Notas de prensa

Investigadores das universidades de Vigo e País Vasco estudan como anticipar os efectos negativos das innovacións tecnolóxicas

Abordar, dun xeito inclusivo, a definición de posibles escenarios futuros e as oportunidades e problemáticas asociadas a estes. Esta idea, articulada en torno ao concepto de gobernanza anticipatoria aberta, e a súa aplicación na introdución de innovacións tecnolóxicas constitúe o eixe do proxecto de investigación Terga, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU).

Neste proxecto, no que participa o coordinador do Post-Growth Innovation Lab da UVigo, Mario Pansera, insírese o seminario Imagining Alternative Futures, que este xoves e venres se desenvolve na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. O encontro reúne investigadores e investigadoras destas dúas universidades, co propósito de xerar un debate sobre “modelos de anticipación e creación de imaxinarios” que permitan “anticipar as consecuencias negativas da introdución de novas tecnoloxías” e sobre como “involucrar a cidadanía” nestes procesos, sinala Pansera.

“Na implantación da intelixencia artificial, ninguén preguntou á xente, ás persoas que non están traballando directamente no seu desenvolvemento, sobre cales poderían ser as súas implicacións negativas”, engade o responsable do Post-Growth Innovation Lab como exemplo desa idea de anticipación que centra o proxecto Tecnologías emergentes responsables: la construcción de futuros socio-técnicos mediante gobernanza anticipatoria abierta (Terga). Seleccionado na convocatoria de 2020 de proxectos de I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación, Terga ten como investigadores principais os integrantes do grupo Praxis da UPV/EHU Andoni Ibarra e Hannot Rodríguez e reúne un equipo multidisciplinar de expertos e expertas co obxectivo de construír un “marco robusto” de gobernanza anticipatoria aberta, dirixido a avaliar e orientar a aplicación de prácticas responsables anticipatorias na investigación e a innovación no ámbito das tecnoloxías emerxentes.

“A anticipación implica utilizar o futuro para tomar decisións no presente”, salienta Rodríguez dun concepto que, lembra, “non supón predicir”, senón traballar na “representación de posibles escenarios futuros, de maneira que habiliten prácticas no presente”. Nese senso, engade o investigador da UPV/EHU, trátase dun paradigma que supón “anticiparte a posibles problemas, que poden ser de índole ambiental, social ou ético”, pero que vai máis aló de abordar “posibles riscos e como evitalos”, xa que constituír “un elemento que guía ás prácticas do presente”. De aí que o proxecto poña o foco na idea da “gobernanza aberta”, posto que “a anticipación pode utilizarse tanto para abrir como para pechar escenarios”, xa que eses “futuros plausibles” poden determinarse con prácticas máis ou menos inclusivas e participativas. “Estás apelando ao futuro para determinar cuestións do presente”, lembra Rodríguez, que incide na necesidade de ver a anticipación “como unha ferramenta posta ao servizo do desenvolvemento de prácticas científicas e tecnolóxicas máis abertas a outras voces e perspectivas” e polo tanto, “máis tendentes a posibilitar un conxunto de escenarios máis amplo”.

Imaxinando futuros alternativos

No desenvolvemento deste proxecto, que se estende ata 2024, enmárcanse unha serie de seminarios dirixidos a debater os resultados acadados, como o que nesta xornada botou a andar na Casa das Campás, que busca tamén pór en común as liñas de análise sobre anticipación co traballo desenvolvido polo Post-Growth Innovation Lab nos ámbitos do poscrecemento, decrecemento e innovación responsable. Tras a súa apertura por parte de Pansera e Rodríguez, a xornada arrancou cunha conferencia do investigador da UPV/EHU e da Universidade de Twente Sergio Ureña sobre ese concepto de anticipación e innovación responsable e continuou coa presentación de dous casos de estudo por parte dos investigadores do Post-Growth Innovation Lab Alejandro Fortuny e Poonam Pandey.

As intervencións de David Rodríguez, que afondou nunha das liñas de traballo do proxecto, a aplicación da gobernanza anticipatoria aberta no eido da nanomedicina, e de Hannot Rodríguez completaron a sesión matinal dun seminario que continúa esta tarde cun relatorio do tamén investigador da UVigo Javier Lloveras sobre o dereito a reparar. Esta primeira xornada complétase coas intervencións de Juan Tallería e Jo Beker, xunto cun debate final. Xa o venres, a actividade pecharase cunha xornada de análise sobre esa “anticipación de futuros alternativos”, coordinada por Ureña.

Da definición á súa aplicación

De tres anos de duración, entre os obxectivos do proxecto Terga figura tamén, xunto ao desenvolvemento dese concepto de anticipación, unha análise das prácticas de investigación e innovación responsable (RRI) no ámbito das tecnoloxías emerxentes. A idea, engade Pansera, “é empezar a falar dos problemas que poidan xurdir antes de introducir as novas tecnoloxías, implicando a distintos actores”, en lugar de que, unha vez implantadas, “caracterizar o risco” e deseñar leis para limitalo.

Nese senso, o proxecto busca non só desenvolver esa idea de gobernanza anticipatoria dun xeito teórico, senón tamén tratar “de implantala nunha experiencia”, como explica Rodríguez. Con ese propósito, conta coa participación da empresa Applied Nanoparticles, unha spin offf do Institut Català de Nanociencia i Nanotecnología (ICN2), na que se tentará “operativizar ese concepto, nun proxecto de nanomedicina, incluíndo diferentes actores sociais”.

Universidade de Vigo, 2023-06-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (outras-historias-posibles-uvigo.jpg) A mostra 'Outras historias posibles' é un proxecto que promove desde a Cidade da Cultura unha mirada diversa sobre a historia da arte contemporánea galega, reivindicando as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. A mostra reúne no Museo Centro Gaiás máis dun cento de pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha delas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente. A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en Outras historias posibles como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.
Foto de la tercera plana (incendios-silvicultura.jpg) A partir deste xoves, 30 de maio, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.

Notas

O xurado do VII Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións 2024, que outorga a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC creada co apoio de Turismo de Galicia, acordou outorgarlle o galardón á tese de doutoramento Caminhos que se cruzam. A assistência aos peregrinos e viajantes no Norte de Portugal: as Misericórdias (séculos XVII e XVIII), defendida por Liliana Andreia Valente Neves no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho, Portugal, no 2023.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña inicia este mes de maio a 2ª edición do 'CITEEConto que facemos...!'. Trátase dun ciclo de conferencias nas que se falará sobre temas de vangarda relacionados coas diversas áreas tecnolóxicas do centro, e que se iniciará cunha acgtividades sobre a enxeñaría estrutural con madeira.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES