Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre Manuel Rodríguez López

martes, 30 de diciembre de 2014
“O meu agradecemento á Xunta Directiva do Centro Galego de Barcelona”. Así iniciaba don Manuel Rodríguez López a súa obra Galegos en Catalunya 1978-1982 e eu non podo iniciar estas liñas sen agradecerlle a don Manuel Rodríguez López a súa dedicación ao Centro Galego de Barcelona e, por extensión, a toda a colectividade galega de Cataluña.

Don Xesús Mato, don Xesús Alonso Montero, don Xosé Manuel Carballo, don Xulio Xiz, don Dario Xoán Cabana, dona Iolanda Díaz Gallego, don Xosé Mato… son algunhas das persoas que coñeceron e describen moi ben a don Manuel Rodríguez López; eu non tiven a sorte de coñecelo persoalmente, pero na súa obra histórica e literaria reflíctese esa auréola de bondade descrita por aqueles que me antecederon nesta misión de prologar esta compilación literaria na súa vixésima edición.

“Grazas, grazas, moitas grazas só cun agradecemento amplo”. Así iniciei o discurso o día que o Concello de Quiroga me concedeu a Medalla de Ouro do consistorio; na miña mente ese agradecemento diríxese sempre á valentía de todas as persoas emigrantes que un día tiveron que deixar a súa casa, a súa parroquia, o seu concello, a súa comarca, a súa provincia, en definitiva, o seu país. Nese agradecemento sempre incardino a figura de don Manuel Rodríguez López, xa que non concibiría a colectividade galega de Cataluña sen as súas crónicas daquel presente que relatou para a prensa e que deron lugar a Galegos en Catalunya I-II. O presente de don Manuel Rodríguez López converteuse na base da historia dunha colectividade, como o definiu don Manuel Casado Nieto: “a pequena historia dun grupo humano que tivo nos seus momentos, ao compás do seu acontecer, un eco periodístico gardará de agora en diante unha certa unidade, e máis duradeira, nos andeis das bibliotecas”.

Citando novamente a Casado Nieto en referencia a don Manuel Rodríguez: “e preséntanos diante das novas xeracións coma homes que souberon ser fieis á Terra en calquera circunstancia, a calquera hora”, fermosas verbas que reafirmo que, sen o esforzo persoal e familiar dun galeguista do talante de don Manuel, non conseguiriamos.

O socio número 220 do Centro Galego de Barcelona foi colaborador incesante da revista Alborada (revista que se funda en 1948 e que existe a día de hoxe cunha periodicidade), da revista Treboada (revista do Centro Galego de Barcelona, a súa duración foi efémera), do Boletín do Centro Galego de Barcelona; foi autor dos dous libros publicados de galegos en Cataluña polo Centro Galego, así como de multitude de artigos referentes á mesma entidade.

Por todo o enumerado con anterioridade, o Centro Galego acordou o seguinte:
O Centro Galego de Barcelona nomea socio de honor a don Manuel Rodríguez López, segundo o acordo unánime da Xunta Directiva na sesión do día 10 de outubro de 2014. Para que así conste, asina o presidente: Manoel Carrete Rivera. Barcelona, 10 de outubro do 2014

Este nomeamento de socio de honor é unha das débedas históricas que tivo a entidade que eu presido coa figura de don Manuel Rodríguez López, xa que súa traxectoria é exemplo de traballo a prol dos demais.

Na miña vertente de historiador, considero os relatos do cronista oficial do Centro Galego de Barcelona como a base histórica de estudos posteriores sobre a diáspora galega no territorio español, saíndo xa incluso da colonia galega en Cataluña. Na miña tese de doutoramento hai moitos referencias ás obras do veciño de Paradela, xa que fala sempre en primeira persoa do acontecido, dando lugar a que os historiadores formulen teses sobre o que acaeceu con anterioridade.

Manolo, que así é como o chaman os amigos e a familia, vaise achegando cada vez máis cando leo a súa obra literaria onde fala da emigración, de Galicia, da lingua, da Terra, do sentimento... Manolo marcha de San Miguel de Paradela de neno e na súa retina sempre estará esa terra que un día tivo que deixar por outra que non coñecía, pero á cal tamén quixo como se fose a materna.

Poemas como o seguinte enchen de bágoas os ollos de moitos emigrantes:

PRA DARLLE A DESPEDIDA,
unha fresca mañá,
encamiñeime, soio,
á Croa do Toural.

Enriba dun penedo
Senteime, a cavilar,
Ollando longas veigas,
Montañas, ríos, vals.
Dende alí mirei pobos:
San Miguel e Suar,
Francos e Millerado,
Retorta e Cereixal.

Nesa enumeración non tan só vemos Paradela, senón que podería trocar os nomes propios por outros e ser a nosa vila ou a nosa parroquia; como din moitos socios do Centro Galego: “somos de Santa María de todo o mundo”. Vemos o Courel de Os Eidos de Novoneira, ou Castro Caldelas do Libro de Caldelas de Casado Martínez, ou a Terra Chá de Sobre ruínas de Rábade Paredes, ou outros tantos; pero tan só en Paradela coincide un emigrante, un obreiro, un membro destacado da colonia emigrante, un poeta, un reporteiro, un autor, un pai, un esposo que desborde de sentimento na análise poética daquela terra que o viu nacer e que el tan ben describe cun sentimento innovador que dá lugar a que o celme da alma dun emigrante rache de dor ao verse identificado nesa poesía do poeta obreiro galego de Barcelona.

Resumindo en greguerías, ou agora coa modernidade das novas tecnoloxías en tweets, sinalamos: “ós nosos que inda fican nas aldeas”, “ós meus pais que sempre me falaron na fala galega”, “Onte chegaches pra pedir traballo/á gran cidade; que deixaches, dona,/os cativiños e o marido lonxe/nunha casoupa”.

Facendo novamente uso dun anglicismo que a modernidade nos achega, podemos definir como os hashtags na obra de don Manuel as verbas: #galicia #Terra #emigrante #obreiro #fala #familia #Centrogalego #Paradela #Fole... alí atoparemos a @manuelrodríguezlopez como referencia.

Un sentimento de orgullo de pertenza a Galicia en Cataluña e de Cataluña en Galicia que dá lugar a que persoas como don Manuel rezumen polos seus poros amor ao país que absorbe toda a comunidade que o envolve. Podía alongarme moito para resaltar calidades de don Manuel, pero só me sae un grazas por ser como fuches, grazas por ter a familia que tes e grazas a Paradela por compartir connosco o seu fillo predilecto.

(Manoel Carrete Rivera é Presidente do Centro Galego de Barcelona. Este texto foi orixinalmente escrito para figurar no libro da XIX edición do Certame Manuel Oreste Rodríguez López, convocado polo Concello de Paradela e editado por este concello lucense).
Carrete, Manoel
Carrete, Manoel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES