Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel Blanco Castro, in memoriam

jueves, 22 de junio de 2006
Imos darlle un “Ata logo” ó noso amigo Manuel Blanco Castro, unha das mellores persoas que teñamos coñecido, un dos maiores namorados de Lugo que naceron nesta cidade bimilenaria, un home de fe, de boa fe, da igrexa e do mundo.

Un dos momentos máis felices para Manolo Blanco foi cando en Paradela e en Barcelona presentamos o seu libro sobre Manolo Rodríguez López, o escritor de Paradela, coma el un home excelente, excelentísimo.

Daquela eu inventei unha apócrifa “Parábola das cereixas”… referida a Manolo Blanco e Manolo Rodríguez.

Xesús Mato presentoume hai trinta e moitos anos a Manolo Rodríguez; grazas a Manolo Rodríguez coñecín a Manolo Blanco. E así, a moita máis boa xente. Porque do mesmo xeito que cando dun cesto de cereixas tentamos coller unha soa non o conseguimos, senón que unha trae outra, e outra, e outra…, as cereixas, como a boa xente, xúntanse. Porque xuntos somos moito máis nós mesmos, reforzados polos demais.

Manolo Blanco, na súa vida, nunca estivo só, porque tivo moitos amigos. Primeiro na comunidade franciscana, e logo fóra dela.

Quizáis o seu espíritu era demasiado libre para estar atado por unhas reglas e coutado por uns muros.

Elixiu o mundo exterior, porque nel estaba Primitiva, a súa dona. Porque nel nacería o seu fillo, Manuel, que lle achegaría outra filla, Esther. Porque alí o agardaban seus irmáns María, Pablo e Carmen. Porque o mundo exterior estaba cheo de galegos; porque no mundo exterior estaba Lugo, e estaban Enciclopedias que había que encher, e xornais cos que colaborar, e emisoras de radio polas que falar, e a Biblioteca do Centro Galego… e estaba a memoria de Frei Plácido, que había que investigar. E dentro de Lugo, estaba Recatelo… e a finca Revilla… e tantas e tantas cousas, e tantas e tantas lembranzas… E os amigos, e a cultura, galego en Catalunya, cidadán do mundo, lucense sempre, soñando con Lugo, anceiando vivir en Lugo; por fin, Manolo, en Lugo.

Desde hoxe, Manolo está doblemente no ceo. No Lugo-ceo da súa cidade amada, e no ceo dos galegos, merecido por toda unha vida de traballo, de amor e de entrega.

E Manolo, que tanto sufríu en vida pola súa boísima mala saúde, está agora comprobando o que escribiu Xosé María Díaz Castro:

“Cando apalparon a Morte,
viron que era unha mau moi donda que mataba
unha lus e acendía outra lus, e, moi ledos,
chegáronse, amodiño, á soleira do Reino
mesmo que o paporroibo nos días de gran neve
se acurrucha cantando nas portas dos labregos… “

Ata sempre, Manolo, amigo. Manolo dos ollos limpos, da esperanza infinita, do amor sen límites pola terra, polas xentes, pola cultura.

Para ti Manolo, para os teus ollos, escribíu Díaz Castro o seu poema:

“Saben os ollos que hai tralo valado un Reino
e que do anxo hastra o grilo brinca o gozo de Deus.
E Deus dá boa fada ós ollos namorados
que chegaron abertos ás portas do mencer”.

Ata sempre, Manolo Blanco, amigo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES