Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Entroido Ribeirao (I)

jueves, 07 de febrero de 2013
O Entroido Ribeirao (I) O Entroido Ribeirao (I) O ENTROIDO RIBEIRAO. SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA, LUGO).

Autores: José Manuel Blanco Prado e Carme Pernas Bermúdez.

Adicado á Asociación do Entroido Ribeirao, presidida por Juan Carlos González e Marisé Rei.

Publicado en "Croa" Revista da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga.



I. LIMIAR
Se falamos dun tempo de festa esperado con ansia e ao que nos podemos referir de múltiples xeitos, todos nos damos conta de cal se trata. É o chamado Antroido, Carnaval, Entrado, Introito, Entrudio, Carnestolendas, Carnal… que todos coñecemos, que ven de vello e hoxe mantense reinventado, como a maioría das festas.
Da igual empregar uns termos ou outros, iso vai depender da época ou do lugar no que se faga, pois o importante é o que nos quere transmitir: por un lado, tempo de excesos e dos praceres da “carne” e, polo outro, tempo de “entrada” á Coresma, é dicir, de disfrute daquelo que está prohibido durante eses corenta días de abstinencia e penitencia cristiá. Trátase dun tempo de diversión, no que “sempre se comía a carne que non había todo o ano”.

II. AS ORIXES DO ENTROIDO
A orixe desta festa remóntase nos tempos. Son diversas as teses sobre a súa orixe, pois os investigadores non se poñen dacordo neste punto. Por un lado, están as teorías prehistoricistas ou evolucionistas de finais do século XIX, que interpretan o Carnaval como unha versión moderna dos ritos ancestrais de pobos prehistóricos relacionados coa fertilidade das terras, das mulleres e do gando na primavera. Entre os seus seguidores destacan Frazer e Mannhardt, e no ámbito galego Bouza Brey. Por outro lado, están as teorías medievalistas que xorden nos anos 40 do século XX, partidarias de encadrar o Carnaval na tradición cristiá e de entendelo sempre en relación á Coresma. A maioría dos estudiosos defenden esta tese, destacando Bajtin, Van Gennep, Heers, Burke... e no noso ámbito, Caro Baroja, Vicente Risco, González Reboredo, Mariño Ferro e Fidalgo Santamariña, entre outros.
Outras teorías son as que defenden puntos de encontro entre ambas teses: recoñecer a orixe pagá dalgúns ritos do Carnaval sen negar a súa consolidación como festa no ámbito da Idade Media. Neste contrapunto sitúanse cada vez máis estudiosos na actualidade, como Federico Cocho, que afirma:
“...podemos dicir que a festa do Carnaval propiamente dito, co sentido burlesco e parodístico que ten hoxe, é propia do estilo de celebracións lúdicas da Idade Media, etapa histórica na que se configura como contrapeso festivo aos rigores que introduce a Coresma cristiá. Risa, burla, parodia, igualación social, alcohol, enchentes e toda sorte de bromas e excesos nutren os Carnavais. Pero non se pode negar que determinados ritos pagáns, propios do comezo da primavera e encamiñados a estimular a fecundidade, están incluídos nos Carnavais rurais máis antigos xunto a outros moitos costumes de intencionalidade distinta.”

III. O TEMPO DO ENTROIDO NA PROVINCIA DE LUGO.
O calendario festivo do Entroido soe variar en función de cómo caia a Semana Santa, e sempre se celebra 40 días antes da Pascua. Os calendarios locais son moi variables. Antano xa comezaba coas mascaradas de Reises, que aínda se celebran nalgunhas localidades da Europa occidental, e que se foron perdendo no noso país.
De tódolos xeitos o mes carnavaleiro é o de febreiro, no que dependendo da zona se celebra case todo o mes ou só os días grandes, entendendo como tales o domingo de Entroido e o martes de Entroido. O Entroido galego máis longo é o da vila ourensá de Xinzo de Limia, e o lucense máis longo é o Ribeirao de Chantada. Na Terra Chá celébranse os días grandes o domingo e o martes de Entroido, que segundo a zona poden recibir unha ou outra denominación. Por exemplo: domingo Grande, domingo Gordo, domingo Lardeiro.

O etnógrafo ourensán Vicente Risco mencionaba que o ciclo do Entroido abranguía dúas semanas e media nas que había que distinguir unha serie de días moi específicos pola súa ritualística. Estes eran: Domingo Fareleiro, Xoves de Compadres, Domingo Corredoiro, Xoves de Comadres e Domingo, Luns e Martes de Entroido. Se proxectamos este ciclo á provincia de Lugo o resultado sería o seguinte:
1. O “Domingo Fareleiro”. Por ex. na Ribeira de Chantada: hai uns anos en Vilaúxe, hoxe Santiago de Arriba.
2. O “Xoves de Compadres”. Concellos da Terra de Lemos (Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón, o Saviñao, Sober...). O máis importante Monforte de Lemos.
3. O “Domingo Corredoiro”. Ribeira de Chantada: algo en Nogueira, e en Santiago de Arriba.
4. O “Xoves de Comadres”. Concellos da Terra de Lemos. O máis importante Monforte de Lemos.
5.“Domingo, Luns e Martes do Entroido”. En moitas parroquias e pobos da provincia de Lugo celébranse bailes e concursos de disfraces. De tódolos xeitos compre distinguir:
5.1. Domingo do Entroido. Bailes, concursos de disfraces e desfiles en moitas vilas da provincia lucense. É mester distinguir:
5.1.1. Os desfiles de Madamas e Galáns en Salcedo (A Pobra de Brollón).
5.1.2 A representación de oficios en Salcedo (A Pobra de Brollón), Santiago de Arriba (Chantada), algo en Nogueira (Chantada).
5.1.3. Representacións de pequenas obras de teatro, escritas e realizadas polos veciños de Salcedo (A Pobra de Brollón) no interior do Auditorio.
5.1.4 Recuperación do Entroido en Bazar (Castro de Rei) no ano 2009.
5.2. Luns do Entroido. “O Oso de Salcedo” (A Pobra de Brollón).
5.3. Martes do Entroido.
5.3.1. Santiago de Arriba (Chantada).
Actos: Xogos infantís. Oficios e Despedida do Entroido. É importante o labor da Asociación do Entroido Ribeirao, coordinados por Juan Carlos González e a súa dona Marisé.
5.3.2. O Entroido do “Val de Francos” (Ansemar, Belmonte, Goberno) (Castro de Rei).
Actos: O Sermón do Entroido. O Testamento do Entroido, a Queima do Entroido, baile…
Cómpre sinalar o labor importante do crego Xosé Manuel Carballo Ferreiro, verdadeiro impulsor deste Entroido, que colabora desinteresadamente escribindo sermóns , testamentos, e axudando aos veciños deste marabilloso val na planificación dos diferentes actos, que teñen lugar desde o domingo do Entroido ata o martes, día principal das festas.
5.3.3. En Tirimol (Lugo) hai disfraces e queima do Entroido. Recuperación deste Entroido hai uns anos polo colectivo etnográfico “María Castaña”.
5.3.4. Novamente os desfiles de Madamas e Galáns en Salcedo (A Pobra de Brollón).
Chegados a este intre temos que considerar que, se pechamos aquí o ciclo do Carnaval, nalgunhas localidades lucenses a conmemoración festiva quedaría fragmentada. Polo tanto é preciso engadir tres novos días: Mércores de Cinza, e Sábado e Domingo de Piñata.
6. O “Mércores de Cinza”. Enterros da sardiña na cidade de Lugo e nas vilas de Burela, Chantada, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba, Viveiro...
7. O “Sábado de Piñata”. A queima do Entroido en Ribadeo, que é o que ten maiores proporcións da provincia. Comparsas e plañideiras.
8. O “Domingo de Piñata”. Lourenzá. Comitiva de Comparsas percorre diferentes rúas da vila.

IV. OS TRAZOS MÁIS SALIENTABLES DO ENTROIDO
1. O Entroido como rito, onde a máscara e o disfraz acadan forte protagonismo.
“Ir de máscara” convértese nun rito imprescindible que fai sentir ben ao que a leva. “As máscaras preséntanse como obxectos culturais por excelencia, por onde o home se fai sentir e falar”.
2. O Entroido como festa que responde ao “modelo binario” do universo no que
todo xira arredor do ben ou do mal, de Deus ou do Demo, da vida e da morte, do día e da noite, do verán e do inverno, da mente e do corpo, da cultura e da natureza... Ese mal é representado a través dun boneco, mal vestido, farrapento ao que se lle pón lume.
3. O Entroido como tempo de exceso, no comer e no beber, e como tempo de folganza, no que non se traballa, e sobre todo os homes na sociedade tradicional.
4. O Entroido como escenario da burla e da crítica social e política. Bo exemplo desto
son as parodias, os testamentos de animais, os sermóns do Entroido... Normalmente
eran improvisados ou escritos por “poetas” locais e xentes con grande agudeza e inventiva.
5.O Entroido como momento festivo celebrado nunha época de transición estacional cara a primavera.
6.O Entroido como símbolo de vida e fertilidade fronte á morte, e como tempo de rexurdimento e de renacemento da primavera.
7. O Entroido como inversión da normalidade da vida cotiá, como escenario daquilo que non se pode facer o resto do ano, en antítese coa ríxida Coresma, eses 40.
8. O Entroido como lección pedagóxica. Para antropólogos como Antón Fidalgo e Marcial Gondar os excesos do Carnaval subliminalmente educan ao pobo, facéndolle ver e comprender que unha vida como a do Entroido non se pode levar a cabo o resto do ano se queremos evolucionar como seres humanos civilizados.
9. O Entroido como dominio da dimensión pública fronte á privada. As casas abren as súas portas a tódolos veciños, e todos colaboran na festa, de forma directa ou indirecta.
10. O Entroido como reino da risa, provocada pola burla, a sátira, a retranca, a crítica... de certos elementos do poder aos que se ridiculiza, e provocada pola inversión de papeis e “o mundo ao revés” que se establece.
11. O Entroido como tempo de diversión, de relaxación e do xogo entre os sexos. Neste tempo reláxanse as costumes do resto do ano, e excédese na comida e na bebida.
O Entroido foi fortemente censurado e prohibido dende a guerra civil do 36 e durante a dictadura franquista ata chegados os anos sesenta, anos de maior tolerancia nos que se vai recuperando paseniñamente nas zonas onde tiña máis longa tradición. Sen embargo, malia a prohibición o pobo seguía conmemorando a festa aínda que sabía que corría grave risco de ser multado. No impedimento deste evento festivo influíron os duros sermóns dos cregos contrarios ao Carnaval e a presión exercida polos Gobernadores Civís, os Alcaldes e as forzas garantes da orde.
O sociólogo Bernardo García Cendán fai unha interesante reflexión neste senso:
“(…) nunca puiden entender, cando era neno, por que tiñan prohibida aquela festa que a min me gustaba tanto. Buscaba calquera farrapo para disfrazarme, agora é todo moito máis sofisticado e comercializado, o que é unha mágoa, porque ate a xente máis rica aproveita para diferenciarse mercando as cousas máis caras e segue sen saber rir debaixo da máscara. Eu corría tras dos mozos que, desafiando as leis, facían con moito detalle o enterro da sardiña na miña vila de Vilalba. Inda me recordo do que nos divertía adiviñar mesmo o intre en que ían aparecer os gardas para desface-la procesión. Procesión na que participaban os mesmos que despois tamén acudían, piadosamente á seriedade dos “caladiños” na Semana Santa”.

V. BREVE REFERENCIA DALGÚNS ENTROIDOS LUCENSES
1. O ENTROIDO DE SALCEDO (A POBRA DE BROLLÓN).

Salcedo é unha entidade de poboación, pertencente á parroquia de San Xoán de Salcedo, no concello da Pobra de Brollón, na provincia de Lugo. A efectos eclesiásticos pertence ao arciprestado de Santalla de Rei e a diocese de Lugo. Componse de 70 vivendas de xeito rústico con pequenas prazas e rúas sen simetría. Está situada a 576 m. de altitude nos contrafortes da serra do Courel. Segundo o IGE, no ano 2007, posuía unha poboación de 173 habitante. Dista 4,8 km. da capital do concello e 70 da cidade. Dende hai algúns anos, as actividades do Entroido están planificadas pola Asociación de veciños de Salcedo.

1.1. AS MADAMAS E OS GALÁNS
No “domingo do Entroido” saen as madamas e os danzantes, en número que vai entre cinco a sete parellas. As madamas levan unha blusa e faldra branca, e van tocadas con sombreiros ornamentados con flores e cintas de papel, que reciben o nome de colonias; as súas caras van cubertas con carautas. Os danzantes van vestidos cun traxe escuro, camisa branca, gravata negra, sombreiro e unha careta branca. Segundo algúns veciños, ámbolos dous personaxes poderían simbolizar ás persoas ricas da localidade; por tal motivo non era estrano que, para representaren as súas vestimentas, houbese que ir, coa debida antelación, aos tendais dos ricos para collerlles as roupas axeitadas.
Así mesmo, teñen como misión ir buscar cos gaiteiros de Salcedo ao morrión, é dicir as máscaras que, acompañadas por cativos, levan a cabo unha representación mímica nun local axeitado -hoxe o Auditorio- sobre algún comportamento social ou evento, que tivera gran transcendencia na localidade.
Así, por poñer un caso, hai algúns anos veu a Salcedo un home que, segundo comentaba, vendía lavadoras; andou por diferentes casas ofrecendo o producto cunhas importantes vantaxes económicas, de tal xeito que, aínda que non traía canda el ningún electrodoméstico e pedía un adianto económico antes de entregar o producto, días despois algúns veciños aceptaron a proposta de quen logo resultou ser un timador. Na localidade o caso foi moi comentado, o que motivou que no Entroido do ano seguinte se fixera unha parodia da estafa.

1.2. O RITUAL DO OSO
O luns de Entroido, antes da saída do oso, un pequeno grupo da localidade adícase a recitar unhas cantigas de cego, nas que se fai alusión a algúns eventos ocorridos na comunidade. Logo, sobre as cinco e media da tarde óense voces que anuncian a chegada do célebre plantígrado: ¡Aí ven o oso! ¡Aí ven o oso!. Polo cume dunha das rúas de Salcedo xorde un persoeiro enigmático, vestido con peles de ovella e unha carauta, que asemella a un oso. Inicialmente era levado amarrado cunhas cadeas por un número variable de servos para soltalo a continuación entre a veciñanza da localidade e demais asistentes. A aparición do oso, anunciada tamén polo repicar dunha campaíña, provoca continuas carreiras e gritos no público asistente, que alborotan a toda a localidade.
O animal non respeta a ninguén ata o punto que irrompe nos bares para acceder ás súas presas. Nesta tarefa o oso conta coa importante colaboración dos seus servos, que suxeitan ás víctimas, para que logo poida tisnalas con “sarrio” e, mesmo, tirar ao chan a máis dunha. As continuas persecucións que manteñen o oso mailos seus criados con respecto aos asistentes ao acto, continúan ata o anoitecer, momento no que o ritual festivo remata, debido preferentemente á fatiga, que amosan tanto o animal como os seus servos.
Nesta comunidade o oso é unha importante entidade á que se lle rende veneración para que a protexa. Constitúe un importante símbolo, que anuncia a primavera e, ao mesmo tempo, móstrase benefactor da fertilidade, que ten lugar na mesma. Trátase dun oso que entra na localidade de Salcedo como rei da festa, que se vai celebrar, mais tamén marcha da mesma con ese status.

2. O ENTROIDO EN BAZAR (CASTRO DE REI).
O Entroido nesta parroquia deixou de celebrarse nos anos setenta do século pasado. Ata ese momento en Bazar celebrábanse dous entroidos: o do Barrio da Grandela e o de Carravilar. No recordo das persoas de máis idade da comunidade aínda fican os nomes de Severino das Fontes, Avelino de Marcos, Ramón do Cura e José Benito de Carravilar como importantes impulsores e, ás veces, sermoneiros desta festividade. En ámbolos dous barrios a festividade levábase a cabo o Domingo de Entroido cos seguintes actos:
2.1. A Corrida do Galo.
Entre dous puntos fixos colocábase unha corda moi tensa, na que colgaban un galo, amarrado case sempre do seguinte xeito: “Poñíanlle un lazo por baixo das alas e, logo, metíanllo polo buche e sacábanllo pola boca”. Desta maneira a cabeza do animal quedaba bastante suxeita, o que motivaba certa dificultade para arrincarlla. A continuación algúns mozos en cabalerías, ataviadas para a ocasión, pasaban ao galope por baixo do galo, tentando descabezalo. Ata comezos do último tercio do século pasado era unha práctica moi habitual en diferentes parroquias chairegas, como Ansemar, Bestar, Quintela, Bazar, Saavedra, etc
2.2. A corrida de eguas e o “xogo das cintas”. Este consistía en pendurar os extremos das cintas nunha corda tensa, quedando libre o outro extremo, onde se encontra unha argola dun cm. de diámetro. Os participantes ían cun pequeno punzón para introducilo pola argola. O que máis cintas lograba arrincar era o vencedor da proba.
2.3. O Sermón do Entroido. Os Sermoneiros dispoñían normalmente dun importante don de interacción social tanto no interior como fora da súa comunidade, debido ao seu afán por transmitir coñecementos do seu entorno e ser receptores doutros novos procedentes de áreas máis extensivas. E así, nas rimas dos diferentes sermóns adoitan realizar cun sentido crítico un repaso ao modo de actuar do clero, á actitude que amosan os mozos con respecto aos adultos e persoas de máis idade, ao comportamento dos políticos, ao xeito de levar a cabo diferentes oficios, problemas sociais, acontecementos na comunidade: inundacións, roubos etc. Ademais hai estrofas que se refiren á dinámica da propia festa: asistencia á mesma, problemas que entraña a súa organización, colaboracións, etc.
2.4. Xuizo do Entroido e queima do Entroido.
Participaban dous veciños da parroquia, que tiñan como finalidade, un defender ao
Entroido, e o outro criticalo, saíndo case sempre o Entroido culpable. Logo, queimábase.
Como remate da festa, había algo de música de acordeón ou gaita.
Durante varios anos Rafael de Xusto estivo traballando para continuar con esta fermosa tradición, máis a última hora decidiu que unha nova sabia tiña que emerxer na planificación deste evento. E así as netas de Avelino de Toño e Iván Díaz Díaz comezaron a organizar o Entroido do ano 2009, continuando ata o intre actual (2012).
Neste espazo de tempo, o Entroido de Bazar vai acadando unha dimensión moi positiva, aínda que xa hai actos que non se celebran como a “Corrida do Galo”, a “Carreira de eguas”, “o Xogo das cintas”, “o Xuízo do Entroido”, aínda que este está incorporado dalgún xeito no “Sermón”. Sen embargo, hai tamén novidades, como “a Carreira de carrilanas”, que tivo lugar por primeira vez e con moito éxito no ano 2012; o “Xogo dos pucheiros”, “o Xogo das sillas”; os concursos de comparsas e disfraces e as orquestras para amenizar o baile. Permanecen desde a miña perspectiva dous actos esenciais en todo o Entroido, como son: O Sermón e a Queima do Entroido.

ALGUNHAS ESTROFAS DOS SERMÓNS
Os gandeiros en Bazar / estanche moi enfadados
pois si o do leite non se arranxa / mándache moito carallo. (2010)

Eses rapaces de enxoito / que non collen unha pala
ós vellos quérenlles moito / os viernes pra iren á sala
e o resto da semana / non lles dirixen a fala.

E dito todo isto e para o pregón rematar /hoxe neste espantallo
os políticos queremos encarnar./ Por iso é que o vamos a queimar
para o ambiente purificar / e que por fin deixen de cheirar.

3. OS XOVES DE COMPADRES E COMADRES NO VAL DE LEMOS
O Val de Lemos aglutina aos concellos de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao e Sober. Durante os dous días dábanse en caseque todos os barrios de Monforte –Carude, San Antonio, Ramberde, os Abeledos, os Chaos e nalgures da Estación– tremendas loitas entre mozos e mozas, por mor de liberar un moneco que, segundo que o día fora de comadres ou compadres, eles ou elas facían con palla, e vestían de home ou de muller, tamén segundo os casos. O moneco era colocado no máis outo dunha balconada ou no tellado da casa, e había que sacalo de onde o puxeran. Para conseguilo, cumpría agatuñar deica o punto onde estaba posto, ou chegar a el polos casais veciños. Os que habían defendelo, miraban cara el, desafiantes, ríndose a esgalla. Na súa defensa valían todas as artimañas, comezando por ter as mans ben untadas de chapapote, xiringuillas con auga e outras armas polo estilo, que eran tamén as dos atacantes e liberadores. Pódese supoñer cómo se porían todos eles, deica que o simbólico home ou muller era arrancado do sitio en que estaba pendurado. Despois era queimado entre as risas e a troula de todos (Vázquez, Germán, 1969, páx. 286).
Co paso dos anos xa se foron realizando en ámbolos dous xoves varios bonecos de palla, ben comprimidos e vestidos con roupas de homes e mulleres segundo se tratase do Xoves de Compadres ou de Comadres. Estes bonecos colocábanos, tanto mulleres como homes, en lugares de difícil acceso e, logo,vixiábanos toda a noite. A finalidade era recuperar os bonecos -os homes aos compadres, e as mulleres ás comadres- o que daba lugar a unha loita simbólica entre os dous sexos.
Na actualidade os xoves de compadres e comadres foron institucionalizados polo Concello, que establece tres convocatorias por concurso: centros de ensino; parroquias, barrios e rúas do Concello, e individuais. Cada modalidade, terá acceso a un primeiro premio, a un segundo, e a un máximo de tres accésits. Ademais o xurado poderá conceder se así o estima un premio especial á Etnografía.
Tódolos anos participan varios centros escolares especialmente os dos máis xoves como a Gardería Caixa Galicia, o Colexio Novo, o Colexio Ferroviario, a Gándara e a Divina Pastora. Tamén adoitan participar os Escolapios, Torre de Lemos, a gardería Infanta Elena, etc.
Con respecto ás parroquias e asociacións colectivas, é mester citar as parroquias de Ribasaltas, Distriz, Santa Mariña, a Agrupación Auxilia, o Barrio de A Florida, o Colectivo Prodeme, veciños de San Antonio, Barrio de Casar, Asociación Rioseco, veciños de Carude, veciños de Pantón, etc...
Desde a nosa perspectiva merece unha especial mención o Colectivo de veciños de Babela (Distriz) (Monforte), quenes desde hai uns doce anos aproximadamente dedícanse a expoñer tanto no Xoves de Compadres como no de Comadres un material etnográfico de vital importancia de cara as xeracións futuras. Estes veciños están a realizar unha labor pedagóxica e didáctica xa que tratan de reproducir en suma como se vivía denantes nunha “Casa rural do Val de Lemos”. Isto conleva proxectar ao exterior unha serie de traballos colectivos, como era a malla, a sega da herba e do trigo, a roza dos toxos, a esfolla do millo, a debulla, o fiandón, a recolección dos ourizos, a poda das vides. Tamén reflectir unha serie de oficios necesarios para a súa subsistencia, como era o dos zoqueiros, o dos ferreiros, o das leiteiras, o dos carpinteiros, o das lavandeiras, o dos cesteiros. Sen dúbida, tiñan tamén momentos de adicarse ao lecer e así tamén souberon plasmalo, na caza das papuxas, na pesca furtiva, na taberna e tenda da parroquia, nos doces tradicionais, etc.
Nestes últimos anos a asociación de veciños A Xuntanza (Santa Mariña) (Monforte) estase dedicando tamén a temas de carácter rural, como poden ser os da feira, a elaboración do pan e do viño, a matanza do porco…
Outro concello importante polos seus compadres e comadres é Sober. Na capitalidade municipal fíxose fronte á casa consistorial unha especie de homenaxe ao palacio dos López de Lemos para convertelo nun hotel de luxo.
Por outra banda o humor, a ironía, o sarcasmo, a louvanza, son trazos que tódolos anos podemos percibir nas coplas de compadres e comadres da capital municipal, referidas a veciños e veciñas da localidade.

Moitos anos concellal / e solo catro de alcalde/
saiunos a bon precio / case que saiu de balde /
Gástase moito gasoil /seica hai que aforrar/
traede as mantas da casa / se vos queredes quentar.
Temos novos concelleiros / hai que poñelos a andar¡
seica traen pilar novas / pronto as van a gastar¡
No Concello de Sober / contratan moitas mulleres.
Están pa tomar café,/ e pa falar coas paredes.
Non se fan con mala fe / as coplas do carnaval.
Fanse para divertirse,/ que a ninguén lle senten mal.

Na parroquia de Anllo nestes últimos anos recreáronse varias esceas rurais ligadas ao traballo do campo e ao tempo de lecer, como por exemplo os diferentes momentos do traballo nos muíños nos que interviron uns vinte compadres, e varios burros que tiñan como finalidade de levar o trigo a moer. O momento de lecer está reflectido na figura dun pescador e de varias persoas xogando ás cartas.
Outros lugares de Sober nos que se escenificaron e seguen escenificando diferentes feitos de índole cotiá son Arxemil, Proendos, Matamá...

4. O ANTROIDO NO “VAL DO FRANCO”, CASTRO DE REI (LUGO)
Artigo publicado por José Manuel Blanco Prado e Carme Pernas Bermúdez na Revista “Croa”, nº 19, 2009, páxs.58-83.

5. O ENTERRO DA SARDIÑA NA CIDADE DE LUGO
Trátase da escenificación dun enterro cristián no que o finado é unha sardiña, que nos seus comezos era auténtica mais logo co paso dos anos construíuse unha de gran tamaño en papel e cartón. A comitiva vai presidida por un eclesiástico –o Gran Espetón– que dirixe os cánticos ao longo da procesión; logo os acólitos, os sancristáns, os portaestandartes, as plañideiras, as autoridades e finalmente os acompañantes. A procesión adoita rematar nunha praza ou diante da Casa Consistorial, onde se len discursos, que entrañan bulra, ironía, sarcasmo e crítica , e que están referidos na súa meirande parte aos problemas que ten a cidade ou vila. O enterro pode rematar nunha inhumación simbólica (Lugo), nunha incineración (Burela) (Vilalba) (Viveiro), nunha inmersión no río (Monforte de Lemos) ou no mar (Marín) (Pontevedra).
Este ritual do Entroido non naceu en Galicia, senón que veu importado de Madrid onde no reinado do monarca borbónico Carlos III chegou a Madrid, procedente dalgún porto do norte de España, un cargamento de sardiña en mal estado, polo que as autoridades competentes, malia as condicións de pobreza da poboación, acordaron enterralas na “Casa de Campo”. O pobo aínda que ao comezo protestou e provocou algúns incidentes, logo participou cun tono burlesco e sarcástico en dito enterro, que sería recordado anualmente.
En Lugo capital, logo de cincuenta anos de ausencia volveu no ano 1985 o Enterro da Sardiña da man de José Barreiro, fundador da “Real Confraría da Parranda”, e do Departamento de Cultura do Concello. A comitiva saíu do Círculo das Artes ás oito da noite integrada na súa maioría polos membros da “Real Confraría da Parranda”. Abría a procesión “o gran Pendón”, levando un estandarte cunha carauta do Entroido, franqueado por dous capuchóns tamén con sendos estandartes nos que figuraba “o porco de San Antón” e “o burro do Antroido” aos que se dedicaban sendos estribillos:

Este é o burro do Antroido
levántalle o rabo
e bícalle o coiro
bícallo ben
hasta o ano que ven.
Este é o porco de San Antón
desde o fuciño
hasta o xamón
todo él sabe ben
insecula seculorum. Amén.

Logo dunha ringleira de confrades ía “O gran Espetón”, representado por Antonio Penedo o “moro Muza” e os mariñeiros protexendo á sardiña ben ensartada nun tridente.
Os incensarios acompañaban a D. Carnal e a Dª Cuaresma, sen que faltasen á cita as choroas, que ían de loito, chorando a perda irreparable. Finalmente as autoridades coas súas elegantes donas e encabezadas polo rexedor da cidade, seguidas da banda e o coro. Ao fronte da banda ía o seu director Pepe Barreiro, vestido de capuchón e semáforo en ristre. Pechaba a comitiva o público desexoso de participar no evento (Barreiro Varela, José; 1993, páx. 72).
O percorrido iniciouse na Alameda, onde se entoou o primeiro canto, anunciando deste xeito o comezo da escenificación. Logo proseguiu por Conde Pallares e a rúa da Cruz, onde se detivo diante do bar Anda, para dedicarlle á súa peña unha das estrofas do “Canto patético”, interpretado na procesión.
A primeira parada importante tivo lugar na Praza do Campo, onde o Gran Espetón, representado por Antonio Penedo, recitou as primeiras estrofas do Enterro da Sardiña, sendo coreado cun estribillo pola confraría en pleno.
A comitiva fúnebre, logo desta parada, continuou a súa marcha pola Rúa Nova ate chegar á Praza da Soedade, onde novamente se detivo para dedicarlle outras estrofas á Praza do Rastro e á capela da Soedade. Ao San Antón Abade pedíuselle que resolvera os problemas do Concello.
Logo de cubrir o traxecto por Santo Domingo e a rúa da Raíña, a comitiva dirixiuse, atravesando a Alameda, ao templete da música, onde se atopaba o ataúde da sardiña por riba dun catafalco.
Neste lugar, ao igual que fixera na Praza do Campo e da Soedade, o Gran Espetón, Antonio Penedo, recitou un longo repertorio de “ferretes” onde a crítica ao Concello constituíu a nota esencial.
Finalizada a interpretación da última salmodia, procedeuse a enterrar simbolicamente á sardiña, entre os lamentos das choroas.
Como colofón ao acto, o alcalde Vicente Quiroga fixo entrega dunha placa conmemorativa a José Barreiro no nome da Corporación Municipal, en recoñecemento ó seu labor por recuperar, logo de cincuenta anos, o enterro da sardiña (BARREIRO VARELA, José; 1993, páx. 81).
Nos anos 1986 e 1987 seguiu saíndo o Enterro da Sardiña. Non saíu no 1988, mais si o fixo nos dous anos seguintes. Houbo un período de interrupción ata que nos anos 1994 e 1996, volveu a saír grazas á Asociación de Amigos do Entroido. Sen embargo, vai ser a partir do ano 2000 cando unha das fillas de José Barreiro, Mercedes e o seu marido Andrés, retoman a Confraría do Enterro da Sardiña ate os nosos días dun xeito moi positivo, conservando moitas cousas de antano (estrutura da procesión, percorrido, ferretes permanentes do Gran Espetón); hai unha nova dinamicidade e creatividade ao poder participar calquera persoa do Concello lucense nos ferretes ou estrofas que o Gran Espetón vai ler desde o templete da música.

FERRETES DE DIFERENTES ENTROIDOS
Y, hablando del Alcalde D. Vicente…
¿Qué nos trajo el Alcalde-Presidente
-o qué llevó- en su viaje a la Argentina…?
A ver: ¿ Quién es el guapo que adivina…?
¡ que nos de una respuesta convincente…!. (ANO 1987).

ONTE FOROS POPULARES / HOXE BLOQUE E SOCIALISTAS/
QUEN GOBERNA ESTE CONCELLO / SEMPRE SON OS CONTRATISTAS. (ANO 2001).

E XA TEMOS UNHA PONTE / FIXERONA OS ROMANOS /
E AGORA QUE SE BIQUEN / O ALCALDE E O SEÑOR CASCOS (ANO 2004).

XOAQUÍN DIXOLLE A OROZCO / SE QUERES GOBERNAR
COMPARTE OS TEUS EURIÑOS / CO PARTIDO POPULAR (ANO 2008).

En Facenda os Inspectores / xa poden dar zapatilla/
para coller ós peixes grandes / e deixar as sardiñas/ (ANO 2012).
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES