|
Vai para quince anos que un grupo de mozos da parroquia onde vivo decidimos medio en serio, medio en broma, formar unha cuadrilla de Reiceiros e saírmos a canta-los Reis. Recabamos información entre os vellos que saíran anos atrás cantalos, aprendímolos e o día cinco de xaneiro, arredor duns doce mozos botámonos a cantar de casa en casa pola nosa parroquia e máis pola veciña.
Dixen que iamos un pouco á aventura porque había vintetantos anos que se deixara de practicar este costume. Nos pensábamos que era un xeito de esmorga coma corre-lo Antroido e, a fé miña que levamos unha boa lección.
Na primeira casa onde pedimos licencia para cantar, tomáronnos de coña, pero cando viron que levábamos gaita de fol e percusións invitáronnos a entrar e a cantar. Nunha bucólica paisaxe: lareira, fume, cheiro a corte e vacas, e vella á beira do lume incluída, comezamos.
A xente que antes estivera de farra connosco, ó senti-las primeiras palabras e notas mesturadas, trocou os risos por un relixioso silencio. A velliña con párquinson movía os labios cantando as estrofas a canda nós, e unhas bagullas corrían polas súas meixelas. Os da casa agachaban a cara cos ollos encarnados e a todos se nos puxo un nó na garganta. Aquilo era unha celebración colectiva e nós un xeito de celebrantes dunha liturxia ancestral que en principio non atinábamos a comprender.
Pero o peor é que isto repetiuse en case tódalas outras casas, máis de sesenta, que visitamos ata o outro día ó mediodía. Se era moi noite, ían espertar ós nenos para que oísen os Reices. Se era día e o gando estaba fóra pacendo, ían buscalo para que tamén participase daquela especie de celebración-bendición-boa nova colectiva. Se os veciños da casa de enfrente estaban oíndo os Reices logo había que repetilos na súa
¿Que xeito de tradición descoñecida estábamos rememorando?. Cuadrillas de homes, mozos e nenos recorren as casas dando a boa nova cantando, relatando o feito da adoración dos Magos, a fuxida a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén
Camiño, sempre camiño. E as xentes ofrecen ós Reiceiros productos, ofrendas, pola boa nova, nun rito de fecundidade a un deus mesturado e inoncreto na forma pero real no fondo.
Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe. O Sol viaxa constantemente. O camiño é búsqueda dunha nova vida. Os Magos viaxan sempre pola noite, é dicir, con ausencia de sol e seguindo un sol pequeniño, a estrela, para ver o sol-neno en Belén.
O que vale principalmente nos cantos de Reis é a palabra, a letra do que se canta. Se os reiceiros comen estrofas, non saben ben o canto, ou non gardan a compostura necesaria, non son bos oficiantes. Rachan co feitizo. Os oíntes coñecen a palabra, oírona ano tras ano e sábena de memoria. Moitos deles tamén foron sacerdotes, algunha vez, desta liturxia. Canto esto acontece non hai aguinaldo.
A meirande parte dos vilancicos e cantos de reis e nadales (xeito de reis que se cantaban nalgunhas zonas de Galicia o día vintecatro de decembro) son de corte culto. Nótaselles na melodía e nalgunhas letras. Cambios modais, de tonalidade, de ritmos, de tempo, complicación musical
información rigurosamente bíblica nalgunhas letras
Esto propiciou que os estudiosos do folclore, que miran as cousas desde lonxe, sen se mollaren, despreciando coma sempre- o valor creativo do pobo, manteñan que a meirande parte dos vilancicos e cantos de reis son froito de compositores de altura
Pacheco
Certamente que Pacheco existiu, e compuxo, e coma el outros moitos. Non puideron sustraerse ó feito cósmico. E tampouco puideron fuxiren da capitalización que do Nadal fixeron as clases populares: Xesús nace nun pendello, hai un boi e unha mula, ofréndanselle productos do País
E compuxeron
¿adaptaron? ¿reelaboraron? melodías populares enriquecéndoas musicalmente (Pascual Veiga na súa Alborada, ¿con cantas alboradas populares contou para inspirarse?). Isto non resta méritos a quen souberon estaren á altura dos seus tempos e da súa xente, pero non me agrada que se neguen os méritos dun pobo culto que chea de significados pode ter esta palabra-. Que pena que os cultos só se manifestasen normais nesta época e utilizasen só aquí as linguaxes do seu pobo.
Saían, e saen, o día cinco de Xaneiro (os Nadales eran o 24 de decembro) en cuadrillas de tres, cinco
Formaban a cuadrilla un gaiteiro case sempre- e dous ou tres cantores. Pedían licencia para cantar e comezaba o relato. Logo do relato pedíase, cantando, o aguinaldo e de seguido interpretaban unha jota ou unha muiñeira e convidaban a danzar ós da casa. As estrofas cántanse alternativamente. Son melodías lentas, cantadas sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Semellan algunhas cantos gregorianos, con perdón. Son todo un estilo e unha escola de canto, guturais, písanse os finais de estrofa cos comezos.
As xentes dunha casa poden estaren na do veciño cando llos cantan, pero logo hai que cantalos, os mesmos, na casa deles. Por veces van buscar o gado, e logo, con el dentro, cántase. Se é pola noite e os meniños están a durmir, vanse espertar para que os oian.
En fin, todo un xeito litúrxico que nos dou moito que pensar a aqueles que fomos e imos cantalos ano tras ano. ¿Por que non probades?
|