A vida de antes
miércoles, 23 de abril de 2014
Vou contar un pouco do que me acordo de cómo era a vida aquí antes.
Preguntáronos polos médicos. Agora hai un centro de saúde no Concello, pero antes non había nada. Como moito na maioría das casas había unha ou dúas inxeccións de penicilina ou unhas pastillas das que do nome non me acordo pero que se coñecían coma as pastillas da neumonía. Ías á farmacia de Yllade nas Pontes ou a de Couceiro en Betanzos e pedías as pastillas esas e xa chas daban. Cando unha persoa estaba moi enferma poñían unha inxeción ou mais. Se tiñan catarro ou gripe fervían leite con ovo e manteca de porco; e miña nai cando tiñamos febre untábanos o corpo con ovo e espolvoreabanos con fariña de centeo e envolvianos nunha sabana e facianos estar na cama, e así pasaba a febre.
Para poñer unha inxección, por exemplo, había persoas que o facían coma hoxe un enfermeiro. Eu tiven pleura no pulmón con parálise e tiven que pincharme nove meses seguidos e os que me pinchaban facíano tan ben coma os enfermeiros de hoxe.
Tamén nos preguntan como facía unha muller cando estaba para dar a luz. Pois na maioría das veces na cociña ou no cuarto. Xuntábanse veciñas e facían o que podían. Eu por exemplo parín na cociña e estaban miña nai e miña sogra e estaban tamén veciñas; despois de parir fixéronme estar oito días na cama sen levantarme, e a caldos de galiña. Eu tiña moita sede e non me daban auga porque dicían que era mala, e eu non facía mais que soñar con ríos.
Como non había médicos coma agora, cando nos cortabamos ou nos lastimabamos moito ían a árnica, cocíana e lavabamos as feridas con esa auga para que curaran mais rápido e para que non se infectaran, si a ferida sangraba moito botábanlle barro. Por certo antes había moita árnica en calquera prado e agora non hai ningunha.
O médico que había era para todo o axuntamento e tiña unha moto, onde había carretera ía nela se o chamaban para atender a algún enfermo; onde non había carretera había que ir buscalo nun cabalo. Se había que quitar un enfermo tiña que facerse nunha camiña ata onde houbera carretera. Por exemplo un irmao meu que se operou de apendicite, ós nove días de operado déronlle a alta e tiña que vir andando dende onde o deixou o coche oito ou nove quilómetros pero no medio do camiño parou e sentouse e dixo que el non podía andar mais e houbo que ir buscar un tractor para poder traelo para casa.
Cando os nenos pequenos choraban mito e non tiñan febre dicíase que era das lombrigas, entón pisaban follas de menta con leite e dábanllo a beber para matalas. Se tiñas catarro, poñíanche na espalda, polos lados, na columna, no peito e na planta dos pés sebo sen sal, que é a graxa das ovellas, e poñían papel de estraza por encima.
Para moitas enfermidades da pel había bendicións e tamén para as queimaduras e as belidas.
O liño.
O liño daba moito traballo porque había que sementalo no mes de abril ou maio; despois de nacido había que arrancar as malas herbas, o que lle chaman mondalo, e despois no mes de agosto arrancábase. Había que arrincalo e ripalo, que era quitarlle a graíña e despois púñase en lotes pequenos e metíase na auga nove días. Ós nove días quitábase e estendíase nun campeiro a secar e axiña que estaba ben seco recollíase.
Despois de inverno as mulleres preparábano, poñíano en presas pequenas e mazotabano co mazote. O día que cocían o pan axiña que quitaban o pan do forno cando aínda este estaba quente metían o liño para que quecera e amazotabano quente e despois había que tascalo. Outro día cando volvían cocer co forno quente despois de sacar o pan metían o liño no forno para que quecera e amazotalo logo e tascalo.
Despois de tascalo o liño restrelábase para poñelo na roca para poder fialo, despois púñase en meas para cocelo e para que branqueara. Había que cocelo con cinza do lume para que branqueara o mais posible mesturándolle xabón de lavala roupa. Despois púñase a clareo, estendíanse as meas para que o sol as branqueara aínda mais. Cando xa estaba lavado e blanqueado e se secara recollíanse as meas e debanabase para despois tecer sabos e colchas
(Oliva Martínez é alumna da Uned Senior de Xestoso-Paderne).
Martínez Pico, Oliva
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora