Notas de prensa

Política Lingüística impulsou en 2009 máis de 100 medidas do Plan Xeral de Normalización

Aplicar medios e estratexias que aseguren a eficacia das iniciativas para a dinamización do galego e mais a boa receptividade e implicación da sociedade no proceso, entre os novos retos da política lingüística de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsou durante o 2009 máis de 100 medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) para fomentar o uso deste idioma. Así o asegurou o responsable do departamento, Anxo Lorenzo, na presentación da publicación que recolle o balance do traballo realizado pola secretaría xeral durante o pasado ano.

O fomento da competencia en galego por parte da sociedade, o desenvolvemento da investigación sobre esta lingua, a súa dinamización social e a proxección exterior do idioma propio de Galicia fóra das fronteiras administrativas da comunidade foron as principais liñas de actuación da secretaría xeral, xunto con outras iniciativas como o impulso do proceso de coordinación dos poderes públicos para o fomento do galego. Boa parte das actuacións desenvolvidas nestas direccións durante o pasado ano, e que supuxeron o desenvolvemento de máis de 100 medidas do PXNLG, quedan recollidas na Memoria 2009 que vén de presentar publicamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Máis de 300 cursos para impulsar a competencia en galego por parte da sociedade

Anxo Lorenzo destacou que o labor impulsado polo seu departamento durante o 2009 posibilitou a posta en marcha dunha importante oferta formativa en lingua galega que se traduciu na realización de máis de 250 cursos preparatorios para obter o Certificado de lingua galega en Galicia, noutras comunidades do Estado e mais en diversos países de Europa e América. Así mesmo, a secretaría xeral organizou o pasado ano arredor de 80 cursos de linguaxe administrativa e xurídica en galego para a formación do funcionariado das distintas administracións.

O secretario xeral tamén falou das iniciativas levadas a cabo para fomentar o desenvolvemento da investigación sobre lingua galega, fundamentalmente a través dos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e da colaboración co Instituto da Lingua Galega e da Real Academia Galega.

A dinamización social da lingua galega constitúe un dos obxectivos prioritarios de Política Lingüística, polo que en 2009 este departamento puxo en marcha numerosas iniciativas nesta dirección, entre as que destacaron o programa Bocaberta, que levou preto de 1.000 actividades para os máis novos a máis de 250 concellos de Galicia, e as Festas e os Encontros dos Axóuxeres, un espectáculo que ten como obxectivo específico favorecer a transmisión do galego nas idades máis temperás.

As axudas aos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, a creación de novas ferramentas en galego en formato dixital ou os diversos proxectos para impulsar a incorporación desta lingua aos ámbitos empresarial e xudicial son outras das iniciativas desenvolvidas por Política Lingüística para a dinamización social da lingua galega. Ademais, en 2009 tamén se presentou un documento base para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario.

Co fin de reforzar a proxección exterior do galego, a secretaría xeral colaborou en 2009 cun total de 44 universidades de Europa e de América desde as que os centros de estudos galegos difundiron a lingua e a cultura de Galicia. Nesta mesma liña, posibilitou que máis de 1.000 alumnos e alumnas aprendesen galego nos centros educativos de Castela e León grazas ao protocolo de colaboración con esta comunidade, así como noutros centros de ensino de Cataluña, Londres ou Arxentina. A secretaría xeral tamén participou en proxectos de promoción lingüística internacionais e colaborou con institucións do Estado e da Unión para a promoción do galego desde a diversidade lingüística.

Anxo Lorenzo tamén destacou na súa intervención o esforzo realizado polo seu departamento para iniciar un proceso de coordinación dos poderes públicos para fomentar a lingua galega. Froito deste labor foron os traballos iniciais para a constitución da primeira rede de dinamización lingüística local, que favorecerá un marco que aspira á estabilidade común entre o espazo local e a Administración autonómica na promoción do galego.

Novos retos para a política lingüística de Galicia

Anxo Lorenzo incidiu durante a presentación do balance da actividade de 2009 en que “a Xunta de Galicia continúa a asumir o deber de promover unha política de fomento e de potenciación da lingua galega en todos os ámbitos sociais, un cometido que é común para toda a sociedade e no que o Goberno galego ten o mandato de implicar o maior número de entidades e de axentes sociais”.

Entre os novos retos para a política lingüística de Galicia, o secretario xeral destacou a importancia de que o seu departamento lidere o proceso de fomento do galego para “unir esforzos, coordinar iniciativas e alentar a súa aplicación”. Así mesmo, Anxo Lorenzo incidiu na necesidade de “consolidar a consideración das políticas lingüísticas como un eixe transversal na actuación da Xunta” e de “aplicar medios e estratexias que aseguren a eficacia das actuacións e a boa receptividade e implicación da sociedade no proceso”.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2010-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES