Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hospitais de Peregrinos

lunes, 17 de marzo de 2008
Hospitais de Peregrinos OS HOSPITAIS DE PEREGRINOS DO MOSTEIRO DE FERREIRA DE PALLARES

Un fermoso e plácido val da parroquia de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín, foi o lugar elixido polo conde Ero Fernández e a súa segunda esposa, dona Elvira, para fundar un mosteiro familiar na segunda metade do século IX. Despois de que os seus descendentes llelo ceden aos monxes da orde beneditina no último terzo do XI e unha vez que o rei Afonso VII lles concede o couto monástico no ano 1129, a abadía non só é independente, senón que exercerá a xurisdición civil e criminal nos seus dominios. A partir de agora, Ferreira verá incrementado o seu patrimonio de xeito espectacular, fundamentalmente a base de doazóns, compra-vendas, permutas e testamentos.

Porén, a pesar de se converter nunha importante entidade recadadora de bens e tributos, os monxes da orde de San Bieito non esquecen o seu labor de servizo aos demais, preocupándose pola atención material e espiritual dos peregrinos que viaxan a Compostela. Aínda que Ferreira non sexa lugar de paso do Camiño Primitivo nin do Camiño Francés, o seu dominio monástico alcanzaba a ambas as dúas vías. E en cada un deses camiños chegaron a ter un hospital para atender aos romeiros.

O do Camiño Primitivo, chamado daquela Hospital de Vilanova, localizábase na actual parroquia de Santa María do Pacio (Friol), no que hoxe se coñece como O Burgo de Negral, freguesía arredor da cal se concentraba un bo número de propiedades monacais. As referencias documentais témolas nun diploma do 13 de agosto de 1223, ano no que Fernando Muñiz, fillo do conde Munio Fernández e neto de Fernando Odoáriz e Tareixa Muñiz, descendentes da familia fundadora do mosteiro, xunto coa súa esposa, Tareixa Rodríguez, lle fan doazón ao abade Abril do Hospitale de Uillanoua que uocatur Nigral [...] per animas nostras et parentum nostrorum [...] ut secumdum posibilitatem qua ibi habuerit, recipiant ibi pauperes et peregrinos, dando eis ignem et aqua et panos et palea et elemosinas, isto é, coa condición, dentro das súas posibilidades, de que reciban alí aos pobres e peregrinos, proporcionándolles lume, auga, vestido, cama e esmola (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1083/ 12).

O Hospital do Camiño Francés situábase no lugar de Pena Godón, nas proximidades da actual aldea de Vendas de Narón e onde aínda se conserva a capela da Madalena, que era administrada polos freires de Ferreira. Este enclave era un dos fitos da demarcación do couto monástico outorgado por Afonso VII en 1129 e xa citado máis arriba: et inde ad Penam Godoni et inde per caminum francorum usque ad Castrum Maiorem [e de alí a Pena Godón- tal vez a actual Pena da Lebre- e de alí polo Camiño dos Franceses ata Castromaior] (AHN, Clero, Lugo, Samos, 1255/ 13). Non obstante, a primeira alusión a este Hospital témola nun diploma de 1265, cando Vasco Fernández, miles de Santa Euxea, permuta co mosteiro o seu quiñón do Hospital de Pena Godón polo casal que a abadía posuía en Novelúa (Monterroso): Cambiamus [...] o nosso casal de Nuuelua, sub signo de San Joan [...] et recebemus por este casal de don Vaasco o seu quinum do Espital de Pena Godonit (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1090/ 13). Outro pergameo de 1287, no que se relacionan as posesións do cenobio nesas datas, tamén nos refire que o mosteiro posúe nese lugar o herdo de don Fernán Arias, o quiñón de Gonzalo Fernández, que comprara o abade don Munio, e as herdades das irmás María e Lucía Pérez (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1096/ 12). Este Hospital, así como a propiedade do vilar de Couso (Ligonde), provocaron frecuentes enfrontamentos entre a abadía de Ferreira e os seus veciños da Orde do Temple, establecidos no couto de San Fiz do Ermo, na parroquia de Entrambasaugas, pois ambos aspiraban a controlar non só o hospital senón tamén o propio camiño a Compostela. Esta disputa aparece reflectida en documentos do século XIII nos que as diversas testemuñas citadas a declarar semellan darlles a razón aos freires de Ferreira. Mesmo unha delas fala da hospitalidade dos monxes beneditinos cara os romeiros cando afirma que neste lugar o cenobio de Ferreira tiña unha vacariza e que un dos seus freires leváballes leite aos peregrinos que se dirixían a Compostela, ofrecéndollela por Deus: ibi unam uacarizam et leuabat fratrem lactem ad caminum pro dare pro Deo (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1097/ 10). É moi probable que deste establecemento gandeiro permaneza o actual topónimo da Vacariza (Ligonde) nas proximidades.

Na actualidade non coñecemos restos dos edificios que albergaron estes hospitais, nin tampouco cando se erixiu o Hospital da Cruz, nos termos da parroquia de San Mamede do Río (Portomarín), pois nos diplomas de Ferreira de Pallares non lemos ningunha alusión a el, a pesar de que por este lugar discorría o lindeiro do seu couto monástico. O que si sabemos é que o propio mosteiro de Ferreira foi un lugar moi frecuentado polos peregrinos, posto que nas Ordenanzas da Confraría de Nosa Señora do Rosario, creada neste cenobio o dez de setembro de 1589, estipúlase o seguinte: “se morrese nesta freguesía algún peregrino ou camiñante pobre, daránselle doce velas para o enterro e misa, e pedirase esmola para tres misas. No caso de que non se obtivese o diñeiro suficiente, a Confraría pagará unha misa”.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES