O santuario está situado na freguesía de Damil (Begonte), preto da estrada comarcal que vai de Rábade á Feira do Monte.
Desde o punto de vista artístico trátase dunha capela que posúe un pórtico, sostido por dúas columnas de cemento e dous piares de granito, unha nave cuberta de madeira a dúas augas e unha capela maior cun tellado a catro augas. No seu interior hai un retablo neogótico con dúas imaxes do S. Vitorio e unha Virxe, construída por Celestino Pichín, fregués de Damil.
A este santuario acuden devotos non só da freguesía de Damil, senón tamén doutras pertencentes ós concellos de Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Lugo, Outeiro de Rei, Rábade...
Antano adoitaban encomendarse ó santo as persoas que ían face-lo servicio militar e os que tiñan "a sarna" -dermatosis contaxiosa pola parasitación dun ácaro-. Na década dos oitenta os devotos pregaban ó santo a súa intercesión por doenzas da pel-eccemas, espullas...- e por doenzas do gando bovino e porcino. Isto motivaba o cumprimento dunha serie de promesas ben despois de concedida a petición, ou antes. Entre as principais promesas sinalo as seguintes:
1ª. Nos días da festividade do santo, que se celebra o segundo sábado e domingo do mes de maio, oen a misa solemne, que se oficia a unha e media da tarde.
2ª. Ó remata-la misa, participan na procesión que percorre o perímetro do santuario. Nela toman parte as imaxes do S. Vitorio e da Virxe, levadas en andas por fregueses da parroquia de ámbolos dous sexos. Precedendo as imaxes vai unha pequena da freguesía cun ramo, feito con flores variadas do lugar, que a comunidade parroquial de Damil ofrecía ó santo. Antigamente ó remata-la procesión, a persoa que collía o ramo comprometíase a realiza-la festa o ano próximo.
3ª. Poñían o santo. Este ritual consiste en que un fregués da parroquia pasa unha imaxe pequena do santo por riba da cabeza dos devotos, mentres recita a seguinte xaculatoria:
"S. Vitorio glorioso,
por tu poder inmenso,
ayuda a este devoto,
en salud, alma y cuerpo. Amén."
4ª. Algúns devotos tocan o manto do santo cos seus panos e logo pásanos polas partes doentes dos seus corpos cunha finalidade curativa.
5ª. Moi cerca do santuario hai unha fonte, onde algúns devotos levan a cabo un ritual, que consta de dúas partes:
a.- Ó comezo lavan cuns panos as doenzas da pel -eccemas, verrugas, etc...
b.- Logo deixanos colgados nos ramallos dunhas árbores que había o carón da fonte. Hai a crenza de que axiña que os panos vaian podrecendo as doenzas das persoas irán desaparecendo. Esta segunda fase do ritual simboliza a expulsión do estado da enfermidade e a paulatina recuperación do estado de saúde.
6ª. Noutrora algúns devotos ofrecían candeas da súa mesma altura e tamén ex-votos de cera, que representaban a unha serie de animais:vacas e cochos preferentemente, así como ó corpo humano e algunhas das súas partes:pernas, brazos, mans...
7ª. Na década dos oitenta os devotos ofrecían esmolas, algunhas misas, e algúns ramos de flores. No ano 1986 un devoto de Lugo doou dous floreiros cunha inscrición de prata en cada un deles, na que figuraba o seu nome e a data na que os ofreceu: 14.V.1986.
ALGUNHAS LENDAS SOBRE O SANTUARIO
Por medio dunha serie de lendas a comunidade parroquial tentaba aínda dar unha explicación da orixe do santuario, da fonte do santo, da curación da sarna, e da oposición veciñal que houbo ó traslado da imaxe do S. Vitorio da capela á igrexa parroquial.
1ª Lenda: "Cando o S. Vitorio chegou a este lugar, sentiuse doente, morrendo pouco despois, cheo de sarna e ampolas. Mais antes de que ocorrese este feito pediu que lle construísen alí unha ermida..."
2ª Lenda: "O S. Vitorio pequeno era leñador e tiña a sarna; polo tanto non podía crecer. Despois de que se lavou na fonte, recuperou a saúde e crezou, aparecendo logo o S. Vitorio máis grande".
3ª Lenda: "Hai moitos anos, un crego, que atendía á capela do S. Vitorio, vendeu as pólas duns carballos centenarios que había a carón do santuario, morrendo pouco tempo despois cheo de sarna".
A súa forma oposta é a seguinte "...o crego arrepentido polo que fixera pediu perdón, aparecendo a carón da capela unha fonte, onde puido curar a sarna".
4ª Lenda: "Hai anos o párroco destes lugares trasladou ó S. Vitorio para a igrexa parroquial no interior dunha carroza, mais as seis da mañá apareceu de novo o santo na capela".
CANTIGA Ó S. VITORIO
"É S.Vitorio un santo máis,
pero un santo pequeniño,
acunado cada noite,
polas augas do río Miño".
BIBLIOGRAFÍA
BLANCO PRADO, J.M. "La religiosidad popular en el municipio de Begonte" Lugo, Servicio de publicaciones de la Diputación provincial, páx. 88-93.
BLANCO PRADO, J.M. "Exvotos e rituais nos santuarios lucenses" Lugo: Servicio Publicacións Deputación Provincial, 1996, páx. 172.
GONZÁLEZ REBOREDO, J.M. "Inventario Artístico de Lugo y su provincia". Madrid. Servicio Publicaciones MEC, t. II, 1975, páxs. 284-285.