A Galiza das queixas e laios, das renuncias e fuxidas, dos silencios e recatos, comeza a acordar do longo e lento sono, que no pasado
proclamou grandes desfeitas do noso rural, o espazo labrego e gandeiro mais desprotexido polas instancias agrícolas das institucións estatais e autonómicas. Unha nova xeración marca as actualidades do noso porvir e cuantifica o que aínda poden e deben aportar os recursos gandeiros. Unha aposta de futuro que protagonizaron Ricardo Gómez, Ana Vázquez e Xesús Mazaira, fundadores limitados da Queixería Airas Moniz, de recente creación no lugar de Outeiro de San Salvador de Asma (O Convento, Chantada). Así que os tres mentores rescataron do pasado a un dos trobadores do século XII chantadés, señor e cabaleiro, e bo tanguedor de cantigas de amigo, como foi Airas Moniz de Asma. A renuncia a buscar traballo e progreso por outros mundos que non nos pertencen, esclarecen que estamos ante un novo rol xeracional que crean oportunidades ante os múltiples recursos que aínda temos nesta Galiza sen explorar, tan desaproveitados e tan limitados porque as administracións públicas permiten e fomentan a desintegración do campo, coa caída de prezos e a liberación das cotas do leite.
A crise do universo rural permite desfeita gradual de algo noso que desaparece. Mais tamén hai un revulsivo de crear ocasións para inventar posibilidades de futuro, nunha terra fértil e abandonada que aínda berra en todo ese desorde. Mais hai conciencia cando se escoita a tristura e o silencio de tantos campos a ermo. Así foi como estes tres asociados, recuperaron esas verdes e elocuentes praderías que o río Asma baña e fertiliza a materia prima para que as dinamarquesas vacas Jeryey, que poboan esta explotación gandeira, continúen producindo os catrocentos litros de leite diariamente. Velaquí a materia prima con que se nutren as variadas modalidades de queixo, como Cítara e Terra e, tamén, producen manteiga e requeixo. Neste proceso de produción, atopamos o queixo de pasta semicocida prensada, e o queixo de pasta branda e os dous con codia comestíbel e afinados en covas de maduración. Toda unha tecnoloxía punteira que dignifica a produción de lácteos nunha das bisbarras gandeiras con enorme destaque na Ribeira Sacra.
A Queixería Airas Moniz vén a demostrar a persistencia e o dinamismo dunha xeración nova de emprendedores que xestionan o seu porvir desde unha comarca depredada e envías de desaparecer o enorme volume de produción de leite e carne vacún. O entusiasmo e a programación destes tres asociados, en investir en algo tan importante, autóctono e tradicional como é o queixo, non deixa de ser un acto de dignificación e coraxe, na transformación gandeira do noso país. Tan desconectado das administracións públicas que protexen os grandes monopolios que asfixian aos pequenos produtores de leite. Por tanto, estas industrias asociadas ou familiares teñen futuro, obviamente, dependendo de moitos factores, mais é unha vía que comeza a ser explorada, felizmente.
O prodixio dos queixos Airas Moniz, débese poñer en destaque, dado que comezaron a producir e a poñelos no mercado no pasado Nadal. O pasado luns, día 24 de abril, obteñen unha medalla de bronce, pastas brandas, outorgada no Salón de Gourmets que se celebrou en Madrid, con mais de seiscentas variedades de queixos. Esta distinción significa un enorme recto de responsabilidade e, tamén, de soberanía. Dado que a criatura nace con florida e robusta barba poética que non se pode viltar (despreciar), como dixo o noso trobador, Airas Moniz de Asma:
Se vus prouguer, devedes
oj a mia barba a onrar,
que sempre onrada sol andar.
E vos non mi-a viltedes.