Notas de prensa

O CGAI presenta o filme restaurado Ano Santo em Compostela, a segunda película máis antiga que se conserva sobre Galicia

Trátase dunha cinta muda de 20 minutos de duración que recolle imaxes do Ano Santo de 1915. A copia foi restaurada a partir de materiais de nitrato conservados na colección da Cinemateca Portuguesa-Museu do Cinema.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) presenta o xoves, día 16 de novembro, ás 12.15 horas, en sesión aberta aos medios, a copia restaurada de Ano Santo em Compostela, o segundo filme máis antigo que se conserva sobre Galicia. Trátase dunha película muda de 20 minutos de duración que recolle imaxes do Ano Santo de 1915, e foi restaurada a partir de materiais nitrato conservados na colección da Cinemateca Portuguesa-Museu do Cinema.

A importancia desta película é maior se se ten en conta que só se conservan outras dúas cintas producidas ou rodadas en Galicia con anterioridade a 1920: Botadura del Acorazado Alfonso XIII (Ibérico FIlms, 1913, 3 minutos) e Miss Ledyia (José Gil, 1916, 21 minutos), custodiadas ambas nos arquivos do CGAI.

A presentación de Ano Santo em Compostela enmárcase no programa do ‘X Seminario de Arquivos Fílmicos. Recuperar, identificar, catalogar, restaurar e difundir o cine producido antes de 1920’, organizado en colaboración coa Filmoteca Española, e que se celebra na propia sede do CGAI durante os días 15, 16 e 17 de novembro. Os Seminarios-Talleres de Arquivos Fílmicos veñen sendo organizados pola Filmoteca Española desde 1990 co obxectivo de perfeccionar e coordinar a actuación dos técnicos dos arquivos de imaxes en movemento existentes en España. Esta é a primeira ocasión en que se celebran fóra de Madrid, contando coa participación activa, mediante mesas redondas e conferencias, de representantes de distintos arquivos internacionais (Cinemateca Portuguesa, Cinemateca Brasileira, Filmoteca da UNAM-México, Cineteca Nacional de Chile), así como de prestixiosos especialistas europeos en restauración fílmica.

Este décimo Seminario-Taller céntrase na recuperación, identificación, catalogación, restauración e difusión do cine producido antes de 1920 e conta cós maís recoñecidos especialistas na materia, dende o seu coordinador, Alfonso del Amo (Filmoteca Española), o mexicano Iván Trujillo (Filmoteca UNAM), Carlos Wendel de Magalhâes (Cinemateca Brasileira), os directores das diferentes filmotecas nacionais (Chema Prado, da española, Roc Vilas, da catalana, José Luis Rado, da valenciana, ou Peio Aldazabal, da vasca, entre outros) e os seus xefes de arquivo.

No Seminario, que atende ás investigacións desenvolvidas sobre o estado de conservación do cinema mudo, preséntanse diferentes restauracións ao tempo que se achega unha visión completa acerca da relación arquivos-mundo académico, a difusión en salas e medios electrónicos do cine mudo, as diferentes coleccións de películas, os usos das fontes documentais e a catalogación e restauración das pezas proxectadas.

O seminario está dirixido preferentemente a arquivistas de cine e televisión, pero nesta ocasión ofértanse tamén vinte prazas gratuítas para estudantes de áreas afíns tales como Biblioteconomía e Documentación, Comunicación Audiovisual ou Historia da Arte. Estas solicitudes de asistencia deben de dirixirse ao correo electrónico difusion@cgai.org, indicando nome e apelidos do solicitante, así como enderezo e teléfonos de contacto.

NotaANO SANTO EM COMPOSTELA

(Portugal, 1915)
Realización: Manoel Cardoso Pereira.
Produción: Invicta Film.
Investigación historiográfica levada a cabo por José María Folgar de la Calle, profesor de Historia do Cine da Universidade de Santiago de Compostela.
Dividida en tres partes, presenta vistas de Santiago de Compostela desde o monte do Pedroso, imaxes das peregrinacións que chegan á catedral, así como da procesión do Apostol.
A nova copia en 35mm quedará conservada no CGAI logo da súa presentación no X Seminario-Taller de Arquivos Fílmicos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-11-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (biblioteca-nenos.jpg) As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia súmanse á celebración de Día do Libro con preto dun cento de propostas que se espallarán desde a mesma data da efeméride, mañá, 23 de abril, ata finais deste mes. A ampla programación está dirixida a todos os públicos e vencellada á promoción e difusión do libro galego. Deste xeito, na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, festexarase co agasallo sorpresa de libros a todas as persoas usuarias e visitantes que se acheguen ata as súas instalacións o mesmo día 23, desde ás 9,00 horas ata esgotar existencias. Tamén ofrecerá visitas guiadas, ás 12,30 horas, nas que se dará a posibilidade de descubrir espazos habitualmente restrinxidos.
Foto de la tercera plana (libros-biblioteca.jpg) Baixo o título Onde florecen os libros, a cita inaugural será en Ferrol, do 25 ao 27 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 3 ao 11 de maio; en Lugo do 13 ao 17 de do mesmo mes, e no Porriño do 29 de maio ao 1 de xuño. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do día 12 ao día 15, mentres que en Ourense será do día 18 ao día 21. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 10 ata o 13 e en Rianxo do día 24 ao 27 de xullo. Finalmente, en agosto as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña do día 1 ata o 10, a Viveiro do día 12 ao 15, a Foz do día 16 ao día 19 e rematarán en Monforte de Lemos do día 20 ao 23 de agosto.

Notas

Unha mente aberta, un par de bos ollos dispostos a ver todo, unha pel sensíbel aos arrepíos, un estómago a proba de casquería e un gran corazón freak. Estas serían as pezas ou ingredientes que precisaría un doutor tolo para construír ao espectador perfecto do GFFF. Por sorte para o festival de cinema freak e fantástico de Vigo, cada ano son máis os freaks con estas particulares características que se suman con paixón ao seu exército de fans.
Xa pasaron dous anos dende que, por primeira vez, o CinVigo enchese a Porta do Sol de ciencia. Este festival científico organizado polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, ten como finalidade achegar o coñecemento científico a toda a sociedade e, tras o éxito das pasadas edicións, regresará a Vigo esta fin de semana coa terceira súa terceira edición, que un ano máis conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES