Arredor do Nadal
Domínguez Guizán, Jesús - lunes, 12 de diciembre de 2016
Estamos a vivir a edición número XLV de O Nadal en Begonte, corenta e catro anos despois daquel Nadal de 1972 no que todo empezou, no que se iniciou unha pacífica revolución relixiosa, cultural e social, tendo como base e fundamento un máxico Belén, movido electrónicamente, que ten convertido a Begonte en referencia inesquecible para infinidade de persoas.
Esta profundidade do tempo notámola nos nosos visitantes que, sexa a primeira vez que veñen ou repitan presencia ano tras ano, móstranse emocionados, agradecidos, contentos de revivir experiencias doutrora, de volverse nenos de novo, de atopar tantas referencias a Belén e a Galicia, porque comproban que segue a ser un Belén galego onde apreciar a historia e a tradición, e onde abrir os ollos a imaxes e situacions que nos parecían esquecidas e que afloran cando algo nos afecta no máis sensible de nós.
Esa profundidade apréciase de xeito especial cando os que veñen son país con nenos, que viñeron na súa nenez e queren que os seus fillos vivan aquela ilusión
ou avós que viñeron na mocidade, e traen os netos para que sintan e para volver sentirse coma eles. Porque entendo que esa é unha das grandes virtudes do noso inocente belén: sentirnos de novo nenos cos ollos abertos á ilusión e á fe, á marabilla de reproducir de xeito inocente uns feitos e unha paisaxe que levamos impresos no máis fondo do noso ser.
A todos chamamos, a todos agardamos, e a todos recibimos cos brazos abertos. Estamos en Begonte da Terra Chá, e cada Nadal prolongado Nadal de case dous meses abrimos as portas do Centro Cultural que leva o nome do seu fundador (José Domínguez Guizán, meu irmán) para que por elas entren os que chegan buscando ledicia, inocencia, paz e fe.
Benvidos todos a Begonte do Belén!.
(Jesús Domínguez Guizán é Presidente do Centro cultural JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN de Begonte)
Domínguez Guizán, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora