Noticias

A Semana Santa consolida a crecente mellora da rendibilidade hoteleira, que medrou un 15% en marzo

O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Rexistrou preto de 305.000 viaxeiros que se aloxaron en hoteis e pensións e que fixeron algo máis de 562.000 noites. Con estas cifras, Galicia rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste terceiro mes do ano.

A comunidade galega colócase nunha posición relativamente alta no ranking de crecemento, cun dos máis importantes de todas as comunidades autónomas. De feito, cun incremento do 22% en demanda hoteleira, mellora en tres puntos a media do conxunto de España. En termos de volume, sitúase en marzo na oitava posición, por detrás de Canarias, Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Baleares e Castela e León. É tamén o primeiro destino do norte peninsular.

O 78% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional, polo que practicamente unha de cada dúas noites nos hoteis e pensións de Galicia corresponderon aos españois que veñen de fóra da comunidade. O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 30% mentres que o 22% restante corresponde ao turismo internacional.

R., 2024-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (praia_mar.jpg) O 97% das zonas rexistradas no censo de augas de baño de Galicia conta cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2023 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentado hoxe no Consello da Xunta. O Goberno galego iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada. Na pasada tempada, e con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia, a Xunta fixo públicas as augas de baño que pasan a formar parte do novo Rexistro de Augas de Baño de Galicia, ben na sección I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño, na sección II (augas de baño en avaliación) ou na sección III (augas con prohibición permanente do baño).
Foto de la tercera plana (arantza-portabales.jpg) A escritora Arantza Portabales recibiu o premio Clubs de Lectura 2024, por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.

Notas

O cancro anaplásico de tiroide, un dos máis agresivos e devastadores, actualmente ofrece poucas opcións de tratamento efectivas, cunha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas o 5%. Non obstante, un novo estudo abre a porta cara a unha terapia innovadora. A investigación foi realizada por persoal investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos os dous pertencentes á USC e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia (IDIS).
A Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña acolle o 'I Foro Transnacional. Arquitecturas do Mar e a súa Paisaxe Asociada', que supón o lanzamento do proxecto europeo SEALabHaus, no que arquitectos galegos e doutras rexións do arco atlántico español peninsular presentarán boas prácticas de rehabilitación, adecuación e intervencións, tanto en construcións litorais como na paisaxe asociada a elas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES