Noticias

A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia en 2021, tres trimestres antes que a media de España

A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España, segundo as contas económicas trimestrais do IGE como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo INE. En concreto, o PIB galego incrementouse un 7,6 % en 2021, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado; e un 4,1 % en 2022, tres décimas superior ao estimado nun primeiro momento.Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da Información de Contabilidade trimestral publicada hoxe polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.

Desde o punto de vista da demanda, no último trimestre, a demanda interna achega 0,9 puntos ao crecemento do PIB e a demanda externa, 0,2. O consumo privado aumentou un 0,2 % e o público un 5 %.

Desde a óptica da oferta, rexistraron taxas positivas o sector servizos (2,1 %) e o primario (0,9 %), cunha leve caída do da construción (0,1 %). Pola súa banda, as ramas industriais rexistraron unha taxa do -2,5 %.
Crecemento do emprego

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no segundo trimestre un 2,4 %, o que supón un incremento de 24.154 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

Por ramas de actividade, o emprego creceu en todas, un 3,1 % na construción, un 2,7 % nos servizos, un 1,3 % na industria e un 0,6% no sector primario.

R., 2023-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (doazon-tarxeta.jpg) Galicia rexistrou un aumento do 57% no número de doadores de órganos e do 32% nos transplantes durante os primeiros cinco meses de 2024 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Con motivo da conmemoración esta semana do Día Nacional do Doador de Órganos e do Día Mundial do Paciente Transplantado, a Xunta celebra as cifras acadadas, tanto de doazón como de transplantes nestes primeiros meses do ano. Tanto a Consellería de Sanidade como a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) remarcan a excelente evolución experimentada en Galicia polos programas de captación de doadores e de actividade de transplante.
Foto de la tercera plana (mit-ribadavia-2024.jpg) Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos. Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos, para a que xa están á venda os bonos en ataquilla.com. Poderán adquirirse por esta vía ata o 24 de xuño, data a partir da que as entradas restantes estarán dispoñibles tanto na oficina da mostra como na súa web.

Notas

O Centro de Estudos Avanzados da USC acolleu o encontro 'Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society', organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Neste evento, máis dun cento de persoas puideron coñecer como a ciencia de datos, unha disciplina que está a experimentar un notable crecemento nos últimos anos, achega un grande abano de solucións á sociedade en todo tipo de aplicacións diarias.
Co fin de mellorar a capacidade de reacción da sociedade fronte o cambio climático, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), forma parte dun proxecto europeo para a creación dun consorcio de infraestruturas de investigación. O obxectivo é ofrecer servizos de acceso transnacional e virtual para persoal investigador de todo o mundo que traballa no estudo da mitigación do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES