DOUS FILLOS DOS QUE A TERRA NAI PODE SENTIR FACHENDA
O venres día 7 ás 8 da tarde na Galería Sargadelos de Lugo o Presidente do Centro galego de Barcelona, Manoel Carrete, faralle entrega á familia de Manuel Oreste Rodríguez López do título póstumo de socio de honra do Centro que preside.
Abofé que me aleda moito a distinción, porque Manolo Rodríguez foi -segue sendo desde outra dimensión- un gran amigo e a súa familia tamén. Sei ben que lle sobran méritos pra ese recoñecemento que, sen papeis, moitos xa lle tiñamos outorgado.
Alédame que o Centro Galego de Barcelona recupere memoria.
E alédame que o faga da man deste Presidente novo, Manoel Carrete. Novo por idade e novo por ideais renovados. A el, o día seguinte, o 8, faralle entrega o Concello de Quiroga da Medalla de Ouro. Hoxe envío a Galicia Dixital, na que me consta que ambos homenaxeados teñen abondosos amigos e recoñecemento, un escrito co que no seu día me adherín á petición da Medalla de Ouro a Carrete, coa satisfacción de saber que lle foi concedida.
Satisfactorio é tamén que o Concello de Paradela teña recoñecido os Méritos de Manolo Rodríguez valorándoo como Fillo Predilecto.
Señor Alcalde do Concello de Quiroga
Coñecín a Manoel Carrete o día 20 se setembro deste ano 2014 na caurelesa e churrusqueira Seara, enchoupando unha vez máis as súas raíces na húmida terra nutricia. Poucos días antes, da man do cura Cosme Insua e da mestra Pepita Rego, que estiveran por alí hai corenta anos e deixaran bo recordo, coñecera e xa admirara, a seu pai, emigrante en Cataluña que retornou a Galicia o mesmo día que se xubilou e que soubo sementar no fillo, que tivera a desgraza de nacer fóra por mor dun exilio forzado, o amor á terra nai, axudándolle agarimosamente a atopar nas terras do Concello de Quiroga, e máis en concreto nas do Caurel, un colo de saudades, dalgún xeito sucedáneo do agarimoso e insubstituíble colo materno que o fillo tivera a desgraza de perder prematuramente.
O meu coñecemento de Manoel Carrete é , xa que logo, de onte coma quen di, pero podo afirmar con verdade que é un coñecemento intenso. Permítaseme dar só unha razón: Pola miña condición de operado de larinxe podo falar pouco e iso tén a vantaxe de levarme a aprender a escoitar máis e, ao escoitar mellor ás persoas, tamén podo observalas máis repousadamente e así ter máis elementos de xuízo en menos tempo.
Pois ben, polo que días antes lle escoitara ao pai e a algúns veciños e polo que eu mesmo puiden observar o día 20, penso que Manuel Carrete tén moito de excepcional. Non son eu quen deba escribir a súa biografía e menos en tan curto espazo, pero, se damos por bo o dito de Ortega: Yo soy yo y mi circunstancia, as circunstancias que rodearon a nenez, mocidade e primeiros anos de adultez de Manuel e a súa traxectoria ata hoxe forxaron unha personalidade que ben pode ser referente para moitos outros, e andamos escasos de referente válidos, especialmente para presentárllelos a unha xuventude que está aprendendo e que todos desexamos que teña modelos de identificación da mellor calidade.
Penso que un dos grandes condicionantes da personalidade e ao mesmo tempo un dos primeiros elementos de identidade é o amor á propia terra nai, sen menosprezo das nais dos outros, pero tamén sen complexos da propia. Hai mostras abondosas do amor de Manuel Carrete a Galicia, aínda tendo nacido en Cataluña e amando tamén aquelas terras. Non quero xogar a psicólogo, pero teño entendido que un dos males da emigración foi criar fillos de ningures con un fondo sentimento de orfandade. Por fortuna non é o caso de Manoel Carrete, orfo de nai, pero non de matria. Sabe onde tén as raíces e mesmo ten demostrado sentir fachenda das mesmas, fronte a complexos ou desleigamentos de outros.
Se tivese nacido no Concello de Quiroga coido que xa sería merecente do título de Fillo Predilecto na diáspora, pero, como non pode concedérselle esa distinción, únome á petición da medalla de Ouro do Concello a fin de salientar os seus méritos entre os que, polo que sei, está o feito de mostrarse fachendoso das súas vinculacións afectivas e de sangue con Quiroga e co Caurel. Estou ben seguro de que sen Manuel o Concello de Quiroga sería menos coñecido e apreciado e, en consecuencia, menos universal.
Tamén teño a seguridade de que este Concello, rico en bos viños e mellores persoas, tivo, tén e terá outros descendentes egrexios, por liña directa ou colateral, que poidan merecer a medalla de Ouro Municipal, pero creo que Manoel Carrete tamén tén méritos suficientes e quizabes especialmente meritorios polo feito de aprender a amar e seguir amando a distancia. Desde a Galicia da diáspora.
Pola miña admiración afervoada e agradecida aos galegos emigrados. Pola dor polos fillos desta Terra que tiñan que ter nacido aquí, pero por mil malfadadas circunstancias naceron fóra e por unha certa vinculación co Centro Galego de Barcelona, grazas inicialmente a Manuel Oreste Rodríguez López, e con outros centros galegos de Cataluña e mesmo co de Buenos Aires e, sobre todo, polo meu curto, pero intenso coñecemento de Manoel Carrete, ouso dicir humildemente que o Sr. Alcalde e a Corporación Municipal do Concello de Quiroga, honrando a Manoel Carrete, hónranse a si mesmos e honran, como bos fillos, ao Concello, que lamenta que este tamén fillo seu non o sexa por nacencia natural.
Moi atentamente, en Samartiño de Goberno de Castro de Rei, a 13 de outubro de 2014.
(Xosé Manuel Carballo Ferreiro é Crego rural)