O faro do "Mar en calma" da Chaira
Villares Mouteira, Félix - miércoles, 18 de diciembre de 2013
No país da Fisterra, neste país -en palabras de Alvaro Cunqueiro, un dos seus fillos máis egrexios- «fermoso e eternamente verde que chamamos Galicia», hai unha comarca chamada Terrá Chá ou A Chaira, na que os ríos van mainos e caladiños para non espertar -segundo di unha fermosa lenda- ó Neno Xesús que dorme no colo de súa nai cando vai camiño de Exipto.
Na Chaira hai un pequeno pobo, pero cun corazón grande, no que cada ano, polo Nadal, ten lugar un milagre: máis de corenta mil almas de Galicia, e mesmo de fóra, se achegan ata el. Este pequeno gran pobo é, como o bautizou o Colectivo Amencer de Mondoñedo, Begonte do Belén.
O eximio bardo nacional deste país e desta comarca, que tan ben cantou, Manuel María para quen desde aquí se pide o Día das Letras Galegas do 2015- dixo que a Terra Chá é «semellante a un mar en calma». A través deste «mar en calma» fan a súa singradura, no barco da vida, eses milleiros de navegantes que van á procura da luz do faro que é o Belén Electrónico de Begonte.
Ó final da singradura, estes miles e miles de navegantes atópanse seguros no faro de Begonte do Belén. Alí está o Centro Cultural «José Domínguez Guizán», que acolle, desde hai máis de corenta anos, o Belén máis fermoso de Galicia. O punto central é o misterio de Deus feito home no seo de María que naceu un día historicamente en Belén e que agora vén ó noso encontro en cada muller e en cada home, en cada acontecemento... O posto máis destacado é para o Portal co Neno Xesús, coa Virxe María, con San Xosé, co boi e coa mula. Por suposto, non faltan tampouco os anxos, os pastores, os Reis Magos, o pazo do rei Herodes...
Pero tamén neste fermoso Belén -no que se recrea a vida nunha xornada enteira de calquera parroquia da Terra Chá- atopamos representados moitos oficios artesanais propios deste país (algúns desgraciadamente xa desaparecidos): os ferreiros, os serradores, os carpinteiros, a forneira, o oleiro, os pescadores, a fiadora, o cesteiro, o muiñeiro, os gadañeiros, os zoqueiros, as sachadoras, o picador da pedra do muíño... Aparecen ademais as construcións propias da Chaira: casas, muíños, alpendres, alboios, cociñas, palleiras...; nenos xogando no parque; mulleres tendendo a roupa no tendal, muxindo as vacas, cribando no trigo
Por iso, podemos dicir con propiedade, que este é un Belén que fai posible o diálogo fe-cultura, xa que é atractivo para os crentes e para os non crentes porque alí están presentes motivos relixiosos, motivos culturais, motivos etnográficos, motivos da cultura popular.
Os milleiros de navegantes que ata Begonte do Belén acuden, unha vez que cumpren cos ritos da obrigada singradura, volven felices e contentos á súa casa a través deste «mar en calma» da Chaira, despedíndose uns dos outros co o Nadal do próximo ano vémonos no Begonte do Belén.
Villares Mouteira, Félix