Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Volveu a amencer en Begonte

Carballo, Xosé Manuel - viernes, 17 de diciembre de 2010
Volveu a amencer en Begonte Teño que confesar que no enterro do Vareliña en Begonte estiven bastante distraído. Fíxense como andaría de distraído ese día que, por máis que o intento non dou lembrado a data exacta do seu paramento. Segundo para que cousas, teño moi mala memoria. Non obstante, lembro unha imaxe fixa que ata hai pouco non din arrincado do meu maxín e que me fixo sufrir moito. Aquel día no presbiterio xunta ao altar estaba coma un pitiño que non deixou de chorar durante toda a misa D. Xesús, o actual cura de Begonte, do que deberei dicir para quen non o coñeza, que é o herdeiro de seu irmán Xosé, o fundador con Varela dese nacemento que é unha gran lección de teoloxía e o máis completo tratado de etnografía chairega . Xesús é o cura-canteiro que vive todo o ano para o Belén e para Begonte e o seu entorno. Así, é todo o ano un gran apóstolo, pois bebe da fonte de Deus feito Neno e esparexe auga divina por toda Galicia. Sempre que eu miraba para el víao, ou ben co Varela a carón de si ocupando o lugar que debería ocupar o seu brazo dereito, ou sen o brazo dereito. ¡Que alucinacións pode chegar a sufrir un ás veces! Aínda estoutro día tiven que tocarlle disimuladamente para comprobar que segue tendo consigo o seu misterioso brazo dereito. Isto, por se alguén o pón en dúbida, aconteceu o catro de decembro na inauguración do Belén.
O feito de pasar a misa do funeral tan distraído foi debido a que non deixaba de matinar en que este ano a noite do Belén de Begonte cos seus tronos e relampos íase prolongar dun xeito descomunal, ata o punto de non volver a amencer. Durante o: “Eu confésome pecador”, dicíame para os meus adentros: ¡Pecador de min! ¿Cómo vai alborexar en Begonte se levaron a Vareliña, o profesor-artesán que facía a luz? Logo, no ofertorio, deume por matinar: ¡Pois estámosche aviados! Se non hai luz é porque non hai electricidade e, se falla a enerxía, ¿quen vai mover os motoriños ananos que son a alma pequena que dá vida ás figuriñas? No Nosopai, mentres outros dicían: “Padre nuestro, hágase tu voluntad”, a min escapóuseme: Noso Pai, ¿por qué Ti que antes de alborexaren os tempos pensaches: “fágase a luz” e fíxose de súpeto, tiveches a vontade de deixar sen luz este Belén levando antes tempo a Varela, facedor de luz coma Ti? ¿Non será que tiñas celos del? E mentres outros dicían: “No nos dejes caer en la tentación”, eu xa pecara de pensamento matinando que Deus non debe ser tan xusto como se di, senón non levaría a Varela deixando á súa muller e moitos outros a moitos outros ás escuras. Naqueles momento non lle din a paz a ninguén, porque ninguén dá o que non ten. Ao volver de comulgar unha voz, non sei se interna ou externa, o que si sei é que con son reverente de Padre eterno díxome: Chamei a Pepe Varela para xunto de min porque o reclamou para aquí Don José que levaba anos rallándome en que había que aumentarlle aínda máis o resplandor á Luz feita Carne.
Falando eu con aquela voz que me falaba a min comentei coma quen non quere a cousa: Logo, estará que non cabe en si de orgulloso. En son de reprensión retrucoume: ¿Quén o Varela? ¿Orgulloso o Varela? Non vaias por aí presumindo de que o tratabas, que polo que vexo nin o coñecías. ¡Orgulloso o Varela! Era o que me faltaba por oír. Debeuche quedar a cabeza oca.¡Vaia, home, orgulloso o Varela! ¡Estache boa!
Avergoñado calei, recollín a bendición impartida polo celebrante presidente e desde aquela non deixei de preguntarme a min mesmo: ¿Pero amencerá ou non amencerá no Belén de Begonte para acoller tamén este ano ao Sol que renace?
Pois….¡Amenceu!... Pídolles que o secreto quede entre nós, pero a min díxome o anxo Gabriel que Varela levou disimuladamente, e sen que o soubese nin a súa muller, no peto esquerdo do pantalón novo dúas chaves conmutadas e un relé e deixoulles outras dúas a Xulio Xiz e José Luís Varela Lagares, porque, xa se sabe, que as chaves conmutadas non poden cumprir a súa función de conmutar sen correspondencia. E entre estes piares do Belén e algúns máis sempre houbo e ten que seguir habendo unha correspondencia total.¡Miren de que xeito tan orixinal o argalleiro de Varela fixo que tamén este ano amencese en Begonte. ¡Está visto que o Joselín nin escarmenta, nin deixará nunca de pensar nos demais e seguirá aparentando que son outros os que o fan todo !Vaia pola súa alma. Amén.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES