Notas de prensa

Teatro do Morcego recupera a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse

O Salón Teatro de Compostela ofrece unha función da versión de Os vellos non deben de namorarse recuperada por Teatro do Morcego o venres, 11 de marzo, ás 20:30 h. A obra regresa aos escearios galegos dez anos despois da súa estrea. Esta farsa en tres lances conta a historia de amor de tres vellos.

O Salón Teatro de Santiago acolle o venres día 11 un único pase de Os vellos non deben de namorarse, versión da emblemática obra de Castelao asinada pola compañía galega Teatro do Morcego, que recupera este espectáculo para os escenarios dez anos despois da súa estrea. A función no espazo que xestiona o Centro Dramático Galego dará comezo ás 20.30 horas.

Celso Parada volve asumir a dirección escénica desta farsa en tres lances, cargados de humor, ironía e sarcasmo con finais de insinuado dramatismo. Un elenco integrado por 12 actores e actrices –Miguel Borines, Mónica Camaño, Andrés Giráldez, Celia González, Elina Luaces, Cristina Mariño, Iolanda Muíños, Miguel Pernas, Tatán, Miguel Varela, María Veiga e Mundo Villalustre– dá vida a esta farsa sobre os amores dos vellos D. Saturio, D. Ramón e o señor Fuco, que teñen a desgraza de poñer os seus ollos na mocidade garrida de Lela, Micaela e Pimpinela. Como consecuencia desa imprudencia, os tres acabarán falecendo: D. Saturio, envelenado cun solimán da súa propia botica; D. Ramón, deitado no esterco tras entregar a alma por un bico, e o vinculeiro señor Fuco, de felicidade por ter casado coa súa namorada.

Fundada en Cangas en 1989 por Celso Parada e Isabel Ávila, Teatro do Morcego é tamén a compañía residente de Narón dende hai dúas temporadas. Durante a súa ampla traxectoria, ten recibido importantes premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman ou os María Casares por Lazariño de Tormes, ademais de ser finalista en varias edicións dos devanditos galardóns. Xunto con Os vellos non deben de namorarse, destacan entre as súas producións O burgués fidalgo, de Molière; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, ou O club da calceta, de María Reimóndez, entre outras moitas. Na actualidade, tamén ten en cartel A nona, a partir da obra de Roberto Cossa, e o musical para público familiar Saltimbanquis.

A obra

Cando o 14 de agosto de 1941 a Compañía Gallega de Comedia Maruxa Villanueva estreou no Teatro Mayo de Bos Aires a peza Os vellos non deben de namorarse, único texto teatral asinado por Castelao, nacía, sen el sabelo, unha das obras máis emblemáticas do teatro galego, así como a máis representada. Aquel "simple experimento artístico", como era definido con modestia polo seu autor, botou a andar tras a fascinación que en 1921 lle producira en París o Teatro da Arte de Nikita Balieff, "tan novo e tan orixinal, que é a estilización de todo: parola, música, pintura, danzas”. Castelao descubriu entón as posibilidades que tería para un teatro popular galego a aplicación de certos usos de estilización poética do imaxinario colectivo.

As entradas para asistir á representación da versión de Os vellos non deben de namorarse a cargo de Teatro do Morcego poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Ademais, xa está dispoñible a súa venda por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (lorca-hombre-y-joven-marinero.jpg) A obra Hombre y joven marinero (1929), do poeta e artista Federico García Lorca e pertencente á colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará o 2 de maio no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869. A Fundación Camilo José Cela continúa así co seu labor de conservación, difusión e proxección internacional do seu valioso fondo artístico e documental, favorecendo o diálogo cultural arredor dunha das figuras máis senlleiras da literatura e da arte do século XX.
Foto de la tercera plana (castelao-isaacdiazpardo.jpg) A figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será divulgada a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Entre elas estarán 'Celebrando a Castelao. O artista polifacético', de Rubén de Lis, dúas edicións da emblemática obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse', os discursos institucionais de Castelao (da man da Fundación Castelao) ou a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936 (en colaboración co Instituto Padre Sarmiento).

Notas

Os profesores Francisco J. Fernández, Juan J. Nieto, Adrián F. Tojo, de CITMAGA e da USC, xunto co profesor Iván Area, de IFCAE e da UVigo, acaban de publicar un traballo na prestixiosa revista internacional Nonlinear Analysis: Real World Applications, no que conseguen predicir a expansión da avespa Velutina. Utilizando ferramentas matemáticas de recente desenvolvemento teórico, empregaron datos sobre a localización de niños para predicir a localización dos futuros.
O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, desenvolveu un bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos. Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp, desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES