Pepiño Pardo Rouco, vilalbés curmán de bispo e sobriño de cardenal, morreu en Madrid en 2017, precisamente cando os antigos académicos da Santa Maria de Vilalba estábamos a celebrar o IX Encontro anual. Inesperada nova do pasamento dun mozo veterano nun conxunto nos que os máis novos andan polos sesenta anos, e boa parte temos superado o rubicón dos setenta.
José María Pardo Rouco, vivía na Porta de Cima, entre a casa da Antonia da Queixa e a de Carmiña Prieto Rouco, a poeta.
De pequeno tivo longa enfermidade que o mantivo ben tempo recluído na súa casa, onde os amigos iamos visitalo. Teño a lembranza dunha grande casa, de pisos inmensos, que ulía a verniz, como ocorría coas grandes casas vilalbesas que coidaban de xeito especial pavimentos e conxunto de rexas vivendas.
Pasou máis de medio século, e Pepiño de Casavedra era un recordo lonxano, ata que un día, por internet recibo a petición de amizade de José Mª Pardo Rouco, á que respondín de inmediato. Pregúntame se sei quen é, e respondo que me sería imposible non sabelo, e que me satisfacía enormemente contactar despois de tantísimo tempo.
Desde entón, tivemos varios contactos electrónicos, ata que se produce en Madrid a presentación dun libro de Domingo Goas, vilalbés e amigo das dúas familias, á que o invitei, e alí nos reencontramos, tantos anos despois, tanta vida despois
para lembrar aqueles tempos tan lonxanos onde a Porta de Cima era un paraíso, o presente un suspiro e o futuro unha incógnita.
Agora, xa xubilado, vivía nunha cidade dos arredores de Madrid, mantiña un feixe de lembranzas vilalbesas, e prometeume e cumpriuno- enviar unha vella foto que eu nin coñecía, onde aparecemos os dous, nunha excusión de fin de curso que organizaramos O Churrero a súa avóa vendía churros na carretera, frente a Junor- e máis eu.
O día de agosto pasado que estábamos a festexar que estamos vivos e con memoria histórica da Academia, Angelito do Acisclo deunos a noticia do seu pasamento. Unhas semanas antes perderamos outro compañeiro Domingo Cordal Rego- que faleceu en Lugo.
A natureza vai facendo estragos. Dise que é Lei de Vida. Hai Leis ben difíciles de aceptar.
(Na foto, entre os de arriba, o penúltimo á dereita é José María Pardo Rouco, e o último Xulio Xiz. 1964).