Notas de prensa

A exposición itinerante Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro recala na Casa de Galicia en Madrid

O obxectivo da mostra é dar a coñecer a figura e obra do escritor lucense que foi secretario do Centro Galego de Barcelona e "chegou a ser a ponte perfecta entre os galegos en Cataluña e a Galicia interior a través da súa poesía, da súa narrativa e das súas crónicas xornalísticas" que publicou, entre outros medios, en El Ideal Gallego, El Progreso e Faro de Vigo.

A figura do poeta lucense Manuel Oreste Rodríguez López (1934-1990) é protagonista da exposición itinerante "Manuel Rodríguez López. Emigrante galego, poeta obreiro" que se inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia co obxectivo de difundir a vida e obra do escritor de Paradela (Lugo) que a dicir de Méndez Ferrín, na súa tese "De Pondal a Novoneyra" é o máis grande poeta obreiro de Galicia da segunda metade do século XX. Foi organizada por GaliciaDigital coa colaboración da familia do escritor, o Concello de Paradela, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.

Na presentación da exposición interviñeron José Manuel Mato, alcalde de Paradela, Irene López, viúva de Manuel Rodríguez López, Xulio Xiz, xornalista, que falou en nome da familia do escritor, Antonio Giz, director de GaliciaDigital, e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

Todos eles se referiron á figura do poeta e a súa obra, da que destacaron, entre outras cousas, que foi secretario do Centro Galego de Barcelona e "chegou a ser a ponte perfecta entre os galegos en Cataluña e a Galicia interior a través da súa poesía, da súa narrativa e das súas crónicas xornalísticas" que publicou, entre outros medios, en El Ideal Gallego, El Progreso e Faro de Vigo. Tamén que a forza expresiva da súa poesía é froito do amor do autor por Galicia e o galego e da súa experiencia como obreiro en Cataluña nas décadas dos cincuenta, sesenta e setenta. Os seus temas recorrentes, sinalaron, son a terra, a emigración, o traballo e a defensa dos máis humildes.

A mostra está composta por oito paneis imprimidos polas dúas caras, dispostos de forma que permite a circulación do público arredor destes, e un audiovisual sobre o autor. Antes de chegar a Madrid estivo nas principais cidades galegas, polas que continuará o seu periplo, xunto coas catalás.
Manuel Rodríguez López foi emigrante en Barcelona -chegou coa súa familia aos seis anos-, onde desenvolveu unha importante carreira literaria que culminou na súa etapa lucense ata o seu falecemento. Foi nomeado Fillo Predilecto de Paradela, onde dá nome á Casa da Cultura e a un certame literario.

Máis información en www.manuelrodriguezlopez.org

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-maria-casares-2025.jpg) A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves 3 de abril a cerimonia de entrega dos XXIX Premios María Casares de Teatro, que congregará no Teatro Rosalía Castro unha ampla representación do sector escénico galego. Con dirección e dramaturxia de Fernando Dacosta, a compañía Sarabela Teatro será a encargada de conducir a gala desta 29ª edición, que tomará como referencia o concepto clásico das compañías ambulantes reflectido no cartel deste ano para poñer o foco nos diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. O elenco estará integrado por Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.
Foto de la tercera plana (facelafest-2025.jpg) O festival de música independente Facela Fest vaise celebrar na capital lucense os días 8, 9 e 10 de maio. Entre os grupos e artistas confirmados figuran The Undertones e Christina Rosenvinge, xunto con outros nomes nacionais e internacionais como VVV [Trippin'you], Margaritas Podridas, Stompin' Riffraffs, Marcelo Criminal, Black Ends, Kokoshka e Las Petunias. Tamén haberá presenza de bandas de Lugo e doutros lugares de Galicia como Grande Amore, Moloch, Pladür, Jade 4 ou Los Revelators. A inauguración está prevista para o xoves 8 de maio no Club Clavicémbalo, mentres que os concertos do venres 9 e o sábado 10 serán no exterior do auditorio Gustavo Freire.

Notas

Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017 'polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais' será o vindeiro convidado do Programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC, Jorge Mira Pérez. Thorne, que visitará a USC no mes de maio, especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme.
O campus de Ourense acolleu este xoves o lanzamento do foro de debate e divulgación científica Ãgora Termal. A entidade nace a instancia dun nutrido grupo de persoal docente e investigador do Campus Auga da Universidade de Vigo 'coa vocación de contribuír ao desenvolvemento do termalismo e propiciar o aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos de Ourense'.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES