ACHEGAS HISTÓRICAS E A FEIRA HOXE
Hai anos celebrábanse neste municipio begontino duas feiras: a de Barrazoso, situada na parroquia de Gaibor e a de Pacios. A primeira era máis antiga pois xa aparecía mencionada no Catastro da Ensenada do século XVIII. Pola contra, a de Pacios era de data máis curta que a de Gaibor, da que aínda se conservan algúns restos reflectidos en diferentes postos de mercadorías.
A feira de Pacios levábase a cabo os días 1 e 15 de cada mes. De tódolos xeitos no recordo dos integrantes desta comunidade parroquial figura, como máis relevante, a data do día 15. O lugar onde se realizaba o acontecemento posuía dous cobertizos divididos nunha serie de compartimentos nos que algúns comerciantes da zona como Concha do Reboredo e as súas fillas Leonor do Pérez e Remedios das Picharegas vendían os seus productos ligados coa alimentación e os tecidos. Ademais acudían doutros municipios algúns comerciantes como Florentino de Roca, a Flaquera de Rábade, Tornillo de Rábade, etc... Tamén viñan labregos das parroquias limítrofes, algúns para mercar aqueles productos que necesitaban e outros para vender aqueles que traían e deste xeito poder comprar co producto da venda aquilo que lles era mester.
Por outra banda, no recinto feiral vendíase todo tipo de productos desde os alimenticios, como era o caso dos chourizos, ovos, queixos, touciño, etc... ata utensilios de cociña. aperos de labranza, e ferramentas de toda índole. Tamén, había labregos que traían para vender gando caprino, mular, porcino e vacún, o que motivou a chegada de novos tratantes, como foi o caso dos Canedo de Rábade, que se dedicaban a mercar dun xeito preferente gando vacún para envialo en transporte aos mercados de Barcelona e Madrid.
Co paso dos anos a feira foi decaendo por diversas causas como o aumento do imposto que tiñan que pagar os comerciantes polas súas mercadorías. Ademais o gran prestixio que estaban adquirindo novas feiras de lugares cercanos, como as de Parga e Rábade, axudaron a súa decadencia e conseguinte desaparición na década dos corenta.
Sen embargo da feira paciega sempre houbo cinzas dispersas polo seu contorno, o que motivou que un bo día do ano 2006, a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario, presidida por Xosé Anxo Corral Novo, tivera a ben axuntar as cinzas e deste xeito recuperar a feira desta comunidade que constituira un dos elementos identitarios máis importantes da mesma.
O colectivo devandito preocupouse por levar a cabo unha interacción entre os dous elementos básicos de toda feira, como eran o lúdico e o mercantil. Por tal motivo, membros da asociación construíron algúns compartimentos de madeira coa finalidade de que diferentes artesáns adicados á cerámica, á cestería, ao ferro, aos tecidos etc... poidesen vender os seus productos e ao mesmo tempo dar a coñecer o seu proceso de elaboración. Asimesmo impulsouse o mercado das mulleres, adicado a venda de productos alimenticios, calzado, roupa, etc... Esta vertente mercantilista da feira foi complementada con unha serie de actividades de lecer como a presencia de grupos folclóricos, xogos populares, cetería, doma de cabalos, e un posto de polvo coa súa carpa correspondente para poder xantar no espazo feiral.