Notas de prensa

Alonso Montero, doutor honoris causa pola UNED

Coincidindo coa celebración do Día da UNED o catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero foi investido doutor honoris causa por esta universidade que conmemora o seu 37º aniversario con 61 centros asociados en España e 16 de apoio no estranxeiro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na investidura de doutor honoris causa do catedrático emérito de Literatura Galega Xesús Alonso Montero. Durante o acto, que tivo lugar no marco das celebracións do Día da UNED, a Universidade tamén recoñeceu as traxectorias de Jean Harris Harischelhar, especialista en lingua vasca; de Antoni Maria Badia i Margarit, especialista en catalán; e de Humberto López Morales, especialista en lingua castelá.

Ademais de honrar as brillantes traxectorias académicas e profesionais destes profesores, a UNED quixo poñer de relevo a través deste acto o seu compromiso coa ensinanza das catro linguas oficiais do Estado, que vén impulsando en estreita colaboración cos diferentes departamentos de Política Lingüística das respectivas comunidades autónomas.

Nesta liña, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a apoiar a UNED para impulsar o recoñecemento do galego no marco da realidade plurilingüe do Estado español a través da oferta docente desta lingua por parte da universidade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén colabora con outros organismos para promover unha maior oferta de estudo da lingua galega, como é o caso do Instituto Cervantes.

Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero é académico da Real Academia Galega, catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, erudito, polígrafo e ensaísta. Ten dedicado unha parte non pequena do seu incansable labor intelectual a estudar e divulgar figuras e feitos capitais da historia cultural e literaria de Galicia. Comeza a súa carreira como investigador en 1966 cando obtén o grao de doutor por unha tese sobre Manuel Curros Enríquez. Desde entón ata hoxe, ten publicados máis de 50 libros e é autor dun incontable número de artigos e ensaios.

37º aniversario da UNED

Ao longo de todo o día sucedéronse diversos actos en Madrid para celebrar o Día da UNED, cando se cumpren 37 anos da creación desta universidade. Actualmente, a UNED conta con 61 centros asociados en España e un total de 16 centros de apoio no estranxeiro.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2010-03-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (comercio-2.jpg) O novo Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030 foi presentado pola Xunta de Galicia a través de 74 accións que, cun orzamento de máis de 320 millóns de euros, potenciarán e incrementarán a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector, que na nosa comunidades ocupa a máis de 107.000 persoas en máis de 32.000 establecementos, o que fai que Galicia sexa a quinta comunidade de España con maior número de empresas de comercio retallista.
Foto de la tercera plana (rueda-20250415.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, protagonizou hoxe un acto institucional para facer balance do seu primeiro ano de lexislatura, xusto cando van doce meses da súa investidura tralos comicios autonómicos de 2024. No encontro, celebrado baixo o lema Estilo Galicia e acompañado do seu Executivo, Rueda subliñou que a súa forma de gobernar está marcada 'polo compromiso co traballo ben feito, a escoita activa e a estabilidade institucional'.'Galicia avanza con paso firme, sen ruído, sen confrontacións e sen mirar a corto prazo', asegurou o xefe do Goberno autonómico, quen reivindicou a importancia de facer política 'desde o sentidiño, a esixencia e a vocación de servizo'.

Notas

O vindeiro luns, día 21 de abril, arrinca a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que dende hai un cuarto de século organiza a Aula de Teatro da Universidade de Santiago. Nesta ocasión subirán aos escenarios do Salón Teatro e da Sala Roberto Vidal Bolaño seis compañías de Santiago e Lugo e unha do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
O sector pesqueiro enfronta o desafío de optimizar as súas prácticas para reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia no uso de recursos. Neste contexto, o doutorando Francisco Bottero e o seu titor de tese, Manuel González, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, que traballan no Campus Industrial de Ferrol, desenvolveron unha investigación coa que lograron un avance significativo que podería transformar o deseño das redes de arrastre.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES