Notas de prensa

'Cibercarracho, -a', Palabra do Ano 2023 polo Portal das Palabras

O lema ciberdelicuente figura dende hai un tempo no Dicionario en liña da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a.

E esta é a voz que acaba de ser elixida Palabra do Ano 2023, nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén afectan cada vez máis particulares.

O vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na votación organizada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, a páxina web para a difusión do léxico galego promovida por ambas as institucións. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 por cento dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade.

Cibercarracho, -a fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

A mala sona da carracha no refraneiro

Da idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro, que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente. As molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en proverbios como Gando cativeiro, de carrachos cheo ou Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas. E as calidades negativas que se lles atribúen tamén están presentes dalgún xeito nesoutro dito que se aplica a quen presume do que non ten: Chufa, carracha, que logo vén o verán!

Retirarlles as carrachas a un animal require de moita paciencia, de aí que o nome deste ácaro tamén estea presente noutra expresión ben diferente, aplicable a unha persoa moi perfeccionista: Ãndalle catando os carrachos ao can.

Cibercarracho, -a incorpora agora esta palabra popular nun novo tempo marcado pola tecnoloxía, chea de oportunidades pero tamén de ameazas, que van deixando pegada no Dicionario. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega deu entrada nesta obra de referencia da lingua de noso no ano 2018 a diversas voces relacionadas con eses riscos, entre elas ciberdelicuente, xunto a outras formadas a partir do mesmo prefixo como ciberdelito, ciberataque, ciberseguridade ou ciberacoso.

Cibercarracho, -a é a décima Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Unha aplicación para xogar co Dicionario

Alén do labor de divulgación do léxico galego a través do Portal das Palabras, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié lanzaron neste 2023 a aplicación Ximnasio Léxico, que ofrece unha serie de xogos baseados no Dicionario da RAG, descargable de balde para dispositivos Android e iOs. As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir.

O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.

Enviado por José Antonio Sierra Lumbreras

Portal das Palabras, 2023-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (doazon-tarxeta.jpg) Galicia rexistrou un aumento do 57% no número de doadores de órganos e do 32% nos transplantes durante os primeiros cinco meses de 2024 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Con motivo da conmemoración esta semana do Día Nacional do Doador de Órganos e do Día Mundial do Paciente Transplantado, a Xunta celebra as cifras acadadas, tanto de doazón como de transplantes nestes primeiros meses do ano. Tanto a Consellería de Sanidade como a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) remarcan a excelente evolución experimentada en Galicia polos programas de captación de doadores e de actividade de transplante.
Foto de la tercera plana (mit-ribadavia-2024.jpg) Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos. Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos, para a que xa están á venda os bonos en ataquilla.com. Poderán adquirirse por esta vía ata o 24 de xuño, data a partir da que as entradas restantes estarán dispoñibles tanto na oficina da mostra como na súa web.

Notas

O Centro de Estudos Avanzados da USC acolleu o encontro 'Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society', organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Neste evento, máis dun cento de persoas puideron coñecer como a ciencia de datos, unha disciplina que está a experimentar un notable crecemento nos últimos anos, achega un grande abano de solucións á sociedade en todo tipo de aplicacións diarias.
Co fin de mellorar a capacidade de reacción da sociedade fronte o cambio climático, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), forma parte dun proxecto europeo para a creación dun consorcio de infraestruturas de investigación. O obxectivo é ofrecer servizos de acceso transnacional e virtual para persoal investigador de todo o mundo que traballa no estudo da mitigación do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES