Neste mesmo ano 1859, polo outono, Manuela Rey lidera unha reclamación polémica ao solicitar do Teatro Nacional un pago mensual de
72 mil réis, unha nómina moi considerable para a época e para ela mesma, tendo en conta que tan só era unha promesa.
Tamén en 1859 recita por primeira vez, nunha sociedade dramática, unha poesía en portugués:
Eu pobre donzella, na aurora da vida / já tenho tragado mil gotas de fel
Aos poucos vai conquistando ao público en papeis menores, de ingênua, ata que a partir de 1864 van chegando outros máis importantes en obras como Os Fidalgos do Bois Doré, Fogo no convento, Vida de um rapaz pobre, Nobres e plebeus
xunto a actores e actrices de moito renome na época: Rossa, Theodorico, Tasso, Emilia das Neves ou Soller.
Amores e desamores
Ao parecer era alta e elegante, de pé pequeno, ollos entre verde e azul, cabelo entre louro e castaño, fermosa loura musa de escena-; un tipo de beleza e elegancia nunca visto. De ollar vivísimo, o leve encrespar da fronte, a prega eloquente dos cantos da boca, o ar ora triste, ora inocentemente alegre, o aroma de juventude e de poesia, a força e a graça daquele talento peregrino.
En 1865 o escritor dramático J.A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra, bátense en duelo por ela.
Pero antes, moitos antes, en Lisboa prendeu insistente o rumor de que o rei Pedro V, antes de casar coa princesa Estefanía de Hohenzollern-Sigmaringen, sentíu grande debilidade pola actriz e mesmo a quixo condecorar coa medalla da Orde de Santiago.
Escritora, pensadora
Manuela, ademais de actriz, escribiu algunhas obras como a comedia titulada A actriz e a o proverbio Por este deixarás pae e mãe, disque nun estilo elegantísimo. Atopáronse capítulos truncados de romances da súa autoría; tamén cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos. Neles percíbese a sensibilidade dunha muller aflixida cando se lamenta de non ter gozado da infancia nin das alegrías do corazón. Ou cando bota en falta o afecto maternal, ou un namoramento fallido, e ata reflexións arredor do feito de ser muller e de que os homes non comprendan: Cegos que a não consideram como metade da sua alma senão como precisa á sua vaidade e aos seus caprichos
Para ao outro dia se afastarem della como se desviariam dun lamaçal, não se lembrando que días antes eran elles propios que jubilosos se engolphavam nessa lama
A morte
En decembro de 1865 aínda brillaba no escenario. A principios do 1866 intervén en Um cura de almas, e recita, coa palidez no rostro, o poema Primeiros Amores de E. Vidal. Xa ten febre. O 5 de febreiro dá un paseo polo Jardim da Estrela e ao regreso séntese peor. O día 8 encamou. O 26 de febreiro sobre as 6 e media da tarde morre na Praça da Figueira, 46, 3º andar. Acompañábana naquela hora amigos poetas e actores.
O funeral tivo lugar na igrexa de San Domingos, e o seu corpo foi soterrado no Cemiterio dos Prazeres no espazo reservado pola Associação dos Socorros Mútuos dos Actores Portugueses.
Só os funerais do rei don Pedro V e os do gran orador José Estevão, desaparecidos cinco e catro anos antes, poderían comparárselle en número de acompañantes.
Elegancia, talento e graza singular; rara, encantadora actriz. Unha das mellores crónicas da súa morte, de alto contido literario, fíxoa o escritor Ramalho Ortigão para a Revista do Porto. No Diccionario do theatro portuguez dise que foi das máis ilustres artistas. Ernesto Marecos escribiulle unha sentida elexía fúnebre titulada Coroa de Perpétuas.
A muller lirio
Foise na tardiña do 26 de febreiro de 1866. Matouna o tifo e unha curta e intensa vida chea de penalidades e mala saúde. Manuela Rey, notabilidade dramática, a mellor actriz que tiña o teatro nacional portugués daquel entón contaba tan só 23 anos. Elegancia, talento e graza, xunto coa fermosura que se reitera en cada crónica, convertérona nun mito.
César Machado, o gran historiador do teatro portugués, dixo dela que era mulher lírio e o seu mal fado quixo que o seu derradeiro recitado diante o público (4 de xaneiro de 1866), un poema de E. Vidal, comezase sí:
O lyrio desponta e cresce / á luz da manhã que assoma /tudo é viço e tudo aroma /naquella graciosa flor.
A súa carreira foi rápida e brilhante. O público adorábaa.
Morreu? Non morreu; disipouse coma un relampo!
Antonio Reigosa é Cronista Oficial de Mondoñedo