV. AS DIFERENCIAS DO ENTROIDO DE SANTIAGO DE ARRIBA CO DOUTRAS COMUNIDADES DA RIBEIRA DE CHANTADA.
Con respecto ao Entroido de Nogueira do Miño as diferencias eran moi marcadas en canto aos puchos, as campaíñas e, tamén, na relevante presencia de cativos no festexo.
1ª. Os puchos de Nogueira tiñen un formato diferente aos de Santiago, xa que estes son máis abertos e os de Nogueira tenden á convexidade.
2º. As flores de Nogueira son distintas cualitativamente con respecto ás de Santiago.
Tanto en Nogueira como San Pedro e Vilaúxe as flores fannas con papel corrido; non cortan o papel. Conforme ven o papel, abreno, rizano por un lado e vano enroscando formando a flor.
De aí que na feitura das flores desas tres comunidades haxa certas similitudes, algo que non acontece con Santiago de Arriba. Nesta parroquia realizan as flores con papel cortado. O seu número varia entre 110-120 flores, segundo como rize o papel. Se éste riza ben faise unha flor dunha medida, mais se riza mal tés que poñerlle máis pétalos para acadar unha flor fermosa.
3º. En relación aos bonecas do pucho, os de Santiago de Arriba amosan dúas:
Unha na parte anterior e a outra na parte posterior. Pola contra, os de Nogueira hai anos que lle colocan bonecas e outros non.
4º. Con respecto aos plumachos, os de Santiago de Arriba poñenlle nos puchos cinco plumachos. Dous na parte anterior, outros dous na parte posterior, e un no centro. Antano estes plumachos procedían do altar da Virxe do Perpetuo Socorro. Os de Nogueira ás veces llos poñen e outras no. Cando os levan son de papel.
5º. Os de Santiago colocan as campaíñas boas no “cinto grande”. Pola contra, os de Nogueira reparten as campaíñas entre todos os cintos.
6º. En Nogueira interveñen nos oficios unha proporción maior de xente moi adulta, algo que non sucede en Arriba, onde grazas a Asociación do Entroido Ribeirao segue habendo cativos, mozos e adultos de diferentes idades.
7º. En Santiago interveñen no festexo do Entroido un número importante de cativos debido a que todo o ano fanse “talleres do Entroido”, adicados a eles e dirixidos por Marisé Rei.
8º. Con respecto a Vilaúxe (Chantada) - comunidade que deixou de conmemorar o Entroido a comezos deste novo século- había diferencias ostensibles non só en canto ao pucho e as campaiñas - son máis armónico en Santigo- senón tamén con respecto ao remate do Entroido. Así, mentres que en Santiago poñíase fin a festa coa “Despedida do Entroido”, como queda xa reflectido, en Vilaúxe remataba o festexo co “Enterro do Entroido”. Éste era simbolizado por un meco, que se introducía nun cadaleito e tiña que escoltar durante algún tempo prontos, lamentos e lectura duns salmos ininteligibles por parte dos outros mecos, que o que o estaban despedindo.
A representación do Entroido por medio dun home foi algo usual en toda Euroa ata o século XIX, no que foi sustituída por bonecos, para evitar posibles danos físicos a antiga representación (X.M. González Reboredo e X.M. Mariño Ferro, 1987, páx.68).

V. A PROHIBICIÓN DO ENTROIDO.
Desde o século XIV ata a década dos setenta do século pasado houbo ordes, decretos e bandos máis restrictivos ou menos segundo a conxuntura política existente. Aparentemente o temor a comportamentos agresivos e bruscos era o que estimulaba aos políticos para impedir a celebración deste festexo. Sen embargo a razón específica radicaba na crítica, que se realizaba das normas vixentes usando a sátira, a burla, a risa etc. As prohibicións desta festividade tiveron unha maior forza durante o franquismo ao unirse o poder civil e o eclesiástico (Xosé Vázquez Rodríguez, 1995, páx. 252). Así o poder civil por medio da Dirección Xeral de Seguridade sacaba á luz o seguinte texto: “Próxima la semana de quincuagésima y continuando en vigor la prohibición de toda manifestación callejera de Carnaval, aunque tolerados en privado los bailes de sociedad con trajes de época que no constituyan disfraz, y sin velar el rostro en ningún caso, o momentánea aparición en las calles de personas que con uno de dichos atuendos autorizados en su inevitable desplazamiento de ida y regreso, puedan servir de pretexto para presentarse en público arbitrariamente disfrazados con ropas astrosas unos e incurriendo otros en la poco original y recusable extravagancia de vestir prendas de su sexo contrario, la cara tiznada y dando muestras en chabacanas pandillas de una ruidosa euforia a la que no suele ser ajena la ingestión alcohólica, que les ayuda a vencer el pudor de su ridícula situación, para evitar estos excesos se recuerda la prohibición existente y se hace público que los agentes de la autoridad procederán a la detención de estos tozudos de mal gusto, que seran severamente sancionados” (F. Cocho, 1992, páx. 334).
Pola súa banda, a igrexa continuou condenando o festexo malia que as diferentes comunidades eran partidarias de mantelo. De aí que mandase celebrar como acto de desagravio, triduos, vigilias, adoracións nocturnas.. (F. Cocho, 1992 páx. 321) .
Sen embargo un número considerable de comunidades rurais seguiu celebrando o Entroido malia os apercibimentos e as multas correspondentes. Isto foi o que aconteceu en Santiago de Arriba, onde por varias veces tivo a parroquia que pagar varias multas durante o rexime franquista e máis concretamente entre as décadas dos corenta e setenta.
Tivo moita sona no contorno o que sucedeu nun Entroido dos anos cincuenta do século pasado. “Houbo unha denuncia dun crego no cuartelillo da Garda Civil, o que deu lugar a que o brigada, que tiña o alcume de “Tocamadera” acudise á parroquia con dous números do posto.Logo de chegaren fixo un parte do acontecido, colleu o mellor cinto que había, e levouno para o cuartelillo. Menos mal que grazas a uns bós amigos da parroquia, que tiñan influencia coas institucións, conseguiuse cambiar as campaíñas boas por outras ruíns. De tódolos xeitos houbo que pagar unha multa de trescentas ptas. naqueles tempos, a que fixo fronte a parroquia ”. Co paso dos anos houbo que pagar outras de menor cuantía para recuperar os traxes, os panos e ata o pucho”. Todo isto foi rematando coa chegada dun novo tempo de máis permisividad e e tolerancia.

VI. OS TALLERES DO ENTROIDO CON NENOS.
A sala-comedor de Juan Carlos e Marisé cumpre unha función polivalente, xa que aparte da función específica que ten case todo o ano, como é a de servir de espazo para que a súa familia poida comer e ver a televisión, ten outras relacionadas co Entroido. Así, úsase nas datas cercanas ao festexo como espazo indicado para realizar as flores, as colonias, os puchos…
Tamén se emprega nalgúns días do ano como lugar no que os pequenos que o desexen reciben de Marisé unas ensinanzas básicas sobre os persoeiros, que interveñen no Entroido da Ribeira.
Así explicalles a función que realiza o volante, o maragato, e o meco; a vestimenta que levan; no caso dos volantes, como deben bailar… Logo, cada neno decide cal é o seu persoeiro máis axeitado e a asociación encargase de prepararlle a vestimenta apropiada cos seus complementos. Se algún día un cativo desexa realizar “o rol” doutro persoeiro pode levalo a cabo ao igoal que fan os adultos.
Con respecto á procedencia dos nenos hainos de Santiago de Arriba, de Chantada e o seu contorno; tamén de Carballedo, de Ourense, de Barcelona. En definitiva calquera cativo pode usar a máscara que máis lle guste, logo dun previo aprendizaxe.
Nos últimos anos estáse incrementando o nivel de participación dos cativos. Isto queda reflectido cando chega o Entroido. Así temos constancia – por poñer un exemplo característico- que o Domingo de Entroido do ano 2011, participaron no festexo 30 persoas, menores de 13 anos, das que 24 fixeron o papel de volantes e 6 o de maragato.
Polo tanto, este Entroido ten unhas bases moi solidas, que lle auguran moitos anos de celebración e de conservación dunha tradición como homenaxe aos devanceiros desta
comunidade parroquial.

VII. A PROXECCIÓN DO ENTROIDO DE SANTIAGO DE CARA AO EXTERIOR
Nesta nova andaina do Entroido de Arriba, que comezou cos inicios desde novo século, estamos asistindo todos os anos “no Campo do Moredo” as danzas dos volantes e a
representación dos oficios. Sen embargo, nos días nos que non hai festexo na parroquia
aproveitanse moi ben para dar a coñecer o Entroido arribeño noutros espazos e lugares xa dende unha perspectiva téorica ou práctica.
1.No ano 2003, faise un acordo coa Asociación Xosé Soto de Fión (O Saviñao) para levar a cabo unha exposición permanente dos persoeiros do Entroido Ribeirao. Logo,desde o ano 2004 ao 2009, o domingo Lambedoiro celebrouse na parroquia de Fión (O Saviñao), onde ademais da mascarada, interviron os mecos escenificando diferentes oficios. Por falta de financiación non puido seguir celebrandose na devandita parroquia.
2.Impartíronse conferencias en Institutos e Colexios de Sarria, Monforte, Escairón e Chantada
3.Participación na televisión de Localia. Lugo.
4.Colaboración no ano 2009 nun Congreso, que se celebrou en Ourense, sobre o Entroido. Presentación dun Volante.
5.Durante varios anos participouse nos desfiles do Entroido de Chantada.
6.Participación no “Proxecto Ronsel”, organizado pola Universidade de Vigo.
-Ano 2008. Pontevedra.
- Anos 2009-2010. Ourense.
7. Colaboración nos desfiles do Entroido de Pontevedra nos anos 2009 e 2011.
8. Desfile polas rúas de Lugo no ano 2010. Acto da Deputación de Lugo.
9. Desfile polas rúas de Potes (Cantabria) no ano 2012, xuntamente cos membros da Asociación “Joaldunak”, de Ituren (Navarra).
10. Participación no Folión dos Carros de Chantada. Agosto 2012. Neste folión representaron as seguintes escenas ligadas ao Entroido:
10.1. Representación dunha Ribeira co home traballando.
10.2. Realización das caraútas ao carón do lume.
10.3. Feitura das flores por parte das mulleres e a súa colocación no “pucho”.
10.4. Mulleres colocando as bonecas no “pucho” e vestindo aos nenos.
10.5. Representación dun campo da festa cos nenos danzando, e algúns veciños bebendo ao carón dunha pequena cantina, que representaba a existente no “Campo do Moredo”.
10.6. Na parte posterior da plataforma viñan bailando os volantes adultos, os maragatos meténdose co público, e dándolle viño procedente dunha barrica que ía nun pequeño carro tirado por cabras.
10.7. Na parte anterior, ía un Papa móvil, dando lugar á representación dun oficio por parte dos mecos.

VIII. AS CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE O ENTROIDO ARRIBEÑO.
Cando os volantes chegan as terras de cultivo e aos campos fan soar as súas campaíñas con intensidade. Algúns creen que este son aumenta a fertilidade das terras. De feito é unha crenza moi estendida por toda a ribeira chantadina. Sen embargo cómpre dicir que tanto o xudaísmo como o cristianismo atribuiron ao son das campaíñas propiedades específicas para conxurar aos espíritos maléficos. Asi todos sabemos da importancia das campás das igrexas para evitar ameazas como as treboadas, ou para facer fuxir aos nubeiros e tronantes, personaxes da nosa mitoloxía popular causantes dos lóstregos e da sarabia (J.M. Blanco Prado e X.M. González Reboredo. Ob. cit. 2006, páx. 135). Polo tanto os sons das campaíñas serían un signo de vitalidade mais tamén un arredamento de todo aquilo que provoca o mal.
Por outra banda, as máscaras son un símbolo relevante da inversión da orde, dos valores e convirtense dalgún xeito nunha representación do home como animal fronte ao home nun ámbito social. En consecuencia é patente o enfrontamento entre natureza e cultura.
Finalmente algunhas prácticas rituais do Entroido acadan o indicador da identidade local en contraposición a uniformidade forzada pola globalización. De aí que para os veciños de Santiago de Arriba os volantes sexan pola súa orixinalidade e singularidade un importante elemento identitario desta comunidade. Así a súa riqueza e diversidade cromática ao igoal que o rítmico son das campaíñas, que levan nos seus cintos, esperta vivencias, sentimentos, e move aos veciños a tomar parte no evento.

IX. BIBLIOGRAFÍA.
1. MAPA. Foi realizado polo delineante José Cancio Fernández.
2. ILUSTRACCIÓNS. As fotos números: 6,7,11,15,16,17,19,20,21,22,24,25,26,27, foron realizadas polo catedrático e investigador José Manuel Blanco Prado. As demais foron unha aportación da “Asociación do Entroido Ribeirao” de Chantada.

2. CONSULTAS BIBLIOGRÁFICAS
-BLANCO PRADO, J.M. “ 1ª Exposición sobre o Antroido na provincia de Lugo”, Boletín do Museo Provincial de Lugo, 2005, XII, vol. 1. Pp. 203-222.
-BLANCO PRADO, J.M. e PERNAS BERMÚDEZ, Carme.: “Achegas históricas ao Antroido do “Val de Francos (Castro de Rei) no século XXI”,en Croa (Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga), nº 19, 2009, paxs. 58-73.
-BLANCO PRADO, José Manuel.: O Entroido na Diócese de Lugo. Achegas Históricas. I. O Entroido na Ribeira de Chantada. Rev. Lucensia, nº 39 (Vol. XIX), Lugo, 2009, páx.365.
-BLANCO PRADO, José Manuel.: O Entroido na Diócese de Lugo. Achegas Históricas. II. O Entroido na fregresía de Salcedo.(A Pobra de Brollón). Rev. Lucensia, nº 40 (Vol. XX), Lugo, 2010, páxs.163-172.
BLANCO PRADO, X.M.: “2ª Exposición sobre o Entroido na provincia de Lugo”, en Rev. Dixital. Etnografía, www.mesondoforno.com. 2012.
-CARBALLO, Xosé Manuel. “Antroidos e Antroido do “Val de Francos”, revista Terra Chá, 7-1-06.
-CARO BAROJA, Julio. El Carnaval (Análisis histórico-cultural). Taurus: Madrid, 1979.
-COCHO, Federico. O Carnaval en Galicia. Vigo: Xerais, 2007.
-DASAIRAS, X. O ANTROIDO en Terras de Monterrei. Vigo: Edicións do Cumio, 1990.
-El ANTROIDO en Galicia. Exposición Casa de Galicia en Madrid. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1995.
-DÍAZ, M.M. Do Antroido ao Nadal. Romerías, ferias y fiestas patronales en Galicia. Ea editorial, 2006.
-FIDALGO SANTAMARIÑA, X.A. “Identidade e festa popular”. En: O Feito diferencial galego na Antropoloxía. Vol. II. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1998. (Coord. Marcial Gondar Portasany)
-FIGUEIRA TENREIRO, Sabela. “O Antroido onte e hoxe. Achegas ao estudio desta festividade na Terra Chá”. Revista Dixital de “Galicia Encantada”. Web.: www.galiciaencantada.com
-FLORES ARROYUELO, F.J. Fiestas de ayer y de hoy en España. Madrid: Alianza, 2001.
-FRAGUAS FRAGUAS, A. A Festa Popular en Galicia. A Coruña: Edicións do Castro, 1996.
-FRAGUAS FRAGUAS, A. Do ANTROIDO. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1994. Serie Alicerces, nº 6.
-GATO SOENGAS, Antonio. O Entroido de Casa de Naia. Lugo: Deputación, 1992.
-GONDAR PORTASANY, M. Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e o nós outros. Vigo: A Nosa Terra, 1993.
-GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Guía de festas populares de Galicia. Vigo: Galaxia, 1997.
-GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. “Fiestas cíclicas”. En: VV.AA. Galicia. Antropoloxía. Tomo XXVII. Hércules Edicións, 1997.
-GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. e MARIÑO FERRO, X.R. ANTROIDO en Galicia. A Coruña: Deputación Provincial, 1987.
-LISÓN TOLOSANA, C. Antropología cultural de Galicia. Madrid: Editorial Siglo XXI, 1971.
-LISÓN TOLOSANA, C. Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega. Madrid: Akal, 1974.
-LORENZO, X. Cantigueiro popular. Vigo: Galaxia, 1973.
-MARIÑO FERRO, X.R. O ANTROIDO ou os praceres da carne. A Coruña: Edicións do Castro, 2000.
-OTERO FERNÁNDEZ, X.M. “A dimensión lúdica da vida humana. O ANTROIDO, unha antiga celebración”. En: Exemplificacións didácticas. Educación Secundaria Obrigatoria. Tomo II. Xunta de Galicia.
-RISCO, V. “Etnografía: Cultura espiritual”. En: Otero Pedrayo, R. Historia de Galiza. Madrid: Akal, 1979.
-RIVAS CRUZ, X.L. e IGLESIAS DOBARRIO, B. Cantos, Coplas e Romances de Cego. (I) e (II)). Recopilación de Mini e Mero. Lugo: Ophiusa Ensino, 1999.
-RIVAS, P. Fiestas de Galicia. Propostas didácticas. Lugo: Deputación Provincial, 1996.
-TABOADA CHIVITE, X. Ritos y creencias gallegas. A Coruña: Edicións Sálvora, 1980.
-TENORIO, N. La aldea gallega. Cádiz, 1914.
-VVAA. As caras do ANTROIDO ourensán. Ourense: Deputación Provincial e Fundación Caixa Galicia, 2009.
-VV.AA. Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, 1993. (Coord. “Asociación do Val do Franco”)
-VV.AA. Galicia. Antropoloxía. Tomos XXVII, XXVIII e XXIX. Hércules Edicións, 1997.
-VV.AA. O noso Antroido. Villalba 1986. Colexio Público “Antonio Insua Bermúdez” de Vilalba, 1986. (Patrocinado por Concello de Vilalba)
-VV.AA. Tempos de festa. Tomo I. “Entre os Reis e o mes de maio”. Fundación Caixa Galicia, 2006.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES