Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Noraboa, Xosé Manuel Carballo

viernes, 25 de noviembre de 2011
Noraboa, Xos Manuel Carballo Falar ben dun amigo que vai facendo ben pola vida é ben doado. E moito máis cando o motivo é unha merecida homenaxe como a que a Irmandade Manuel María e a asociación Xermolos lle tributarán a Xosé Manuel Carballo este sábado, día 26 de novembro, ás doce da mañá, no Muiño do Rañego.

A familia de Manuel Rodríguez López queremos felicitar ó noso amigo polo seu importante labor cultural e social, ben plasmado polo amigo Xulio Xiz nun recente artigo en Galiciadixital.

Nós queremos lembrar a amistade que nos regala Xosé Manuel Carballo dende hai décadas rememorando o que o propio Manuel Rodríguez López escribe en crónica datada o 31-V-1979 e recollida no seu libro “Galegos en Catalunya 1978-1982”:
«Cantos enchemos o salón de actos do Centro Galego e o teatro de Hospitalet, moito antes das horas fixadas para ver «Os Valuros», non quedamos defraudados. A colonia galega da Cidade Condal endexamais tivemos a sorte de acudir a un acto que nos concienciara tanto como a peza teatral de Xulio Pita «Vaise a pechar outra casa máis», traxicomedia en tres actos, representada por labregos de Castro de Rei e Santa Leocadia da terra Cha, dirixidos polo crego D. Xosé Manuel Carballo.»

Máis adiante segue dicindo: «Obras como a representada polos «Valuros» poden facer rexurdir un pobo que esmorece. A concienciación da nosa xente é a única maneira de poder erguer Galicia e «Vaise a pechar outra casa máis» afonda na chaga que nos roe. Ogallá que as institucións e os representantes do pobo comprendan a mensaxe que esta peza encerra e, íntimamente xunguidos coas nosas xentes, acaden o remedio para que non se pechen máis casas.»

E remata: «Non sei se D. Xosé Manuel Carballo atendeu o consello de Antón Villar Ponte que escribiu: «Se queremos salvar da morte o "xenius" galego e que Galicia volva a atoparse a sí mesma escoitando a voz eterna da Terra, non é posible continuar cos brazos cruzados. É mester a creación e afirmación dun teatro galego». O que sí podo dicir é que o crego lugués tivo un gran acerto coa súa iniciativa e, se se mantén na mesma liña, non será de extrañar que recolla éxitos coma os de Barcelona e Hospitalet.»

O amigo Xosé Manuel continuou co seu exitoso labor teatral, un de tantos aspectos da súa importante actividade humana. Boa proba delo foi o éxito que recentemente conseguiu o seu grupo “Os xubilosos” en numerosos actos, incluido ó de entrega dos premios da “IX Edición do Certame Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela” no ano 2004, 25 anos despois da representación de «Vaise a pechar outra casa máis», en Catalunya.

No libro do certame dos premios de Paradela, Xosé Manuel Carballo deixou escrito: “Non ha de fallar quen diga que cos gastos destas cousas podíase amañar un camiño. Independentemente de que iso poida ser certo, non convén perder de vista que a cultura por si soa non abre camiños, pero é imprescindible para que os camiños sexan máis anchos e, sobre todo, para que non sexan camiños sen saída e conduzan ás portas dos veciños, servindo así a ese admirable tecido de relacións humanas perdurables, que son do máis gratificante que nos pode deixar a vida e do máis útil que pode xestionar ou impulsar calquera administración”.

O amigo Carballo ten a sensibilidade de facer chegar nidiamente mensaxes que nos fan reflexionar acerca das casas que se pechan nas nosas vidas, e tamén nos regala o seu traballo e acertada visión para ampliar o camiño da nosa existencia.

Moitas gracias e noraboa.
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES