Notas de prensa

Vázquez Abad visitou a exposición sobre a figura do emigrante galego e poeta obreiro Manuel Rodríguez López no Ateneo de Ourense

A mostra, que se pode visitar ata o 31 de xaneiro, repasa a traxectoria poética do que chegou a ser considerado o máis insigne poeta obreiro da literatura galega do século XX.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou a exposición coa que se lle rende homenaxe a Manuel Rodríguez López no Ateneo de Ourense, que chegou a ser considerado o máis insigne poeta obreiro da literatura galega do século XX. A mostra, que se enmarca nas actividades do proxecto que leva o nome do escritor, está promovida por Galicia Dixital e a familia do escritor co apoio da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Paradela, ademais da Deputación e o Concello de Lugo, a Real Academia Galega e, nesta ocasión, do centro ourensán, onde a exposición está a dispor do público ata o 31 de xaneiro.

O Goberno galego, a través do departamento de Cultura e Educación, apoia e promove diversas iniciativas para conmemorar esta efeméride e, deste xeito, renderlle un tributo ao que o conselleiro definiu como “un intelectual que viviu con orgullo o sentimento de pertenza á cultura galega, á que enriqueceu con achegas moi valiosas”. Xesús Vázquez Abad destacou tamén a traxectoria dun home que “obrigado de neno a iniciar o camiño da emigración, atopou nese tránsito forzado conciencia, saberes e pensamentos audaces, pero que nunca abandonaría a mirada transparente do neno nado en Paradela”.

O proxecto Manuel Rodríguez López, iniciado hai tres anos, está conformado por unha páxina web en galego, catalán, castelán e inglés, diversas publicacións e actividades, ademais desta mostra itinerante que xa percorreu parte da xeografía galega e o Centro Galego de Barcelona. Con el preténdese difundir a vida e obra do autor de Paradela, que con moi poucos anos emigrou a Cataluña converténdose no poeta en lingua galega que difundiu o labor dos seus paisanos na comunidade onde emigraron, constituíndo a ponte entre Galicia e Cataluña e chegando a ser considerado o máis senlleiro da literatura galega do século XX.

Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; o alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato; ademais da viúva do escritor, Irene López, o director de Galicia Dixital, Antonio Giz e a presidenta do Ateneo, Isabel Salgado.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-maria-casares-2025.jpg) A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves 3 de abril a cerimonia de entrega dos XXIX Premios María Casares de Teatro, que congregará no Teatro Rosalía Castro unha ampla representación do sector escénico galego. Con dirección e dramaturxia de Fernando Dacosta, a compañía Sarabela Teatro será a encargada de conducir a gala desta 29ª edición, que tomará como referencia o concepto clásico das compañías ambulantes reflectido no cartel deste ano para poñer o foco nos diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. O elenco estará integrado por Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.
Foto de la tercera plana (facelafest-2025.jpg) O festival de música independente Facela Fest vaise celebrar na capital lucense os días 8, 9 e 10 de maio. Entre os grupos e artistas confirmados figuran The Undertones e Christina Rosenvinge, xunto con outros nomes nacionais e internacionais como VVV [Trippin'you], Margaritas Podridas, Stompin' Riffraffs, Marcelo Criminal, Black Ends, Kokoshka e Las Petunias. Tamén haberá presenza de bandas de Lugo e doutros lugares de Galicia como Grande Amore, Moloch, Pladür, Jade 4 ou Los Revelators. A inauguración está prevista para o xoves 8 de maio no Club Clavicémbalo, mentres que os concertos do venres 9 e o sábado 10 serán no exterior do auditorio Gustavo Freire.

Notas

Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017 'polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais' será o vindeiro convidado do Programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC, Jorge Mira Pérez. Thorne, que visitará a USC no mes de maio, especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme.
O campus de Ourense acolleu este xoves o lanzamento do foro de debate e divulgación científica Ágora Termal. A entidade nace a instancia dun nutrido grupo de persoal docente e investigador do Campus Auga da Universidade de Vigo 'coa vocación de contribuír ao desenvolvemento do termalismo e propiciar o aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos de Ourense'.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES