Noticias

Unha mostra do Gaiás reivindica artistas galegas que despuntaron nos 80 e cuxa obra non gozou da merecida visibilidade debido aos condicionantes de xénero

A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Comisariada pola docente, investigadora e crítica de arte Susana Cendán, Outras historias posibles pon o foco nestas seis mulleres pola relevancia de seu que ocuparon no seu día na arte contemporánea, pero tamén pola diversidade da súa obra e dos relatos que a acompañan. Historias nas que os roles de xénero, as estruturas sociais e educativas ou as tendencias e modas que priman determinados tipos de produción artística sobre outros, incidiron na visibilidade das súas traxectorias, ata o punto de chegar a abandonar a creación en favor doutras saídas profesionais, como é o caso da viguesa Laura Terré.

A Cidade da Cultura acolle este proxecto co fin de sumar, a partir do seu exemplo, relatos que engadan novas perspectivas de valor para enriquecer a narrativa dominante dentro da historia da arte. Un discurso onde as mulleres seguen relegadas con frecuencia ás marxes e notas ao pé por motivos alén da súa calidade. Revelar estas realidades acotío desapercibidas e celebrar a pluralidade do talento son os piares sobre os que Susana Cendán constrúe estas Outras historias posibles.

O espazo expositivo incluirá así unha ampla mostra de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas que permiten apreciar a traxectoria destas seis artistas, todas elas nacidas na década dos 50 do pasado século XX. Esta escolma compleméntase con entrevistas gravadas nas que son elas mesmas as que dan conta das súas inquedanzas vitais e profesionais.

A comisaria: Susana Cendán

Susana Cendán é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade exerce a docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda e no Grao en Deseño da Universidade de Vigo.

Xunto coa docencia, a súa traxectoria compleméntase con investigacións e proxectos expositivos relacionados coa construción cultural da identidade, a análise da indumentaria como unha forma de expresión creativa, ou a exposición de narrativas pexorativas ao redor da muller e, concretamente, da muller artista, reivindicando unha maneira plural de entender a arte.

A práctica curatorial enténdea como un instrumento eficaz para incentivar a crítica, dar visibilidade a problemáticas presentes nos debates artísticos, sociais e culturais, e afondar en aspectos relacionados coa creación contemporánea. Entre os seus últimos proxectos destacan Así nos ven. Así somos? A imaxe da muller na arte (Pinacoteca Fernádez del Riego, 2016), Un rolo de papel continuo (Universidade de Vigo, Afundación Vigo e A Coruña. 2017-2018), e Almudena Fernández Fariña. Pisando Charcos (CGAC, 2023).

R., 2024-05-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES