Notas de prensa

Lugo recupera a tradición celta do Samaín cunha procesión de ánimas polo adarve da Muralla

Unha ducia de actividades gratuítas celébranse o mércores 31 de outubro e o sábado 3 de novembro nas prazas da Soidade e Campo Castelo. Obradoiros de cabazas, contos de medo e unha procesión de ánimas pola Muralla para recuperar a tradición celta do Samaín na cidade de Lugo.

Por segundo ano Lugo celebrará o Samaín, a vella tradición de orixe celta. Cabazas, contos de medo e conxuros son algúns dos ingredientes que compoñen a programación deseñada pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para celebrar o Samaín e que presentou esta mañá o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, acompañado por representantes das asociacións culturais de recuperación castrexa que participan nesta iniciativa (Trebas Galaicas, Taranis e Federación de Reconstrución Histórica Lugh) e dos hostaleiros de Campo Castelo.

Bao explicou que a programación, que terá lugar o mércores 31 na Praza da Soidade e o sábado 3 en Campo Castelo, está pensada fundamentalmente para os máis pequenos “porque son os que máis desfrutan con estas actividades”. O responsable de Cultura explicou que o obxectivo é que os nenos e nenas galegos “manteñan vivo o facho da nosa tradición para legala cara ao futuro”. Por iso, o Concello de Lugo súmase por segundo ano á celebración do Samaín e organiza unha completa programación vinculada a esta tradición. Baixo o título de Samaín 2012. Defuntos vivos e mortos, a área que dirixe Antón Bao propón unha serie de actividades deseñadas en colaboración con tres asociacións culturais especializadas na reconstrución histórica do mundo castrexo. O tenente alcalde sinalou que “a través do cine e das modas chégannos festividades foráneas como o Halloween americano, que resulta que afondan as súas raíces na cultura celta, así que esta iniciativa de celebrar o Samaín supón algo tan sinxelo, pero fundamental, como recuperar os nosos ritos”.

O programa abrangue obradoiros de cabazas, pintado de facianas e recortables de papel destinados aos máis pequenos, contos de medo, lendas celtas e procesións de ánimas. Ademais, celebraranse vistosos rituais de vivos e mortos e, para peche da celebración, tanto na noite do luns 31, a noite propia do Samaín, como na do sábado 3, celebraráse o conxuro da queimada e o adarve da Muralla acollerá a uns sorprendentes transeúntes: unha procesión de ánimas que portarán cabazas iluminadas con velas e fachos que serán depositadas en distintos puntos da Muralla.

A tradición do Samaín

A tradición do Samaín, que comparten con Galiza outras nacións de orixe celta como Bretaña, Escocia, Gales ou Irlanda, significa a fin do verán e o comezo do ano celta e celebrábase para honrar a recollida da última colleita e o regreso dos rebaños aos cortellos. A esa transición cara o inverno, e que supoñía o regreso aos lares, tamén vinculaban o retorno dos mortos ao mundo dos vivos e, durante esa noite máxica, os dous mundos convivían a través dunha serie de rituais no que os celtas mesturaban gastronomía, lume e contos para lembrar aos defuntos.

Estes costumes, co paso do tempo, perduraron asociados á celebración do día dos defuntos a través de tradicións como os contos de mortos, a súa lembranza con visitas aos cemiterios ou os doces propios da festa, como os chamados “ósos de santos”. Ademais, a propia antropoloxía do ser galego determina unha especial relación coa morte, moi presente na nosa cultura a través da tradición literaria e artística, e da propia concepción da vida. Por iso, non é de estranar, que o Samaín non desaparecera en Galiza e que se conservase a súa tradición en lugares como Bretoña, a Mariña ou na zona de Quiroga. Fóra de Lugo, está a ser recuperada en zonas de Ourense, Cedeira ou Pontevedra.

Atraer turistas a Lugo na ponte

Outro dos obxectivos que persegue a Concellería de Cultura e Turismo con esta celebración é o de ofrecer un programa de actividades que resulte atractivo para o turismo. “Os turistas van a lugares onde pasan cousas, polo que é imprescindible dotar de contido as visitas dos turistas, non só co patrimonio histórico e gastronómico que temos, senon con actividades de lecer que acheguen a nosa cultura a todos os que nos visitan dun xeito activo e participativo”, indicou Antón Bao. Con ese obxectivo prográmase o Samaín para esta ponte de novembro.

Outro factor que destacou o tenente alcalde é que as actividades, que son gratuítas e abertas a todo o público, desenvolveranse en distintos puntos da cidade. Con esta iniciativa, ao igual que se fixo durante as festas do San Froilán, preténdese facer partícipes aos hostaleiros e comerciantes de distintas zonas da cidade das actividades culturais que se organizan. Bao destacou, neste caso, a colaboración dos hostaleiros de Campo Castelo e afirmou que “a espita aberta no pasado San Froilán comeza a dar os seus froitos”.

Enrique Flores, pola súa parte, en representación da Asociación de Hostaleiros de Campo Castelo, afirmou que “os hostaleiros e comerciantes témonos que ir concienciando en colaborar con todo o entramado de actos sociais, culturais e deportivos da cidade, entre outras cousas porque somos os principais beneficiados de que estes actos se celebren”, dixo.

SAMAÍN 2012
Defuntos vivos e mortos
____________________________________
Data: Mércores, 31 de outubro 2012
Actividade: SAMAÍN
Lugar: Praza da Soidade
Hora: A partir das 17:30
Programa:
Obradoiros de cabazas
Contacontos
Globoflexia
Procesión de ánimas pola muralla
Ritual Celta
Conxuro da queimada
Concurso de cabezas talladas
Organiza: Federación de Reconstrución Histórica Lugh
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

________________________________________
Data: Sábado 3 de novembro 2012
Actividade: SAMAÍN
Lugar: Praza do Campo Castelo
Programa de actos:
-Tarde a partir das 17:30. Samain dos nenos
Baleirado de cabazas
Exposición sobre "Guerreiros Galaicos"
Coloreado e recortado de cabazas e figuras
Pintado de facianas con pictos galaicos
Globoflexia (con Globeando)
Xogos Galaicos
Cabezudos Malux e Péximux
Merenda do Samaín: Gran Chocolatada gratuíta, ás 18.00
-Noite a partir das 21:00
Conxuro e queimada, ás 21:00
Desfile de pequenas ánimas pola muralla, ás 21:15
Conxuro e queimada, segunda quenda, ás 22:30
Desfile de fachos pola muralla e Praza do Campo Castelo
Amenizado polo grupo de gaitas e percusión de Trebas Galaicas
Organiza: Asociación Trebas Galaicas
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo, 2012-10-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (galiverso-pedra_cabe.jpg) O Galiverso, proxecto de realidade virtual impulsado pola Xunta de Galicia, estrea unha nova experiencia que achega ao público marabillas naturais, arqueolóxicas e históricas de Galicia nos que a pedra é a protagonista. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación do novo Galiverso no corazón da pedra, que pode visitarse a partir desta tarde na Cidade da Cultura e do que tamén poderá gozar o público que esta fin de semana se achegue a Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá no encontro organizado pola Asociación Galega do Hidróxeno en Oleiros para analizar a Call for Interest do corredor europeo de hidróxeno verde H2Med. Durante a súa intervención, amosou o apoio do Goberno galego ao proxecto H2Med e reclamou a conexión do ramal Guitiriz-Zamora ao Corredor Ibérico do Hidróxeno. Fernández Vila incidiu na importancia de conectar Galicia co resto de España para o transporte de hidróxeno verde cara a Europa, xa que a conexión Guitiriz-Zamora, da cal defende a súa extensión ata A Coruña, quedou inicialmente fóra da primeira listaxe de Proxectos de Interese Común (PCI).

Notas

As enfermidades autoinmunes afectan na actualidade entre o 3 e o 5% da poboación mundial e están aumentando de maneira drástica, probablemente como resultado de cambios na nosa exposición a factores ambientais. Padecer unha enfermidade autoinmune implica que o noso sistema inmunolóxico ataca por erro, cando se atopa co noso propio ARN, as células sas dos nosos órganos e tecidos.
O Belén, declarado de Interese Turístico de Galicia, é artesanal e electrónico, e atrae cada ano a arredor de 40.000 visitantes. Poderá contemplarse do 30 de novembro ao 1 de febreiro; entre Nadal e Reis estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas, e nas restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos, aínda que se poden concertar visitas de grupo noutras xornadas. Como principal novidade, este ano empeza a incorporar figuras procedentes do Belén que instalaba no antigo Hospital Xeral o sacerdote Edelmiro Ulloa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES