
A Consellería de Economía e Industria vén de destinar máis de 16 millóns de euros ao financiamento de 246 novos contratos para a incorporación laboral de investigadores e tecnólogos a universidades e outros centros de investigación, segundo explicou o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, nunha roda de prensa celebrada en Santiago de Compostela. O investimento, procedente dos Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I, supón a transferencia de fondos aos organismos científicos para que realicen eles mesmos as contratacións.
As universidades son as principais beneficiarias das resolución publicadas a mediados de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG), xa que concentran o 76% dos fondos. En concreto, a Consellería de Economía e Industria, co cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), subvenciona a contratación de 190 investigadores e tecnólogos por parte das tres universidades galegas, o que supón un investimento total de 12,2 millóns de euros. O resto dos profesionais incorporaranse, grazas a estas axudas xestionadas pola Dirección Xeral de I+D+I, a centros de investigación e institucións non universitarias sen ánimo de lucro que desenvolven tarefas de I+D+I.
Capilla explicou que o obxectivo do Programa de Recursos Humanos é incrementar o persoal dedicado e especializado en actividades de I+D+I a través da creación e da consolidación de novos postos de traballo nos organismos públicos e privados do Sistema Galego de Innovación, a través de contratos con todos os dereitos laborais e non mediante bolsas. O programa establece dúas carreiras, a científica e a tecnolóxica, e estrutura cada unha delas en diferentes subprogramas segundo a fase na que se atope o profesional.
162 científicos
A carreira científica estrutúrase en tres etapas: formación, incorporación e consolidación. A primeira fase, a de formación, subvenciónase a través do Programa María Barbeito, dirixido a financiar a contratación de titulados superiores en etapa predoutoral. A resolución destas axudas permitirá que 73 investigadores poidan preparar o seu doutoramento, cunha integración laboral plena en grupos de investigación das universidades ou doutros organismos, percibindo unha dotación anual de 20.440 euros durante dous anos. O investimento total neste programa na súa convocatoria de 2009 para novas contratacións é de 2,9 millóns de euros.
A segunda etapa da carreira científica, a de incorporación, apóiase desde o Plan Galego de I+D+I a través de dúas liñas de financiamento. A primeira é o Programa Ángeles Alvariño, destinado a darlle soporte á contratación de investigadores que acadaran o doutoramento recentemente. Grazas á convocatoria de 2009 que vén de se resolver, os organismos de investigación beneficiarios percibirán axudas por valor de 3,6 millóns de euros para contratar a un total de 43 novos doutores, cunha subvención máxima de 28.000 euros anuais durante tres anos.
O outro programa centrado en apoiar a incorporación de científicos ao Sistema Galego de Innovación é o Parga Pondal, que nesta edición permitirá a contratación durante tres anos de 31 doutores que xa teñan acreditada unha formación investigadora en organismos científicos estatais ou estranxeiros. A axuda bruta anual por traballador é de 36.000 euros, o que supón un investimento total por parte da Consellería de Economía e Industria de 3,3 millóns de euros.
O programa que completa a carreira científica é o Manuel Colmeiro, con axudas correspondentes á etapa de consolidación e que xa se resolvera a mediados do pasado mes de decembro pasado garantindo a continuidade dos contratos de 13 investigadores de alto nivel nas tres Universidades galegas. A actuación, que implica o financiamento dos seus custos laborais ata o ano 2011, supuxo un investimento total de 1,7 millóns de euros (a sumar aos 16 millóns correspondentes ás resolucións publicadas en 2010).
Finalmente, a Consellería de Economía e Industria resolveu tamén nos últimos días as axudas correspondentes ao Programa I3 de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora en Galicia, complementario aos anteriores. Esta liña de axudas financia a contratación estable de investigadores cunha traxectoria destacada no Sistema Público de I+D+I, favorece a captación de investigadores españois ou estranxeiros de recoñecida experiencia e incentiva a incorporación de investigadores mozos con alto potencial en grupos emerxentes e consolidados. En total, nesta convocatoria concédense 15 axudas para a contratación de investigadores destas características cun investimento total de 1,95 millóns de euros para o período 2009-2011.
84 tecnólogos
A convocatoria de Recursos Humanos define tamén unha carreira de tecnólogo co obxectivo de aumentar e diversificar a capacidade en recursos humanos dos centros de I+D públicos e privados. A este propósito diríxense os programas Lucas Labrada e Isabel Barreto.
O Programa Lucas Labrada ten como obxectivo fomentar a formación e a especialización de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i en organismos públicos e privados. Nesta edición concedéronse axudas por valor de 1,5 millóns de euros para financiar 39 prazas de nova adxudicación cunha duración de dous anos por contrato. A dotación bruta anual é de 18.000 euros para os titulados en Formación Profesional de Grao Superior ou universitarios de primeiro ciclo e de 21.000 euros para os titulados universitarios superiores.
Pola súa banda, o Programa Isabel Barreto apoia a etapa de incorporación destes mesmos profesionais, nesta convocatoria cunha dotación total de 2,7 millóns de euros. Os organismos beneficiarios poderán formalizar 45 novos contratos cunha duración de dous anos e subvencionados cunha contía anual que oscila entre os 24.000 e os 36.000 euros segundo o grao académico da persoa contratada.
Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.