Sinfonía de Begonte
Escourido Basanta, Xosé Román - miércoles, 05 de enero de 2011
As dúas irmás entraron no interior do coche de seu pai, agocharon unha frauta no asento traseiro e escomezaron a camiñar cara a Begonte.
Atravesaron o camiño peregrino que leva a Santiago e dende o ollar ceibe contemplaban a maxestuosidade de Monterredondo e o Cordal.
Seguindo cara adiante fixeron unha parada para mirarse nas augas do Parga, que se xunta co Ladra en Pacios para acompañalo ata o Miño. Despois disto continuando o itinerario apreciaron a beleza da arboreda e dos paxaros que voaban cara a un destino insospeitado, chegando por fín ata o lugar: A visita ao Belén de Begonte.
Entraron paseniñamente no centro cultural José Domínguez Guizán, e alí atoparonse cun soño feito realidade: Belén de Xudea en Begonte de Galicia.
Andrea e a súa irmá Carlota acomodáronse nun banco e dirixiron os seus ollos para todas partes. Quedaron asombradas da marabilla que descubriron neste recuncho da terra de Breogán.
Andrea, a irmá maior, sacou dun macuto unha frauta e escomenzou a tocar: vinde ver o neno, vinde ver o neno
De súpeto, cae na conta de que as figuriñas do Belén estaban a interpretar unha sinfonía que pretendía elevalas cara ao ceo cheo de estrelas que se atopaban no fondal do Belén.
Logo de recoller o seu instrumento con mirada atenta, Andrea mantivo os oídos moi abertos poñendo toda a súa atención no miragre que está a ver e escoitar diante dos seus ollos ao mesmo tempo que cun chis lle fai comprender á súa irmá que poña atención no acontecemento que está a ter lugar.
Daba a impresión de que todos aqueles personaxes estaban plenamente harmonizados e axudados polos sons dos fenómenos da naturaza e polas criaturas que alí gozaban, interpretando entre todos un fermoso coral. Namentres isto acontecía, os serradores cortaban as árbores, os zoqueiros dábanlle forma ás calzas, os carpinteiros petando cos martelos levababan a corda dos sons máis baixos; e aló ao fondo, uns homiños andaban a remoer os grans para convertilos en fariña coa axuda do muiño.
Os gandeiros e pastores conversando acougadamente, sen deixar de vixiar os seus animais, formaban todos eles o grupo dos barítonos.
¡Que fermoso escoitar os sons dos paisanos que están a cortar as pólas das árbores para deixalos medrar mellor!
Estes xuntaronse cos oleiros que non deixaron de darlle forma ós búcaros, e cos pescadores, grandes sabedores da paciencia, ademais de unirse os cesteiros que namentres entretecen, son os chamados tenores.
Aló máis adiante, pero non lonxe, están a cantar as mulleres do Belén. As sopranos son: a castañeira removendo coa culler as castañas, a velliña que se esforza en muxir a vaca e a afiadeira que vén de dar ó fuso, acompañados da neniña que coida do seu irmán pequeño.
¡Mira!- díxolle unha irmá á outra- ¡que ben o está a facer este grupiño de xente!: a paisana afiando a gadaña, a muller enfornando o pan coma cada día, a lavandeira coas súas tarefas para branquear a roupiña, e a de alí adiante, veña de peneirar. Sonche as sopranos. Dando voltas a carón delas estase a columpiar un meniño.
Os lóstregos que brillaban no ceo mesturábanse co son da folerpa que bicaban a neve, conventíndoo todo nun fondo harmónico co soar das fervenzas e dos batáns.
¡Ah! -dixo Carlota- e os animais fan un grupiño de acompañamento: as ovellas forman un dúo cos cans, as troitas brincan coas augas axitadas facéndoas soar, o trinar dos paxaros regalando un doce susurro para escoitar. Mentres que os esquíos inquedos non perden de vista á cegoña subida no seu pedestal.
Todo ese coro está iluminado pola luz das estrelas e da lúa que camiñan cara ao portal. E alí moi atentos están a escoitar Xosé e María, saltando de contentos, vendo que o Mesías xa nos vén salvar. E o meniño Xesús dorme no berce, mentres que unhas pingas de auga caen diante do portal cun suave soar.
Pero, ¿qué está a pasar? -comentan as nenas oíndose ao mesmo tempo uns berros que distorsionan a peza musical. Saen do castelo de Herodes, pois alí non existe a harmonía, só o odio está a reinar.
¡Mira!, xa chegan os Reis Magos, traendo como regalo a harmonía de regreso ao lugar.
E as rapazas peguntaban: ¿pero quen é o director desta fermosísima interpretación?
E no fondo, entre o ceo e as luces das estrelas aparece a imaxe de D. José Domínguez, que do seu corazón saca unha batuta que pon nas mans de José Rodríguez Varela.
Eles dende a plenitude, nun ceo cheo de gozo e de paz, dirixen esta sinfonía, que só se pode escoitar no Belén de Begonte.
Andrea e Carlota voltaron ao seu lar, con moita paz e ledicia, atopada nun belén que vive e medra permanentemente na Terra Cha.
Escourido Basanta, Xosé Román