Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O teatro dos Baluros

jueves, 17 de septiembre de 2015
O 23 de Agosto tivemos en Castro de Rei a reposición da obra de teatro “O Menciñeiro á forza” e o seis deste mes a rerreposición. A cousa non tería maior importancia se non fose porque tres dos actores, Julio de Andrés, José de Celia e Antonio de Carballés, son os mesmos que a representaran hai nada máis ca corenta anos e que forman parte do Grupo de teatro “Os Baluros”. Xa se entende que é do grupo de teatro, pero recálcoo, porque tamén temos Os Valuros de música e baile que o fan de marabilla.

Daquela, no 1975, estes tres actores eran labregos, como o eran oito dos nove compoñentes do grupo. Hoxe ningún vive da agricultura, porque, deixando á parte que ó longo deses anos entraron a formar parte do grupo algúns con carreira, tamén ó longo destes anos fóronse encargando outros de axudar a que se cumprise o soño dos nosos vellos de liberar ós seus descendentes do duro traballo dos labregos e gandeiros; pero, como non o conseguiron de todo, están agora dando a puntilla cos ruinosos prezos do leite e de case todo o que se produce no campo.

Se os nosos vellos erguesen cabeza dirían que nunca o favor lles daremos pagado ós que tanto nos “liberan”, aínda que sexa pola forza e contra o gusto de moitos que optaron por renovar e facer competitivas as súas explotación gandeiras.

Pero aínda que non sexamos labregos en exercicio, fómolo e sómolo en sentimento, e o rural foi sempre o cerne das nosas obras e, cousa curiosa, sendo o rural asimilado daquela, e agora tamén en moitos ambientes, coa incultura e o escurantismo, sempre chegamos ós máis variados públicos de aldeas vilas e cidades, incluso ós pensionistas ricos que acudían ó Centro Galego de Madrid baixo a paternal tutela do Xeneral Lobo Montero, e que vían un inconveniente en que a obra “Vaise pechar outra casa máis”, que íamos representar naquela ocasión, “fuese toda en gallego”.

Esta obra “Vaise pechar outra casa máis”, tamén é filla dun labrego naqueles momentos en activo e xa compoñente do grupo, Xulio Pita. Algúns dinme que nela se nota o meu estilo. É que eu apadriñeina e como bo padriño regaleille algo de maquillaxe antes do bautizo, pero o pai é el animado por min a ter descendencia. Despois levámola polo mundo presentándoa en cento unha representacións. Á noventa e nove, no campo da feira de Castro de Rei, asistiron arredor de cincocentas persoas. Se fose hoxe habería que titular: “Á volta de pouco non quedan casas que pechar”

Menos mal que botando man dalgúns recursos de palabra, como corresponde a faranduleiros, conseguimos da Directiva, incluído “su General”, que “por una vez y sin que sirva de precedente, puidesen entrar también los gallegos residentes en Madrid, aunque no fuesen socios”.

Como estaban mesturados os non socios cos socios tamén estes foron entendendo a obra e aguantando ata o final, sobre todo os membros da Directiva, ata despois do pinchos.

Iso si, antes de ir tivemos que comprometernos por escrito a “no pasar bandeja, ni cobrar nada al C. G”. C. G. eran as letras que estaban gravadas na porta polo lado de fóra, pero vistas desde dentro líase G.C. coma no cuartel de Castro de Rei.

Aceptamos as condicións, porque xa actuáramos en remolques de tractores e nunhas cuadras modernas sen estrear, e estabamos afeitos a traballar pra pobres. Pero como non nos comprometemos a non poñernos un cunha pucha e outra cun sombreiro abaixo na beirarrúa, aínda xuntamos arredor dunhas cen mil pesetas. Non houbo queixa pra ser en Madrid.

Alguén preguntou: “Como vos amañastes pra dicir cousas que non se dixeron desde antes da guerra?”. A resposta foi: “Polo sistema do supositorio, que entra con algo de dificultade, pero cando está dentro arma unha desfeita”.

Ben diferente fora a acollida no Centro Galego de Barcelona e en Hospitalet, da man de Manuel Rodríguez López, o poeta de Paradela, co que os puxo en contacto un dos nosos valedores, Xulio Xiz, desde que me denunciaran por andar representando unha obra sen pasar pola censura nin ter o visado de “La Dirección General de Cultura y Espectáculos”.

Daquela aínda non era amigo de Manolo Rodríguez e desde aquela non deixei de selo. Nin a morte foi quen de matar a amizade con el nin coa súa familia.

Conto isto por ir dando razón de cómo nos movíamos e cales eran os nosos obxectivos. Quizabes queden máis claros non que se lles dixo ós cidadás de Lugo despois da representación da mesma peza, “Vaise pechar outra casa máis”, no Círculo de las Artes: “Somos todos aldeanos e case todos labregos. Se algunha vez ven que nos achegamos a unha ventaniña detrás da que estea algún de vostedes, antes de pensar: este ou esta é un paleto aldeano, pensen: a este ou esta ó mellor xa lle aplaudin eu no Círculo da las Artes”.

Menos mal que por aló abaixo, polas proximidades de Madrid, aínda había quen valorase o rural, porque na Escola Central de Capacitación Agraria en San Fernando de Henares estaba Antonio Fraguas que antes estivera en Extensión Agraria en Meira, e encargoulle a este pouco humilde servidor unha conferencia sobre “Animación cultural no mundo rural”. Eu pensei en falar da nosa experiencia, pero, quen podía dar fe de que non ía contando batallitas?. Invitei a Ignacio do Cura, Araceli de Diego e Julio de Andrés e aló fomos os catro. Alí Julio dixo que el ben sabía que tería que emigrar, porque o lugar de seus pais non tiña abonda extensión pra competir coas novas esixencias. Antes das novas esixencias dera pra quitar varios fillos adiante. E tamén dixo que estaba retrasando a marcha polo ben que se atopaba no grupo de teatro. Emigrou e afortunadamente retornou e agora, ás beiras dos sesenta anos, ven desde Burela ensaiar e actuar co grupo que deixara, como veñen tamén desde Lugo Araceli e Ignacio.

Naquela viaxe durmimos na mesma habitación dun hotel Ignacio e eu, xa que Araceli e Julio tiñan familiares en Madrid que tamén tiveran que deixar Galicia. E el, advertíndome primeiro insistentemente que non cambiase, porque sería dar a razón ós contareleiros, díxome que dicían que eu andaba cunha rapaza. Cando me descubriu quen era díxenlle: “Menos mal que polo menos cren que o cura ten bon gusto”. Algo había, porque con ela non andaba pero canda ela andivera algunha vez, como teño andado canda algunha velliña e ata levala no coche sen que, grazas a Deus, lle pasase nada nin a ela nin a min.

Volvendo ó caso, desde o 1969 interviñeron nalgunha obra de teatro unhas 64 persoas adultas, tendo en conta que ese ano representouse: “Non chores, Sabeliña”, dirixida pola mestra Olga Vila coa axuda do cura Gonzalo Quiroga. Os Baluros somos o cerne que foi seguindo ata hoxe de aquelas mozas e mozos de Santa Locaia e Castro de Rei.

Aínda que son consciente e que me estou estendendo máis do habitual, debo dicir que no mesmo ano 1969 representárase por primeira vez, e con notable éxito, “O Menciñeiro á forza” por un grupo de veciños de San Martiño de Goberno, que foron pra quen fixera a tradución ó galego e adaptación de “El Médico a palos”.

Neste longo período de tempo non estivemos sempre en activo “Os Baluros”, que ata nos matrimonios convén deixar certos espazos baleiros pra reforzar a alegría do reencontro.

Efectivamente, reencontrarse despois dun tempo pra volver a actuar foi unha gozada e revivir experiencias da mocidade está sendo un medio moi eficaz de retrasar a vellez.

Non quero estenderme máis, que logo ven o inverno e, se nos deixan falar e escoitarnos os da televisión, xa vos irei contando nas ruadas ou cando vaiamos pola vila. Claro que, como agora, despois da operación da gorxa non se me entende moi ben, pero o mesmo me presta a súa voz Samarita Canto, o último fichaxe que tanto coordina e dirixe como pinta decorados ou actúa. Xa ten experiencia nestas lides dos tempos de “Os Xubilosos” de Muimenta, un grupo formado por actores entre 64 e 82 anos, formado por ela, que tamén actuaron en Barcelona.

Ademais deste bo fichache, todos os do grupo se van autodirixindo con mutua confianza e están pendentes de que eu non me poña mal, nin me esforce, nin colla frío… Abofé como pagou a pena o invento, porque, se como actores son moi bos -feo que o diga eu que tamén son un deles- como amigos son excepcionais. De aí que por onde vaiamos deixemos moi claro que pra nós primeiro é a amizade e despois o teatro, ou o teatro como medio de crear e reforzar a amizade. Parece mentira que sexamos capaces de entenderse ben un grupo de once ou doce, cando estamos vendo tan a miúdo canto traballo lles custa entenderse a dous, un e unha ou á viceversa. Claro que nós, aínda que ronquemos, non temos que durmir xuntos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES