Notas de prensa

Marta Pazos dirixe a primeira produción da galega Matrioshka: C'est la vie

Marta Pazos asina a dramaturxia e a dirección desta creación colectiva interpretada por Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo, que se representa no Salón Teatro de Santiago o domingo 19 de maio, ás 18.00 h, e o luns 20 e o martes 21, ás 20.30 h. Este espectáculo ofrece unha reflexión “caleidoscópica” sobre o tempo e mantén ao espectador nunha permanente sorpresa.

O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle a presentación en Santiago de Ces’t la vie, espectáculo de debut da nova compañía teatral galega Matrioshka, que acaban de poñer en marcha as actrices Anabell Gago e Lorena Conde. A súa primeira proposta é unha creación colectiva, que elas mesmas interpretan xunto a Chelo do Rejo e para a que contaron, ademais, con Marta Pazos na dirección de escena e na dramaturxia.

Na sede do Centro Dramático Galego (CDG) ofrecerán un total de tres funcións –o domingo 19 de maio, ás 18.00 horas, e o luns 20 e o martes 21, ás 20.30 h–, que foron presentadas hoxe en rolda de prensa polo director da compañía institucional, Manuel Guede Oliva, a directora Marta Pazos e as actrices Anabell Gago e Chelo do Rejo.

Ces’t la vie chega a Compostela no inicio do seu percorrido escénico, trala súa estrea o pasado mes de marzo na Estrada. Trátase dunha proposta contemporánea que, como explica a propia compañía, ofrece unha “reflexión intensa e caleidoscópica sobre o tempo e os seus rastros”. Pensada para espectadores a partir dos 14 anos de idade, a montaxe aborda o paso do tempo desde puntos de vista inauditos e sorprendentes, que van desde ese segundo que pode cambiar unha vida ao movemento acompasado entre o paso das horas e o corazón.

Montaxe fresca e evocadora

Neste sentido, as pezas da posta en escena ensámblanse con mimo e delicadeza, como se dun mecanismo de reloxaría se tratase, co obxectivo de transmitir ao espectador unha sentimento de frescura e evocación, así como de mantelo nun estado de sorpresa permanente durante os 60 minutos que dura a representación.

Xunto con Marta Pazos, quen acaba de recibir o Premio María Casares á mellor dirección pola montaxe Tokio 3 da súa compañía Voadora, finalista tamén dos Premios Max ao mellor espectáculo revelación; acompaña a Matrioshka neste debut un experimentado equipo artístico no que figuran nomes como Uxía P. Vaello no deseño dos figurinos e da coreografía, Cloti Vaello na realización do vestiario, Maraña na escenografía e no atrezzo, Trini F. Silva na maquillaxe e na perruquería, Javier Quintana na iluminación e no son, Inés Salvado na fotografía, Emilio Carral no vídeo e Culturactiva na distribución.

Esta novo proxecto xorde cando Anabell Gago e Lorena Conde, que traballaran xuntas en diferentes espectáculos, deciden poñer en marcha unha compañía propia a través da que levar a escena o teatro que elas mesmas desexaban ver como espectadoras. Matrioshka nace con vocación de futuro no ámbito da escena contemporánea, como unha decidida aposta artística por pezas imaxinativas, valentes e directas, cheas tamén de poesía e de sentido do humor.

Venda de entradas

As entradas para as súas tres funcións en Santiago de Compostela poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu prezo é de 5 euros para o domingo, día do espectador, e de 10 euros para o luns e o martes, con descontos do 40% para titulares do carné xove, estudantes, persoas en situación de desemprego ou xubilación e profesionais das artes escénicas que acrediten a súa condición.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES