Dúas cartas e un poema
jueves, 07 de julio de 2011
Dúas cartas e un poema: Celso Emilio Ferreiro e Manuel Rodríguez López
Celso Emilio Ferreiro e Manuel Rodríguez López, poetas galegos xunguidos por unha cordial amistade, intercambiaron correspondencia epistolar dende finais da década dos sesenta ata pouco antes do pasamento do poeta de Celanova. Entre ditas cartas, atópanse unha enviada por Celso Emilio ó Fillo Predilecto de Paradela dende Caracas, o 24 de Marzo de 1968, e un borrador coa resposta de Manuel Rodríguez, mandada dende Barcelona o 12 de Abril de 1968. As cartas, que falan por si mesmas, son unha fidel testemuña de diversos acontecementos ocorridos hai máis de 40 anos, incluidas reflexións relacionadas coa emigración galega, e tamén permiten coñecer a xustificación e o contexto histórico dun poema de Manuel Rodríguez López.
Celso Emilio escribe:
Ben querido amigo:
Contesto a sua garimosa carta para decirlle, en primeiro termo, que me sinto moi falagado polas suas verbas e noticias. A sua condición de mozo, traballador e poeta, son para min tres vencellos inapreciábeles, que valoran a sua carta por enriba de todo. Si, por engadido, procede dun galego, entón a causa é xa unha regalía.
Alédame moito o éxito outido por LONGA NOITE DE PEDRA na súa edición bilingüe. Elo quere decir que cando un fala sinceramente e dende dentro do povo, a xente síntese interpretada. Algunhos comentaristas coidan que escribo para o povo e non é así. Iso está ben para os poetas preocupados polas modas, que se poñen a minisaia ou o minibikini, asegún anden os tempos. Pero as modas pasan. O que non pasa é a moda de vivir do noso povo, esquencido na sua servidume de séculos. A miña solidaridade co noso povo é o mantío da miña poesía, fora de toda preocupación literaria chegada de París ou de Nova York.
Gustarame recibir o seu libro de poemas, no que, asegún me di, toca o tema da diáspora galega. Sobre iste tema eu teño unha esperiencia moi amarga, nos meu contaitos coa colonia galega de Venezuela. Salvo unhas minorías, por certo moi valiosas i honrosas, a nosa coleitividade eiquí é algo desastroso. O seu alleamento é total; síntense galegos, cando máis, de gaita e tamboril cando lembran a festa da sua aldea. Adormecidos por un nivel de vida pequeno burgués, asimilaron tódolos defeutos da clase e ningunha das suas virtudes, no suposto de que as teña. Son unha xente definitivamente perdida para Galicia, tanto no senso espiritoal coma no físico, pois un 70% deles non voltan a terra. Non hai que chorar por iles; hai que doerse pola patria que sofre esa desgracia por agora irremediabel e loitar para que no futuro desapareza. Descoñezo o clima da emigración galega na Arxentina e Brasil. Con todo, coido que a de Venezuela é a peor. De tódolos xeitos, ¿qué teñen feito por Galicia os emigrantes? Nada, ou casi nada, ao longo do tempo. Esta é a verdade indiscutíbel. Por sorte a emigración a América está findada. ¿I-a emigración a Europa? Teño máis fé néla, pro non me fago demasiadas ilusiós
Eu sei que a nosa xente non ten culpa de sere así. Os seus esquemas mentais están condicionados pola pobreza social e pola incuria inteleitual. Pro, son inocentes, só en certa maneira. Ao emigrar, os condicionamentos cambean e, consecuentemente, deberá cambear tamén a sua mentalidade. I-a verdade é que, na maoría dos casos, o cámbeo consiste en perder o pouco que tiñan de povo puro. ¿Pode concebirse que un emigrante, un home que tivo que deixar o seu fogar por non poder vivir níl, sexa defensor do Sistema político que non soupo, ou non quixo, resolver os seus problemas? Pois hai moitos paisanos nosos que o defenden. E unha especie de masoquismo: están como agradecidos a quen os botou da casa, porque gracias a ese viven agora mellor.
Sería moi fermosa unha Galicia de alén de mar, viva, actuante, co seu esprito nacional desperto. Pro non é así, créame. Así non somos mais que unha minoría, moita mais minoría que en Galicia. A ela hai que engadirlle unha carencia, casi absoluta, de información. Os xornaes apenas lle adican espacio as cousas de España, e moito menos as de Galicia. O resultado é que a xente paróuselle o reloxio na década do 1950, cando non na posguerra.
Non me tome por pesimista, que non o son. Teño grande esperanzas nas novas xeneraciós. Pro son realista e vexo que na emigración non hai novas xeneraciós: os fillos dos emigranes, xa non son galegos. I-os pais procuran esquecer que o son. Quedan somente os grupos minoritarios galegos que na emigración acrecentaron o seu galeguismo. Coiste material dá gosto tratar, pois, anque as veces teñan unha formación deficiente, están abertos a tódalas inquedanzas da terra e comprenden perfectamente todo. E o único consolo que me queda na miña tristura de desterrado.
Reciba os saudos cordiales do seu amigo
Celso Emilio
Manuel Rodríguez resposta:
Meu apreciado amigo:
Con gran ledicia recibín a sua carta que é un verdadeiro ensaio encol da colonia galega de Caracas. Comprendo o seu pesar pola indiferencia dos nosos emigrantes. Eiquí en Barcelona tamén pasa o propio inda que coido que mantense o sentimento da raza mais outo pola influencia do orgulo nacional catalán. Cánto temos que adeprender diste pobo. Eu compenetreime tan ben con il - vivo eiquí dende os 6 anos que quérolle coma se fora cousa miña, i as veces teño discusiós con paisanos nosos, prototipos do masoquismo que albiscou vostede nisas terras. E nos meus adentros digo: Ise orgulo que demostran os nosos por certas persoas que mais ben fixéronlles moito mal, non terá un fondo de nacionalismo? O fillo que tapa os defectos do pai bébedo, inculto, ¿nono fai por orgullo de caste? En vez de ser da sua raza, ¿qué diría o mesmo individuo do home bébedo, inculto do conto? Non teimo defender unha posición falsa, quizáis albisco un Oasis no deserto, levado polo corazón. ¿Pero que vamos agardar da masa inculta e seus pegoreiros?
En canto as novas xeracións coido que Galicia vive nun intre de porvir brillante. A Universidá de Santiago demostrou derradeiramente o meu aserto. A xuventú está vencellada fortemente e xa non se conforma con ser un ente pasivo. E falan galego e cantan Longa noite de Pedra e Venceremos nos.
Inspirado na sua carta fixen un poema que lle adico a vostede e mándollo pra que vexa unha mostra do que eu fago.
O poema ó que fai referencia pódese ver a continuación e no libro Manuel Rodríguez López. Poesía Completa, Espiral Maior, 2009.
OUH GALICIA DO ALÉN QUE TE ESQUECES
dos irmaos abafados nas chouzas,
nas cidades, ribeiras e pobos
cheos de cangas, sen norte, nas sombras.
Non escóita-los prantos do vento
a chorar nas fendechas das portas?
Non tes mágoa dos nenos que medran
enfouzados na lama das corgas?
Ti que fas, emigrante galego,
pra rachar as enleas que afogan?
Os teus beizos non berran acedos
contra as chagas que deitan pezoña?
Arrenegas da raza de Celta?
Dis que sintes do berce vergoña?
Onde están os vencellos que xunguen
pra forxar unha Patria sen coitas?
Non te lembras dos peitos da mai
e perdiches da caste a memoria?
Porque vives millor, inda lambes
a quen pecha o teu lar e te bota
ós rochedos do mundo en demanda
dun recanto e dun chisco de esmola?
Cando coidas erguerte, Galicia,
no Alén Mar emigrada e na Europa?
Cando vas espilir a priguiza
e brandear a Bandeira con forza?
Mentras durmes nun sono molengo,
a xiada devala asañosa
nas bisbarras da terra dorida,
esfameada e sen azos prá loita!
Escorrenta o malfado e acórrenos!
Destemida, desprega e arbola,
como un facho na noite emboutada,
o Pendón que nos leve á Vitoria!
Manuel Rodríguez López. Poesía Completa
Espiral Maior, 2009
Rodríguez López, Santiago