Notas de prensa

O Salón Gandagro, punto de encontro do sector agrario, gandeiro e forestal

O conselleiro de Medio Rural da Xunta aproveitou a inauguración do Salón Gandagro para reclamar a unidade do sector para afrontar as dificultades e reivindicou esta feira como espazo idóneo para afrontar a modernización do rural galego.

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, fixo unha chamada á unidade de tódolos axentes dos sectores agrario, gandeiro e forestal de Galicia fronte ás dificultades polas que atravesan na actualidade. Fixo estas declaracións na inauguración do I Salón Monográfico da Gandería e a Agricultura Gandagro, en Silleda, onde estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e no que tamén advertiu que no contexto actual, máis ca nunca, é preciso impulsar entre todos a produción, distribución e venda da produción agroalimentaria galega.

Para este fin, Alfonso Rueda destacou o papel da Fundación Semana Verde e do seu recinto feiral, ao que cualificou como “o espazo idóneo para afrontar a modernización da Galicia rural”. Así, a celebración de feiras monográficas como Gandagro, dixo, confirma o “oportuno xiro” do calendario feiral de Silleda cara a celebración de certames totalmente profesionais que responden ás verdadeiras necesidades dos sectores produtivos.

Punto de encontro

Juárez definiu este foro como un útil punto de encontro, que permite aos profesionais unha actualización de coñecementos básica para facer fronte aos retos permanentes da competitividade.

Engadiu que Gandagro constitúe tamén un escaparate privilexiado do mellor da nosa produción gandeira, unha boa mostra da súa calidade e que o titular de Medio Rural animou a manter entre todos: Os propios gandeiros, as autoridades con responsabilidades na materia e os consumidores finais, demandando sempre que se manteña a excelencia das nosas producións.

O conselleiro insistiu na aposta da Xunta polos sectores gandeiro, agrario e forestal como eixos estratéxicos da economía galega, e tamén pola súa importancia social e mesmo cultural, pola súa contribución ao mantemento da poboación e da súa calidade de vida no medio rural.

Datos de Gandagro

En Gandagro participan un total de 220 firmas expositoras de 12 países diferentes. De xeito paralelo a este monográfico celébrase tamén a sexta edición de Arco Verde –feira destinada a produtores de planta ornamental–, que reúne a 52 expositores.

No programa de Gandagro están previstas máis de 20 actividades, tales como xornadas técnicas, concursos gandeiros e de innovación, presentacións e exhibicións. No marco deste salón terá lugar o XXX Concurso Internacional de Raza Frisona “Open Gandagro”, que reunirá a 250 exemplares, tanto nacionais coma internacionais. Ademais, haberá diversas exposicións de razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural de la Xunta de Galicia, 2010-03-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES