Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un faro na Chaira: O Belén de Begonte

Villares Mouteira, Félix - jueves, 24 de diciembre de 2009
No país da Fisterra, neste país -en palabras dun dos seus fillos máis egrexios- «fermoso e eternamente verde que chamamos Galicia», hai unha comarca chamada Terrá Chá ou A Chaira, na que os ríos van caladiños, na que os ríos discorren manseliñamente porque, segundo unha fermosa lenda, cando a Sagrada Familia tivo que fuxir a Exipto para que o Neno Xesús non caese nas mans do rei Herodes, a Virxe María ía co Neno durmindo no seu colo e, o pasar pola Chaira, dixo: - cala, río Miño, non espertes o meu Neniño. Desde aquela, o Pai dos ríos de Galicia e os seus fillos pasan pola Terra Chá mudos, mainiños, quedos e lentos, sen facer ruído...

Ciscado na Chaira hai un pequeno e humilde pobo –pequeno no tamaño, pero de corazón e feitos grandes- no que cada ano, polo Nadal, se fai posible o milagre de que máis de corenta mil almas de toda Galicia, e mesmo de fóra, se acheguen ata el. Este pequeno gran pobo é Begonte do Belén, como foi bautizado fai uns anos.

Manuel María, o eximio bardo nacional deste país e desta comarca, que tan ben a cantou, dixo que a Terra Chá é «semellante a un mar en calma». A través deste «mar en calma» fan a súa singradura, no barco da vida, milleiros de navegantes á procura da luz dese faro, que, cada Nadal, é o Belén Electrónico de Begonte.

Ó final da singradura, estes milleiros e milleiros de navegantes atópanse seguros no faro de Begonte do Belén. Alí está o Centro Cultural «José Domínguez Guizán», que acolle, desde hai trinta e oito anos, o Belén máis fermoso, máis feiticeiro e máis famoso de Galicia. O que centra todo é o misterio de Deus feito home no seo de María que naceu un día historicamente en Belén e que agora vén ó noso encontro en cada muller e en cada home, en cada acontecemento... O posto máis destacado, máis sobranceiro é para o Portal no que están o Neno Xesús, a Virxe María e San Xosé, co boi e coa mula. Non faltan tampouco os anxos, os pastores, os Reis Magos, o pazo do rei Herodes...

Pero tamén neste fermoso e artesanal Belén -no que se recrea a vida dun día enteiro de calquera aldea das moitas espalladas por Galicia adiante- atopamos representados moitos oficios artesanais propios deste país, algúns xa desaparecidos e outros a piques de facelo. Alí están os ferreiros, os serradores, os carpinteiros, a forneira, o oleiro, os pescadores, a fiadora, o cesteiro, o muiñeiro, os gadañeiros, os zoqueiros, as sachadoras, o picador da pedra do muíño... Aparecen ademais as construcións propias da Chaira: casas, muíños, alpendres, alboios, cociñas, palleiras, fornos...; nenos xogando no parque; mulleres tendendo a roupa no tendal, muxindo as vacas, cribando no trigo…

Todo isto é posible, todo isto faise realidade polo traballo desinteresado e calado dunha chea de persoas, que dedican o seu tempo de lecer a prol desta fermosa tarefa. Son horas e horas e horas de traballo en silencio de José Rodríguez Varela, José Luis Varela Lagares, Carlos Torres, Jesús Domínguez Guizán, Jesús Veiga, Ramiro Cruz, Pilar Gómez, Xulio Xiz... Cada un ten unha misión concreta: facer as figuras, dotalas de movemento, apañar a carriza, facer a montaxe, organizar todas as actividades que, cada Nadal, hai arredor do Belén... Sen esquecer a todos aqueles e a todas aquelas que cada día se encargan de acoller e atender ós navegantes que, en feliz singradura, chegan a Begonte do Belén: Pili Reboredo, as irmás Tamara e Lolita Trigo Rodríguez, José Luis Varela, Sito Veiga, Ramiro Cruz e tamén as rapaciñas Alba e Lucía... Homes e mulleres sufridos e traballadores, xenerosos, namorados do seu Belén.

Nestes tempos nos que nos toca vivir está moi de moda falar do diálogo fe-cultura. Podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que a marabilla do Belén de Begonte fai posible este diálogo, xa que é atractivo para os crentes e para os non crentes porque alí agroman, están presentes motivos relixiosos, motivos culturais, motivos etnográficos, motivos da cultura popular, motivos artesanais...

Rematada a escala, os milleiros de navegantes que, en obrigada singradura, acoden cada nadal ata Begonte do Belén, volven felices e contentos ás súas casas a través deste «mar en calma» da Chaira.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES